O PP rexeita de novo iniciar a Lei de Publicidade pero insiste en que a Xunta a fará

Campaña de Industria, cun custo de 120.000 euros © Xunta

Hai debates que veñen regresando ao Parlamento de Galicia de xeito cíclico. O uso da publicidade institucional é, posiblemente, un dos conflitos máis recorrentes entre Goberno e oposición. Durante a pasada lexislatura o PPdeG cargaba con dureza contra os excesos publicitarios do Executivo bipartito e insistía en que o "desbalde" ía rematar co seu retorno a San Caetano. O mellor xeito de aforrar en anuncios é "non facelos", insistía Alberto Núñez Feijóo como candidato á presidencia da Xunta en 2009, ao tempo que anunciaba a súa intención de aprobar a Lei de Publicidade Institucional que PSdeG e BNG non foran quen de facer malia tela prometido.

Ese regreso produciuse e o novo presidente puña prazos: na primeira metade da lexislatura sería unha realidade. Nos primeiros meses de mandato o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, reiteraba esa promesa. A norma chegaría con esa premura por ser "urxente". Pero ese prazo foise dilatando e a lei aínda non chegou ao Parlamento. A oposición socialista tentou acelerar este martes o proceso pero, de novo, volveu bater cos votos do grupo maioritario.

Apenas dúas semanas despois de que o titular de Presidencia prometese por terceira vez impulsar a lei o PSdeG apostou, co apoio do BNG, por concretar prazos. A través dunha iniciativa de José Manuel Lage Tuñas esixían que esta regulamentación chegase antes da fin do actual período de sesións, isto é, antes do remate do mes de xuño. Trátase, segundo Lage, de poñerlle fin á "relación feudal cos medios de comunicación" e, ao tempo, "obrigar a facer públicos os contratos de publicidade" da Xunta e poñerlle fin aos convenios "discrecionais" entre o Goberno e a prensa. O voceiro do PP, Agustín Baamonde, di estar "de acordo en que hai que facer esa regulamentación" e en "separar a publicidade da propaganda". "Pero non compartimos nin as formas nin os criterios" da moción.

O conservador observa na iniciativa un "criterio de oportunismo político" e de "mero aproveitamento conxuntural como lle pasaba a Enrique IV de Francia" ao afirmar que "París ben vale unha misa". "O que lle preocupa é que o PP poda instrumentalizar os medios de cara a unha hipotética campaña electoral", evidenciou Baamonde. Pero o PP "é unha formación de ampla tradición democrática e sabe perfectamente que o control dos medios é imposible e pódese volver contra un mesmo". Ademais, asegura, "hoxe a xente non acode aos medios para informarse", senón para "reafirmarse". "O papel da prensa como cuarto poder está a ser posto en entredito", abonda. Malia todo, o popular mantén que o Goberno galego aprobará a Lei de Publicidade Institucional e agrega que "está a cumplir o calendario previsto", aínda que a metade da lexislatura se traspasase hai un ano. "Máis oportunismo ca necesidade", conclúe.

O PP asegura que non "instrumentalizará os medios" de cara á campaña electoral pola súa "ampla tradición democrática"

Para o autor da moción o PP escúdase "na defensa daquilo que é case imposible" para non impulsar a norma e manter "as dobres páxinas pagadas polo Goberno" con contidos de "autobombo" mentres "recortan en Benestar e Educación". En opinión do nacionalista Alfredo Suárez Canal os argumentos do PP na regulación da propaganda gobernamental correspóndense co dun presidente que é "un auténtico contacontos". "Iniciou a lexislatura co Frautista de Hamelin", "no seguinte período falounos doutro, A bela e a besta", sendo a besta "o bipartito nuns casos e o Goberno central, "noutros". Nas proximidades das eleccións xerais "cambiou o conto e pasou a ser A bela durminte", no que "o Goberno galego podía sestear porque coa chegada do príncipe Rajoy teríamos practicamente resoltos todos os problemas". Por último, a Xunta "pasou a Esopo". "Que vén o lobo, a crise ten nova dimensión!", ilustra Suárez Canal.

Campaña da Consellería de Educación © Xunta
Campaña de Industria, cun custo de 120.000 euros © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.