0 Gardados para despois

Israel declara "inimigo" o Parlamento de Galicia

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Documentos relacionados

O pasado día 6 o pleno do Parlamento aprobaba unha breve declaración institucional en apoio a Palestina. "Co gallo do aniversario do comezo do éxodo do pobo palestino", todos os grupos do lexislativo galego -para saíren adiante, as declaracións institucionais precisan de unanimidade- reclamou que "a comunidade internacional" lle "esixa a Israel" varios puntos a prol dos dereitos humanos, a comezar polo "cumprimento das resolucións das Nacións Unidas". A declaración resultou especialmente molesta no Goberno hebreo, ata o punto de chegar a cualificar o Parlamento de Galicia de "inimigo".

Segundo vén de facer transcender a organización BDS Galiza apenas tres días despois da aprobación da declaración o embaixador de Israel en España, Alon Bar, remitiulle unha carta á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, para lanzarlle duros reproches. "Diríxome a vostede para transmitirlle a miña sorpresa pola declaración", dille Bar a Rojo. Para o diplomático, que o Parlamento galego reclame "o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas das que foron expulsadas" suporía "a desaparición do Estado de Israel". "Con esta esixencia -acusa- o Parlamento de Galicia únese aos peores e máis extremistas inimigos de Israel".

O embaixador sitúa o lexislativo galego entre "os peores e máis extremistas inimigos de Israel"

A misiva, remitida con copia aos voceiros de PP e PSdeG, Pedro Puy e José Luis Méndez Romeu, e tamén ao voceiro do PP no Congreso, Alfonso Alonso, e á secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, acusa tamén de situarse "fóra do que é o consenso da UE sobre os parámetros do futuro acordo de paz entre palestinos e israelíes e das posicións defendidas polos sucesivos gobernos de España". Segundo as conclusións do embaixador, aprobar unha declaración "con estes contidos e enfoques só serve para favorecer as posicións máis extremistas de quen perseguen a desaparición do Estado de Israel".

O Parlamento esixiu "o recoñecemento ao retorno das persoas expulsadas" e o respecto aos dereitos humanos

Ademais dos devanditos puntos o texto acordado por PP, PSdeG, AGE e BNG pediu tamén o "respecto absoluto dos dereitos humanos de palestinas e palestinos" e o "respecto absoluto dos dereitos colectivos do pobo palestino". Ademais, os deputados e deputadas manifestaron o "máis firme compromiso cos dereitos inalienábeis da persoa, coa liberdade e co máis pleno respecto á dignidade humana" e o Parlamento no seu conxunto propúxose non "escatimar esforzos en contribuír dende Galicia a construír unha orde internacional xusta baixo o respaldo da legalidade internacional, un mundo no que a forza fique sempre sometida ao dereito".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Beiras responde ao embaixador por carta

O voceiro de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, enviou unha carta ao embaixador de Israel tras reprocharlle este ao Parlamento galego a súa declaración institucional  en apoio do pobo palestino. Na misiva, Beiras asegúralle que as súas afirmacións son "totalmente inadmisíbeis" e considérao unha "inxerencia nas decisións soberanas" da Cámara de representantes do pobo galego.

Beiras cre "totalmente inadmisíbeis" as afirmacións do embaixador de Israel sobre o Parlamento galego

Segundo o líder de AGE, o escrito do embaixador é "un exercicio inaudito de soberbia alleo ás prácticas habituais e elementais da diplomacia" que se "completa cunha falta de respecto" ao escribila en castelán e non na "lingua oficial" do Parlamento. Beiras recórdalle que o seu grupo "reafírmase" na declaración institucional  e insístelle en que o Estado de Israel, que diferencia do pobo xudeu, somete a un "apartheid" aos palestinos.

Por iso, Beiras recórdalle que AGE "rexeita calquera tipo de racismo, incluído o antisemitismo ou o que practica a UE coa súa poítica de fronteiras" e expresa o seu desexo de que algún día "un Estado laico garanta a convivencia dos pobos palestino e israelí".