A xuíza da Pokémon imputa o alcalde de Ferrol ao sospeitar que Véndex lle pagou viaxes

Rey Varela e Diego Calvo, este luns nunha comparecencia sobre turismo © Concello de Ferrol

A mancha da Pokémon esténdese pola Galicia urbana e polo núcleo duro do PPdeG. A xuíza Pilar de Lara ditou este luns, mentres Alberto Núñez Feijóo realiza unha viaxe a Alemaña, unha providencia que provoca o enésimo terremoto político derivado deste caso, cunha investigación que xa dura case dous anos. O novo aluvión de imputacións ten desta volta entre os seus principais protagonistas ao alcalde de Ferrol e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, José Manuel Rey Varela, que terá que acudir aos xulgados de Lugo o vindeiro día 30 para declarar en calidade de imputado por un presunto delito de suborno. A mesma cita vaille chegar ao ex presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, contra quen ese día comeza un xuízo oral por un presunto delito de prevaricación.

Segundo fontes xurídicas consultadas por Praza Pública esta nova relación de imputacións, que afecta a un total de 18 persoas, chega a raíz das investigacións do Servizo de Vixilancia Aduaneira -empregado pola maxistrada como corpo policial- en varias axencias de viaxes. As dilixencias, indican as mesmas fontes, levan a De Lara a sospeitar que o grupo Véndex, empresa á que se considera no centro da presunta trama corrupta, lles pagou viaxes a estes dirixentes políticos. Agora trataríase de aclarar se estes agasallos tiveron contrapartidas na forma de concesión de servizos públicos ou outro tipo de contraprestacións.

A imputación por suborno esténdese a 18 persoas nunha providencia que cita como testemuño a Diego Calvo

Atendendo a esa providencia, a cuxo contido tivo acceso este diario, ademais de Rey Varela e Baltar Pumar tamén están imputados polo mesmo presunto delito o ex secretario do PSdeG na provincia da Coruña, Moisés Rey, a ex edil socialista de Ferrol Mercedes Carbajales e quen fora concelleiro do BNG na Coruña, Xan Martínez Cajigal. Ademais, esta nova citación por presunto suborno aféctalles tamén a outras persoas xa imputadas no caso como o primeiro tenente de alcalde da Coruña, Julio Flores, o edil socialista coruñés José Nogueira, o ex concelleiro do Bloque en Ourense Fernando Varela, o antigo rexedor ourensán, Francisco Rodríguez, e o ex xefe de gabinete da Alcaldía de Santiago, Ángel Espadas. O mesmo acontece con varios responsables de Véndex, a comezar por Gervasio Rodríguez e José María Tutor, que este luns se acolleron ao seu dereito a non declarar ante a xuíza.

Rey Varela nega vínculos coa empresa

Apenas dúas horas despois de transcender a súa imputación Rey Varela comparecía ante os medios na casa consistorial ferrolá para, esencialmente, negar calquera tipo de ligazón con Véndex. Dende a "sorpresa", por non ter recibido aínda notificación do xulgado, o conservador asegura que non ten vínculo ningún coa "recepción de agasallos" por parte de Véndex, empresa coa que o Concello "non ten ningún tipo de contrato" dende 2008. A José María Tutor, afirma, coñéceo unicamente "de vista", pero nunca "quebrou as normas" nin consentiu "condutas impropias". Por todo isto, di, os membros do goberno local son "os primeiros interesados en que se aclaren as circunstancias" e el achegaralle á xuíza "toda a información necesaria" en aras da transparencia, segundo recolle Ferrol 360.

Malia todo, esta non é a primeira vez que o nome de Rey Varela figura nas investigacións da Pokémon. Segundo consta na parte do sumario que xa non é secreta e a cuxo contido tivo acceso Praza, Vixilancia Aduaneira rexistru "unha serie de chamadas telefónicas" nos "últimos días do mes de maio de 2011", isto é, na contorna das eleccións municipais dese ano, entre Tutor, Julio Flores "e un tal Josman, identificado como José Manuel Rey Varela" tras "comparar a súa voz coa das súas intervencións sonoras en diversos medios de comunicación". Nas chamadas, sinalaban daquela os axentes, "tamén aparecen nomeados" Carlos Negreira, alcalde da Coruña, e Diego Calvo. Desas conversas, "moi seguidas no tempo", os investigadores "deducen" que o responsable de Véndex en Galicia, "a través da intervención" de Flores, número dous de Negreira, "se pon en contacto co alcalde de Ferrol para darlle uns papeis".

Vixilancia Aduaneira vixilou supostos contactos de Rey Varela con Véndex en 2011 e viu "indicios de actividade presuntamente delitiva"

"Previamente -sinala o informe- Diego Calvo chamaría a José Manuel Rey Varela para informalo de que José María Tutor lle ía levar eses papeis". Os axentes, que sospeitan que chegou a producirse unha xuntanza entre o rexedor ferrolán e Tutor, dinlle á xuíza que "as entrevistas continuadas e o grao de importancia no ámbito político provincial das persoas ás que se refiren as conversas", xunto co "secretismo na entrega deses papeis, fai pensar que poidan existir indicios claros dunha actividade presuntamente delitiva de uso de información privilexiada ou tráfico de influencias en relación á participación nalgún concurso de servizos públicos, actividade económica á que se dedica o grupo Véndex".

Xa son catro os alcaldes de cidades galegas sobre os que pesan imputacións xudiciais

A imputación do alcalde de Ferrol eleva a catro os alcaldes urbanos de Galicia sobre os que pesa algunha imputación xudicial. Como Rey Varela, tamén están presuntamente implicados no caso Pokémon o aínda rexedor compostelán, Ángel Currás, e o lucense Xosé López Orozco. Están na mesma situación, ademais, o ex alcalde da capital, Gerardo Conde Roa, e o devandito Francisco Rodríguez, de Ourense, cuxo sucesor está imputado por unha presunta adxudicación irregular.

Rey Varela e Diego Calvo, este luns nunha comparecencia sobre turismo © Concello de Ferrol
Baltar Pumar, nun mitin con Rajoy e Feijóo © PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.