O PSOE suspende cautelarmente de militancia a Carlos Príncipe

Príncipe, no acto no que presentou a Rueda © Nueva Economía

"A ofensa persoal grave a calquera afiliado ou que vaia destinada a menoscabar o prestixio e a imaxe pública dos órganos colexiados do partido (...), cando se produzan con publicidade ou teñan notoria transcendencia" ou "facer públicos, por calquera medio de difusión, opinións, ideas ou comentarios opostos á liña política do partido". Son algúns dos preceptos do Regulamento dos Afiliados e Afiliadas do PSOE que, a xuízo da Executiva Federal dos socialistas, infrinxiu reiteradamente Carlos Príncipe, ex alcalde de Vigo, cuxo distanciamento e crítica pública a respecto da formación culminou o pasado luns, cando exerceu de presentador do conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, nun almorzo informativo no que non aforrou críticas contra o Goberno local de Abel Caballero.

Pero o primeiro expediente contra Príncipe remóntase a hai case un ano. En xullo de 2011 a Agrupación Municipal viguesa do PSdeG acordaba iniciar un procedemento disciplinario contra o ex rexedor por, segundo recolle a resolución da Executiva Federal, á que tivo acceso Praza Pública, realizar "diversas declaracións e aparicións en medios de comunicación e en redes sociais" que "puideran ser constitutivas de comportamentos cualificados como moi graves no Regulamento de afiliación, isto é, o devandito "menoscabo do prestixio e imaxe pública". Xa de aquela o PSdeG vigués solicitou á dirección federal do PSOE a suspensión cautelar de militancia concretada este mércores.

Príncipe cargou contra o goberno vigués nun acto no que lle "agradeceu" á Xunta do PP o seu "compromiso" coa cidade

Seguindo o procedemento interno a Executiva Nacional do PSdeG daba o visto e prace á petición en 1 de setembro de 2011 e, catro días despois, cumpríase o mesmo trámite na Executiva Provincial de Pontevedra. Neste punto estaba o proceso cando, o pasado martes, a dirección do partido en Vigo se dirixiu á cúpula do PSOE para dar conta de "novos comportamentos do expedientado, semellantes aos que motivaron a apertura de expediente", isto é, o acto compartido con Rueda, no que, por exemplo, acusou o seu partido de "marear a perdiz" coa Área Metropolitana ou ao Concello vigués de "mentir" mentres a Xunta do PP "cumpre". "Este Goberno da Xunta está cumprindo os seus compromisos con Vigo, así que lle dou as grazas", reiterou. Con todo, estas non foron as declaracións máis altisonantes do ex alcalde, que nos últimos anos, non dubidou, por exemplo, en reclamar o "paredón político" para o ex presidente do Goberno central José Luis Rodríguez Zapatero ou de criticar abertamente as políticas socialistas como colaborador de medios de comunicación.

Neste contexto, e despois de que o propio luns o voceiro do PSdeG vigués, Carlos López Font, convidase o PP a que elixise a Príncipe "como candidato" ás vindeiras municipais por ser "evidente que se trabucou de partido", o máximo órgano do PSOE -no que sentan o propio Caballero e a concelleira de Vigo Carmela Silva- decide afastalo da militancia, unha resolución ante a que lle cabe a posibilidade de interpoñer un recurso nos vindeiros dez días.

Príncipe, no acto no que presentou a Rueda © Nueva Economía
Rueda intervén tras ser presentado por Príncipe © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.