De Punxín á Pokemon. Os veciños manteñen o peche polo prezo da auga

O Barbantiño, en Punxín, un concello cruzado por ríos e regatos no que a auga é un problema © http://punxin-orense.blogspot.com.es/

Punxín é un pequeno concello de menos de mil habitantes situado a apenas 18 quilómetros da cidade de Ourense. Porén, ás veces esta distancia semella moi superior. Por exemplo no que respecta ao seu servizo de augas que, nunhas terras cruzadas por ríos e regatos -comezando polo Barbantiño-, virou un pesadelo nos últimos tempos para os seus veciños e veciñas. Dende hai máis de cinco días manteñen un encerro na Casa do Concello para protestar polo incremento do prezo da xestión de augas, que se triplicou dende 2010, e demandar que se reduza, cando menos, até a metade. Os veciños explican que pagan até 28 euros mensuais nas súas facturas, fronte aos 7 que abonaban hai tres anos ou os 3,5 ou 3,7 que se pagan nos concellos limítrofes de Cenlle ou Amoeiro. Este incremento únese ás denuncias que durante os últimos meses a veciñanza realizou pola calidade e salubridade das augas, que contiñan máis do dobre de arsénico do máximo recomendado pola OMS.

A pesar do evidente anoxo dos veciños e veciñas mobilizadas, as distintas administracións (concello, deputación e Xunta), todas gobernadas polo Partido Popular, decidiron ignorar as súas demandas

A pesar do evidente anoxo dos veciños e veciñas mobilizadas, as distintas administracións (concello, deputación e Xunta), todas gobernadas polo Partido Popular, decidiron ignorar as súas demandas, argumentando o ente provincial e o Goberno galego que o asunto é exclusivamente de competencia municipal. E defendendo o Concello que ten que aterse aos contratos asinados con Aquagest pola anterior corporación, que obrigan a un pagamento de máis de 100.000 euros anuais, o que leva ao incremento de tarifas.

 

"Pagamento encuberto" a cambio da concesión

En 2010, o Concello, gobernado polo socialista Alfredo Cruz Gago, privatizou o servizo de augas, outorgándollo a Aquagest e máis que triplicando o custe total, que pasou dos 38 mil euros anuais aos 107 mil euros

O conflito mesmo se mistura coa operación Pokemon e no seu sumario atopamos moitas das claves que axudan a entender como se puido chegar a esta situación. En 2010, o Concello, gobernado polo socialista Alfredo Cruz Gago, privatizou o servizo de augas, outorgándollo a Aquagest e máis que triplicando o custe total, que pasou dos 38 mil euros anuais aos 107 mil euros, o que representa ao redor do 30% do orzamento total do Concello. A pasada semana axentes de Vixilancia Aduaneira solicitáronlle á xuíza Pilar de Lara a imputación do ex alcalde e do apoderado de Aquagest, Casimiro G.F., ao acusar a Alfredo Cruz Gago de ter acelerado o procedemento de adxudicación da xestión do abastecemento de auga, a pesar de contar con informes contrarios dos servizos xurídicos da Deputación e da interventora municipal, que xa sinalaba a súa sorpresa polo incremento tan importante do custe do servizo.

Vixilancia Aduaneira cre ver "indicios de factura simulada para un pagamento encuberto" a cambio da concesión do servizo de abastecemento de augas

O informe tamén sinala que en 2009 Aquagest subcontratou a empresa de calefacción do alcalde para un traballo por un custe superior (26.622 euros) ao que Aquagest cobrou polo traballo completo (20.468 euros). Vixilancia Aduaneira cre ver neste acordo o "indicio de factura simulada para un pagamento encuberto" a cambio da concesión do servizo de abastecemento de augas. Tamén sospeitan da contratación por Aquagest, nesas mesmas datas, dun dos fillos do ex rexedor.

O sumario da Pokemon tamén revela que outra das empresas que se presentou ao concurso, Esconsu, ofrecía realizar o servizo de abastecemento por vinte mil euros menos ao ano e que, a pesar diso, o Concello optou por adxudicarllo a Aquagest

O sumario da Pokemon tamén revela que outra das empresas que se presentou ao concurso, Esconsu, ofrecía realizar o servizo de abastecemento por vinte mil euros menos ao ano (e levando unha porcentaxe de beneficio industrial moi inferior) e que, a pesar diso, o Concello optou por adxudicarllo a Aquagest. Nos documentos sinálase, ademais, que Aquagest xa viña recibindo previamente do Concello (entre 2007 e 2009) ao redor de 50 mil euros anuais por asistencia técnica e a realización de analísticas, unha concesión que recibira sen pasar polo preceptivo concurso público.

 

O arsénico, tamén na Pokemon

O Seprona denuncia que a Consellaría de Sanidade non lle abriu expediente sancionador ningún a Aquagest, a pesar de ser igualmente consciente de moitas destas irregularidades a través de varias inspeccións

Foi o incremento desproporcionado das taxas, produto deste acordo, agora baixo investigación, con Aquagest, o que levou os veciños a realizar analíticas da auga que recibían nos seus domicilios. Foi grazas a esas análises que descubriron que a concentración de arsénico era de 23 microgramos por litro, máis do dobre do límite recomendado pola Organización Mundial da Saúde. O arsénico, velenoso en concentracións elevadas ou consumo prolongado, pode causar enfermidades na pel, vómitos e mesmo cancro. A comezos de 2012 os veciños denunciaron a situación ante a Xunta, e en agosto dese ano a delegada do Goberno galego en Ourense prohibiu o consumo de auga.

Porén, a través do sumario da Pokemon podemos coñecer que o Seprona de Lugo realizou análises de todas as captacións de auga de Punxín e detectou un posible subministro consciente de auga contaminada con arsénico, a través dun pozo contaminado, pechado en 2011 pero aberto pouco despois sen realizar comunicación ningunha ás autoridades sanitarias. O Seprona tamén denuncia que a Consellaría de Sanidade non lle abriu expediente sancionador ningún a Aquagest, a pesar de ser igualmente consciente de moitas destas irregularidades a través de varias inspeccións (dúas en 2010 e outras dúas en 2011), como se recollen en actas documentais.

Casa do Concello de Punxín Dominio Público Praza Pública
O Barbantiño, en Punxín, un concello cruzado por ríos e regatos no que a auga é un problema © http://punxin-orense.blogspot.com.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.