Sanidade copiou unha resposta do bipartito para explicar os peches de camas no verán

Respostas de Sanidade en 2006, co bipartito e en 2010, co PP CC-BY-SA Praza Pública

"Estas frases non son miñas, eran do Goberno do que o BNG formaba parte". Na primeira sesión de control ao presidente da Xunta tras as eleccións europeas a oposición, nomeadamente AGE e o BNG, preguntaban sobre xestión sanitaria e, concretamente no caso do Bloque, sobre os peches de camas previstos polo Sergas para o vindeiro verán. Na súa resposta o presidente da Xunta botou man da clásica técnica parlamentaria de empregar unha argumentación do Goberno anterior para reforzar as propias teses e pretender deixar en evidencia as críticas da oposición por ser contrarias á súa praxe cando gobernaba. En rigor, as frases lidas polo presidente non son súas, toda vez que formaron parte dunha resposta da Consellería de Sanidade datada en agosto de 2006. Así e todo, non é menos certo que, malia non ser "súas", o seu Goberno reproduciunas literalmente para explicar o mesmo tema case catro anos despois, en xuño de 2010.

O 9 de maio de 2006, cando Feijóo levaba uns poucos meses como líder do PPdeG, o seu voceiro en materia sanitaria, Miguel Santalices, dirixíase á Consellería de Sanidade para advertila de que "é coñecido" que "determinadas zonas ven incrementada a súa demanda asistencial" no verán "por mor de desprazamentos a estas zonas". "Tendo en conta a importancia de garantir un normal funcionamento dos servizos sanitarios" os populares preguntaban se a Consellería tiña "previsto reducir camas hospitalarias durante o verán" e, de ser así, "cal ía ser a redución".

Feijóo emprega a resposta do bipartito que reutilizou o seu Goberno para cargar contra o BNG

O 29 de xuño do mesmo ano o departamento daquela dirixido por María José Rubio emitía a resposta, que o Parlamento lle notificou a Santalices o 31 de agosto. Nese documento Sanidade explicaba que, "efectivamente", estaba prevista "unha planificación de camas durante a época estival", froito "dos menores índices de ocupación hospitalaria que, historicamente, acontecen durante esa época", resposta que este mércores Feijóo leu no pleno para responderlle ao nacionalista Francisco Jorquera. "A decisión sobre o alcance maior ou menor desta programación tómase tendo presente en todo momento o cumprimento do deber imprescindible que temos como responsables da sanidade pública galega de garantir en todo intre a seguridade e a calidade asistencial dos pacientes", dicía daquela a Consellería e le agora Feijóo.

Copiada en tempos de Farjas

Unha pregunta semellante á formulada polo PP en 2006 realizouna o PSdeG en abril 2010, aínda que encamiñada a coñecer as previsións de contratación de profesionais da pediatría para cubrir vacacións nos centros de saúde durante o verán. Á vista de ambos documentos cabe concluír que a Consellería, daquela dirixida pola conservadora Pilar Farjas -actual secretaria de Estado-, decidiu botar man dos arquivos do seu departamento para explicar, como fixera a súa predecesora, que "a decisión sobre o alcance maior ou menor desta programación" se tomaba "tendo presente en todo momento o cumprimento do deber imprescindible que temos, como responsables da sanidade pública galega, de garantir en todo intre a seguridade e a calidade asistencial dos pacientes".

A Consellería reproduciu en 2010 unha resposta redactada pola Consellería de Sanidade en 2006

A técnica de copiado e pegado funcionou tamén no parágrafo anterior, no que se detalla que "esta planificación" -no texto do bipartito falábase de "esta coidada planificación"- se realiza "conxuntamente coa valoración dos recursos humanos dispoñibles" pois, "como ocorre en calquera ámbito profesional ou laboral, o período estival é o máis demandado polo persoal para o disfrute das súas vacacións regulamentarias". A isto, sinalaba o bipartito para o conxunto do plantel médico do Sergas e o PP para pediratŕia, engádense "as dificultades que se atopan nestas épocas para proceder á substitución dos especialistas", dada "a escaseza que hai no mercado laboral".

O dobre de camas pechadas

A resposta redactada en 2006 e reproducida en 2010 era empregada polo presidente da Xunta para defender que, malia a deixar camas fóra de uso durante o verán, a asistencia sanitaria está garantida en todo momento. Dende a banda do BNG o seu voceiro, Francisco Jorquera, ironizaba coa posibilidade de que "os galegos e galegas esteamos máis saudables", dado o "récord en número e duración do peche de camas" que o Sergas prevé para o vindeiro verán. Segundo datos oficiais as camas que deixarán de estar operativas serán 1.095, un 140% máis que no último ano da coalición de socialistas e nacionalistas.

Os peches previstos para este ano superan nun 140% os de 2009

Naquel ano no que, dende a oposición, os populares amosaban a súa preocupación polos peches de camas a Consellería informaba que deixarían de estar operativas 532 fronte ás 636 que pechara o Executivo de Manuel Fraga no seu derradeiro verán. En 2007 as camas que non foron utilizadas no período estival descenderon ata 439 em despois dun ascenso ata as 520 en 2008, volveron baixar a 454 en 2009, ano do retorno do PP a San Caetano. Un ano despois, en 2010, as camas pechadas xa eran 588 e a conta non deixou de subir nos anos seguintes: 670 en 2011, 787 en 2012, 932 en 2013 e as devanditas 1.095 previstas para este ano.

Feijóo, con Farjas nunha visita ao hospital de Lugo © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.