Cinco mostras da "paralización" do Concello de Santiago

Xuntanza dun dos catro edís do Goberno local con asociacións do rural © Concello de Santiago

"Non hai con quen falar". O Concello de Santiago leva condicionado polos avatares xudiciais dende nove meses despois do inicio do mandato municipal e, dende hai un mes, o goberno local está formado por só catro persoas fronte ás 13 que tería que ter e delas tan só dúas, o alcalde e a concelleira Reyes Leis, aglutinan todas as competencias. Este é o contexto no que o PP agarda por que a Xunta Electoral non teña en conta os recursos presentados por PSdeG e BNG para así poder botar a andar un goberno formado maioritariamente por persoas non electas e comandado polo ex conselleiro Agustín Hernández. Mentres isto sucede e mentres o propio Hernández acusa a oposición de facerlle "dano" á Compostela na cidade medran as voces que denuncian a parálise dos asuntos ordinarios do consistorio.

Despois de que a Xunta de Persoal do Concello xa denunciara unha "situación de desgoberno total" agora é unha das asociacións veciñais da cidade, Nova Xeira, da parroquia rural de Figueiras a que amosa todo un catálogo de síntomas de "paralización" en cuestións que non van alén do mero trámite. "A paralización, dende o noso punto de vista, é absoluta", din dende este colectivo, que mentres manifesta preocupación por asuntos tan cotiáns como as liñas de transporte urbano denuncian que no Pazo de Raxoi medra a "inoperancia", sen "ninguén que responda aos escritos" ou ás "propostas de mellora".

20 de febreiro

Mentres as revelacións do sumario da Pokémon ocupaban os titulares da prensa a asociación Nova Xeira "mantivo unha reunión co señor alcalde" e con concelleiro delegado do Medio Rural "para analizar o progreso das demandas que presentara esta asociación veciñal". Nesa xuntanza chegouse a diversos acordos, pero "do que se tiña acordado non se realizou nada.

5 de maio

Tres días despois de que o TSXG anulase a revolución administrativa iniciada en tempos de Conde Roa e apenas 48 horas antes de que se confirmase que medio goberno local ía ser xulgado estes representantes da veciñanza de Figueiras presentaban no rexistro do Conello un escrito "solicitando unha reunión co concelleiro de Mobilidade". Tentaban pedirlle que "no verán non se supriman viaxes do transporte urbano" ata a parroquia". Trataríase, simplemente, de que "se manteña o mesmo horario que no inverno". "Non houbo resposta", din.

A  veciñanza di non ter "resposta" en asuntos como o transporte urbano ou o control de obras nas fochancas, nas que a empresa encargada "pasou unha factura tres veces superior aos traballos realizados"

12 de maio

Unha semana antes de que sete dos trece edís do equipo de goberno tivesen que sentar no banco dos acusados a asociación volvía ao rexistro, desta volta para dirixirse á Concellería de Urbanismo. Solicitaban "autorización para facer a ampliación do acceso ao recinto do campo da festa". O único que precisaban era o permiso, xa que "a propia comisión" se encargaría "dos gastos" e realizaría a propia intervención. A proposta, din, "xa foi tratada no Concello" en setembro de 2013, pero "non houbo ningunha resposta".

9 de xuño

O día en que Ángel Currás se vía forzado a dimitir e o PP anunciaba o advenimento de Hernández en Figueiras seguían agardando pola solución ao seu problema co transporte urbano. Por este motivo presentaron un escrito dirixido á Comisión de Queixas e Suxestións do consistorio. Nel, explican, "facíase referencia a unha queixa solicitando que o transporte urbano manteña durante todo o ano o horario de inverno e non se supriman viaxes". Ademais, pedían saber se ía ser aceptada a súa suxestión de colaborar co Concello no control dos arranxos das fochancas, "pois o ano pasado a empresa que realizou traballos na parroquia pasou unha factura tres veces superior aos traballos realizados -traballou en 500 metros cadrados e cobrou por 1.500, aseguran-. "Non houbo ningunha resposta".

27 de xuño

Este é o contexto no que, o pasado día 27, a catro días da entrada en vigor dos horarios de verán do transporte urbano, Nova Xeira apostou por dirixirse á xunta directiva de FERUSA, a federación que aglutina as asociacións veciñais do rural compostelán, para tentar artellar "unha acción reivindicativa conxunta" para tentar que a súa reclamación sobre os autobuses sexa escoitada. Visto o panorama no Concello, a federación "decidiu que era conveniente esperar a que o novo alcalde tome posesión do seu cargo para facerlle a reivindicación".

Currás, de visita nun barrio da cidade © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.