Sanidade protagoniza o 70% das queixas ao Valedor sobre a Xunta

Pacientes reciben quimioterapia nun hospital galego © Sergas

A sanidade pública ocupa e preocupa. En plena vaga de protestas polos recortes e pola entrada do sector privado nun ámbito tan sensible como os servizos públicos de saúde o informe anual do Valedor do Pobo preséntase como un espello desa preocupación cidadá. Aínda que a estatística oficial reflicte que a área de actuación na que o Valedor abordou un maior número de asuntos foi a de medio ambiente, con 655, o ámbito sanitario presenta un importantísimo número de queixas individuais, con case 11.000 e, no caso da Xunta, a Consellería de Sanidade é a protagonista de case o 70% das reclamacións que teñen o Goberno galego como obxecto.

No seu informe correspondentente ao ano 2013, presentado este martes, o propio comisionado parlamentario resalta que o número de queixas en sanidade é "rechamantemente máis elevado que o rexistrado no ano anterior" e atribúeo a "dous grandes grupos de queixas múltiples": as dos cidadans e cidadás que se dirixiron ao Valedor "para supervisar a actividade desenvolvida polo Hospital Povisa de Vigo", cerna das críticas pola súa asistencia, pola súa política de persoal e, sobre todo, polas súas elevadísimas listas de espera; e "para investigar a actuación administrativa a respecto do servizo de cirurxía pediátrica do complexo hospitalario de Ourense".

O Valedor advirte das repercusións dos recortes sanitarios na vida das persoas

Alén destes casos concretos, o Valedor aproveita o seu relatorio anual para realizar unha defensa da sanidade pública e mesmo para cargar contra algunha das medidas máis polémicas do PP, partido que designou como vicevaledor ao actual titular da institución, José Julio Fernández, que desempeña o cargo en funcións. "É incuestionable que o sistema público de saúde constitúe un dos piares fundamentais do noso Estado de Benestar", advirte o informe, no que se resalta que "calquera medida" de "eficiencia" na sanidade debe "preservar un sistema de saúde eficaz, equitativo e solvente".

"Algunhas das medidas adoptadas a través das recentes reformas lexislativas -abonda- xeraron claras desavinzas na cidadanía" e estiveron na xénese do "incremento da actividade supervisora" do Valedor. Os poderes públicos deben "avaliar as consecuencias" das súas medidas "nos colectivos máis vulnerables", e por iso o comisionado alerta das repercusións do copagamento farmacéutico, da minoración de persoal "sen un rigoroso proceso de análise" ou do xeito en que se xestionan as listas de espera e se informa delas á poboación.

A pobreza enerxética entra na axenda

Entre as novidades deste informe do Valedor destaca tamén a entrada da pobreza enerxética na súa axenda de prioridades. Así, dentro dos asuntos de industria, comercio e turismo o defensor galego asume boa parte das teses rexeitadas polo PP no Parlamento e no Congreso dos Deputados cando a oposición reclamaba, por exemplo, o establecemento de treguas invernais para evitar os cortes de subministros básicos a persoas sen recursos. "Estamos en presenza dun problema que sofren algunhas familias con persoas desempregadas, xubiladas ou de avanzada idade con escasos recursos económicos", sinala o documento.

O Valedor apela á Lei de Familia para que o Goberno aborde a pobreza enerxética mentres que o PP o rexeita no Parlamento

"O primeiro paso para solucionar este probelma deuno o Comité Económico e Social Europeo", di o Valedor, en referencia ao ditame do organismo comunitario no que se recomendan, entre outras medidas, as devanditas treguas de inverno. En Galicia, di, "este problema permaneceu en estado latente, pero a crise económica puxo de manifesto a súa existencia e a necesidade dunha atención específica", tal e como acreditan, di, algunhas das queixas recibidas na institución. 

Dada a existencia do problema e a súa repercusión sobre a vida das persoas o Valedor apela a unha das leis máis publicitadas e polémicas das promovidas pola Xunta, a Lei de Familia, para lembrar que ese texto legal "preceptúa que se dispensará especial atención ás familias con dificultades derivadas da súa estrutura ou das súas circunstancias e a aquelas que se atopen en situación de especial vulnerabilidade ou en risco de exclusión social". A mesma lei, subliña, fixa como obriga dos poderes públicos "recoñecer e amparar á familia" en "todas as súas manifestacións e forma de organización".

Feijóo, nun acto do Sergas © Ana Varela

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.