O BNG apela á república galega fronte a unha monarquía "de parásitos sociais"

Manifestación do BNG a prol da soberanía para Galicia CC-BY-NC-SA BNG

Unha das conclusións da décimo terceira Asemblea Nacional do BNG, celebrada en 2012, foi poñer o enfase en situar a consecución dunha república galega como obxectivo estratéxico da formación frontista. Na véspera do octoxésimo terceiro aniversario da proclamación da II República Española o Bloque vén de lanzar o seu manifesto Pola República da Galiza, unha exortación a "erguer a bandeira" dunha "república nosa, galega, social e democrática" fronte ao que definen como unha monarquía de "parásitos sociais que vive a corpo de rei a custa da cidadanía".

O Bloque enmarca esta apelacón nos "moméntos difíciles" que está a vivir o país nos que, din, se combina a "profunda crise económica" e o "proceso de recentralización política que mingua aínda máis a capacidade de Galiza para decidir sobre si propia". "Isto -subliñan- no medio dunha non menos profunda crise do sistema político españo, que atinxe todas as institucións" e especialmente a monarquía, "a mesma que veu funcionando como principal elemento simbólico dun sistema político que nos nega como nación".

O Bloque coida que "unha simple mudanza na forma do Estado non mudará nada" e avoga polo "Estado propio" para Galicia

A xuízo dos nacionalistas "o anacronismo que supón nos nosos días a institución monárquica" está a ficar "máis en evidencia" por mor dos "reiterados escándalos de corrupción que afectan ao Borbón e á súa familia". "Como é posíbel considerar compatíbel cos principios democráticos unha Xefatura do Estado que non é elixida pola cidadanía" e que foi "estabelecida pola graza de Deus e, no caso español, tamén pola de Franco?", pregúntanse. "Estamos diante dun residuo político do pasado", acrecenta.

Neste contexto, e "alén desta cuestión de esixencia democrática", o BNG chama a ir alén dos "luxos, os palacios, os iates, as cazarías e os divertimentos do Borbón" para, "por dignidade, erguer a bandeira da República" galega. Ese novo sistema político, din, estaría sustentado "no benestar, na xustiza e na igualdade; na educación, a sanidade, a vivenda e a cultura como dereitos; no laicismo, na defensa da terra e no respecto dos dereitos das persoas e dos dereitos nacionais de todos os pobos do mundo". "É evidente que unha simple mudanza na forma do Estado non mudará nada esencial no noso país", afirman. "Para podermos mudar realmente a situación precisamos de liberdade", cunhas aspiracións que "deberán concretarse, máis pronto que tarde, na construción do noso propio Estado".

Manifestación do BNG a prol da soberanía para Galicia CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.