Máis electores e máis candidaturas neste 25M

Colexio electoral en Lugo CC-BY-SA Merixo

Son uns 2,7 millóns os electores que este vindeiro domingo están chamados a votar nas eleccións europeas en Galicia, o que supón un 2,1% máis que en 2009 e o 7,4% do conxunto de Estado. Así o aclarou o delegado do Goberno, Samuel Juárez, que debullou este martes os datos destes comicios nos que 6.000 axentes, entre Garda Civil, Policía Nacional e Local formarán o dispositivo de seguridade.

Uns 2,7 millóns de persoas están chamados ás urnas nos comicios en Galicia, un 2,1% máis que hai cinco anos

Serán, ademais, 39 as candidaturas que concorran no país ás eleccións, catro máis que as que se presentaron hai cinco anos, e haberá preto de 60.000 electores máis que daquela. Do total de persoas chamadas ás urnas, case 110.000 son novos electores que cumpriron a maioría de idade desde os últimos comicios. Samuel Juárez, ademais, achegou algún dato curioso como o que indica que até os 40 anos hai máis electores homes que mulleres, un dato que é á inversa a partir desa idade.

Máis de 421.000 electores viven na emigración, aínda que a abstención na diáspora será histórica

Respecto do censo electoral, algo máis de 1 millón de electores corresponden á provincia da Coruña; 351.699 á de Lugo; 901.929 á de Pontevedra e 367.555 á de Ourense. Ademais, dos 2,7 millóns chamados a votar, 7.882 corresponden a cidadáns da UE residentes en España; 421.833 a españois residentes ausentes que viven no estranxeiro, aínda que  neste caso a abstención xa se prevé histórica, e o resto aos residentes en Galicia.

En total, haberá 3.618 urnas, delas 1.427 na provincia da Coruña, 1.137 na de Pontevedra; 536 na de Lugo e 518 na de Ourense. Ademais, serán 2.506 os colexios electorais distribuídos en toda Galicia. Haberá, así mesmo, 10.854 membros de mesa e 2.555 representantes da Administración. En total, distribuiranse 73 millóns de papeletas e 56.137 manuais, a os que se sumarán 2.547 tabletas.    

En canto aos resultados, calculase que arredor das 23 horas xa se poderá dispoñer de datos "moi avanzados". Así o asegurou Juárez, que agarda que os cidadáns poidan exercer o seu dereito ao voto "con total liberdade" e "en total normalidade".

Samuel Juárez CC-BY-NC-SA Minhap

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.