A irrupción de Podemos move os marcos nas sete cidades

Casa do concello da Coruña CC-BY-SA Jaume Meneses

Os datos das sete cidades galegas amosan unha fotografía moi semellante en todas elas. O PP gaña en todas, pero con porcentaxes de voto que non chegan ao trinta por cento, agás en Ourense. Superan os socialistas en todas elas, con diferenzas que van dos tres puntos de Vigo aos doce puntos de Compostela, e en conxunto estas dúas forzas pasan de sumar o oitenta por cento dos votos en case todas as cidades a ter menos do cincenta en todas elas. Para o PSdeG-PSOE, o alivio é a comparación cos desastrosos resultados obtidos nas urbes nas eleccións autonómicas, inferiores en todos os casos.

O PP gaña en todas, pero con porcentaxes de voto que non chegan ao trinta por cento, agás en Ourense

Os votos que perden PP de PsdeG-PSOE van para outras forzas, sobre todo cara á esquerda, e principalmente Podemos, que rolda o dez por cento dos apoios nas sete cidades (e os supera en Vigo, A Coruña e Ferrol). Os votos sumados de AGE, Podemos e BNG superan o trinta por cento dos votos en todas as urbes, agás Lugo e Ourense, onde roldan o 25%. Podemos supera o BNG en todas as cidades, agás Pontevedra, pero a súa irrupción semella detraer importantes apoios de AGE, que con respecto ás autonómicas de 2012, perde entre tres e oito puntos nas sete prazas.

Os votos sumados de AGE, Podemos e BNG superan o trinta por cento dos votos en todas as urbes, agás Lugo e Ourense, onde roldan o 25%

Na Coruña, o PP (26,78% dos votos), superou o PSdeG-PSOE (21,97%), pero ambos os dous partidos perderon 17 mil votos cada un, pasando de sumar o 83% dos votos a ter apenas o 47%. Pero se cadra a gran sorpresa foi o resultado de Podemos, que cun 12,33% se situou como terceira forza, por diante de AGE (12,09%) e BNG (5,97%). En comparación coas eleccións autonómicas de hai dous anos, o PP perde trece puntos, o PsdeG-PSOE gaña dous, AGE perde oito e o BNG dous.

En Ferrol, tamén gaña o PP (29,64%), por diante de PsdeG-PSOE (21,45%) e AGE (13,68%). Podemos sitúase como cuarta forza (11,41%) e o BNG é a quinta (5,96%). Ao igual que no resto do país, cómpre salientar a forte caída dos dous principais partidos, que obtiveran o 46% e o 39% hai cinco anos. En comparación coas eleccións autonómicas de hai dous anos, o PP perde doce puntos, o PsdeG-PSOE gaña un, AGE perde sete e o BNG dous.

Podemos supera o BNG en todas as cidades, agás Pontevedra, pero a súa irrupción semella detraer importantes apoios de AGE, que con respecto ás autonómicas de 2012, perde entre tres e oito puntos nas sete prazas

En Santiago de Compostela o PP obtén o 29,14% dos votos, por diante de PsdeG-PSOE (17,87%) e AGE (15,59%). Podemos é tamén aquí a cuarta forza, cun 8,82%, por diante do BNG (8,26%). Entre as tres forzas superan o trinta por cento dos sufraxios, máis que os populares. En comparación coas eleccións autonómicas de hai dous anos, o PP perde catorce puntos, o PsdeG-PSOE gaña un, AGE perde seis e o BNG mantense.

En Vigo, moita igualdade nos resultados finais. O PP é a forza máis votada, cun 25,48%, tres puntos máis que o PsdeG-PSOE (22,65%), pero ambos os dous partidos perden 22 mil votos cada un. AGE, cun 13,45% dos apoios, Podemos (12,43%) e BNG (6,69%), superan en conxunto o trinta por cento dos sufraxios. En comparación coas eleccións autonómicas de hai dous anos, o PP perde nove puntos, o PsdeG-PSOE perde dous, AGE perde seis e o BNG tres.

En Pontevedra, PP (28%) e PsdeG-PSOE (21,06%), superan ao BNG, terceira forza, e que a diferenza doutras urbes, crece en porcentaxe de votacións (10,23% en 2009). AGE é a cuarta forza (10,49%) e Podemos a quinta (10,25%). En comparación coas eleccións autonómicas de hai dous anos, o PP perde dez puntos, o PsdeG-PSOE gaña tres, o BNG perde oito e AGE tres.

Para o PSdeG-PSOE, o alivio é a comparación cos desastrosos resultados obtidos nas urbes nas eleccións autonómicas, inferiores en todos os casos

En Lugo, o PP obtén o 32,55% dos sufraxios, por un 23,36% do PsdeG-PSOE, perdendo seis mil e cinco mil votos cada un. AGE ten o 10,49%, Podemos o 9,45% e o BNG o 6,13%. En comparación coas eleccións autonómicas de hai dous anos, o PP perde doce puntos, o PsdeG-PSOE gaña un, AGE perde cinco e o BNG un.

En Ourense, o PP supera por pouco o trinta por cento dos votos (32,49%), pero sofre unha gran caída dende o 2009 (46,88%). O mesmo lle sucede ao PsdeG-PSOE, segunda forza, que pasa do 40,12% de hai cinco anos, ao 24,19% que obtén na actualidade. AGE (9,31%), Podemos (8,89%) e BNG (5,36%), suman máis de un de cada catro votos. En comparación coas eleccións autonómicas de hai dous anos, o PP perde seis puntos, o PsdeG-PSOE mantense, AGE perde tres puntos e o BNG dous.

Casa do concello da Coruña CC-BY-SA Jaume Meneses

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.