A Xunta defende a legalidade do 'perdón' dunha multa de 3 millóns a Telmo Martín

Hernández responde a pregunta do PSdeG sobre Construcuatro © Xunta

"Cumprir estritamente" a legalidade. É o que, segundo relata o conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, fixo a Xunta ao decidir o arquivo dunha sanción á promotora inmobiliaria Construcuatro, por invadir algo máis de dous metros do dominio público marítimo-terrestre da praia de Silgar, en Sanxenxo, municipio do que era alcalde o popular Telmo Martín, copropietario da compañía no momento da construción. A sanción contra o ex candidato do PP á alcaldía de Pontevedra e actual deputado no Congreso remóntase ao ano 2005, nos últimos meses do Goberno Fraga, e arquivouse definitivamente por decisión do Consello da Xunta do pasado 24 de novembro, sen que figurase na referencia cos asuntos tratados que o Goberno galego lles achega aos medios de comunicación. 

A decisión tomada polo actual Executivo galego supón pechar un proceso aberto a comezos de 2005 polo daquela conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, que optou por arquivar o expediente aberto por un técnico a raíz dunha denuncia do colectivo Salvemos Pontevedra. Pero esa decisión foi recorrida nos tribunais, dado que a competencia era do Consello do Goberno galego e non do conselleiro. Neste punto iniciouse un tirapuxa de procedementos xudiciais, informes e contrainformes ata que o Tribunal Supremo confirmou que era o Consello quen tiña que decidir. E decidiu arquivar. 

"Outros gobernos da Xunta actuaron contra os intereses de Telmo Martín por ser membro do PP", acusa Hernández

Esta controvertida decisión chegou este mércores ao Parlamento da mano do PSdeG que, a través do deputado Ismael Rego, lembrou a existencia dunha "sentenza" na que fica acreditado que o "edificio de luxo en primeira liña de praia" ocupa un espazo que tiña que estar reservado ao dominio público marítimo-terrestre. "Iso é o que dicía o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e que confirma o Supremo". Pero a Xunta, "con nocturnidade e aleivosía", optou polo arquivo, polo que "vostede e o señor Feijóo son cómplices", repróchalle a Hernández para censurar unha decisión que, salienta, vén apoiada por un informe da directora da Axencia da Protección da Legalidade Urbanísística (APLU)-designada pola Xunta-. "Menudo exemplo o que predica esta señora", di o socialista, en cuxa opinión o gabinete de Feijóo non "protexe" a "todos os cidadáns", senón só "á clase dirixente do PP".

As acusacións de Rego foron negadas de cheo polo conselleiro, que bota man do informe da APLU de outro da Asesoría Xurídica do Goberno para subliñar o "cumprimento da legalidade". "Este goberno non ten por norma facer revisionismo dos actos en materia sancionadora", asegura para, a continuación, defender a "integración no casco urbano" do edificio cuestionado, que ademais "tivo licenza de obra" e "de primeira ocupación". "Non imos beneficiar a Telmo Martín pola súa condición pero tampouco o imos prexudicar", afirma. Isto si aconteceu, na súa opinión, con "outros gobernos da Xunta -en referencia ao bipartito- si actuaron contra os intereses de Telmo Martín por ser membro do PP -Construcuatro foi sancionada por cobrar sobreprezos en vivendas de protección oficial-".

Hernández responde a pregunta do PSdeG sobre Construcuatro © Xunta
Martín, nun acto electoral con Rajoy e Feijóo © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.