Baltar, o "cacique bo" que fixo da Deputación a súa "empresa privada"

Baltar Pumar, nun mitin con Rajoy e Feijóo © PPdeG

Baltar enchufou masivamente xente na Deputación. O que parecía un segredo a voces vén de ser agora confirmado pola xustiza, que condena o ex presidente do PP e da Deputación de Ourense por un delito de prevaricación continuada logo de colocar 104 persoas na institución á que estivo á fronte ata hai dous anos. A sentenza da titular do xulgado do penal 1 de Ourense inhabilita o que se autodenominaba "cacique bo" para exercer calquera cargo ou emprego público durante nove anos.

A xustiza considera probado que Baltar enchufou 104 persoas na Deputación

Xa que logo, a xuíza ve probado que Baltar contratou máis dun cento de persoas sen acollerse a legalidade ningunha. Pero o caso é que a sentenza non vai ter efecto ningún sobre o ex presidente da Deputación ourensá. Agora é seu fillo quen ocupa todos os cargos que el mesmo ostentaba ata 2012. Manuel é presidente do organismo e do PP provincia, tal e como fora seu pai José Luis durante anos. Despois de moreas de enchufes e favores, o revés xudicial non lle suporá nada a un home xubilado e retirado da política.

A sentenza non terá efecto ningún porque Baltar xa está xubilado e é seu fillo quen ocupa todos os seus cargos

O ditame é ben claro: "Ninguén pon en dúbida que as 104 persoas contratadas non tivesen capacidade suficiente para desempeñar o psoto de traballo para o que foron contratadas, o que está penalmente tipificado é que nun organismo público se realicen contratacións sen cumprir a lei". Para a xuíza, "parece que a Deputación era unha empresa privada", onde se contrataba a quen lle parecía oportuno ao acusado, polo que entende que se trata dunha "resolución arbitraria contraria a Dereito e non amparada en norma ningunha".

No xuízo que se celebrou hai un mes, o fiscal xefe aprediba delito en máis dun cento de colocacións de persoas afíns e "elixidas polo propio presidente sen sometemento aos mínimos principios que rexen a contratación pública, sendo o único criterio de contratación un sinxelo acto arbitrario de designación". A maxistrada Caterina González cre acreditadas as acusacións formuladas polo fiscal, o PSdeG ou Manos Limpias, pero incluso Baltar chegou a recoñecer o modus operandi que el mesmo levaba a cabo. "Dáballes os nomes e eles adscribíanlles os postos", explicou.

Baltar chegou a afirmar que a el "ninguén" lle advertira da obriga de dar publicidade ás 104 prazas que se cubriron con contratos temporais por procedemento urxente. De feito, dixo que ese era o "procedemento" que lle indicaba o xefe de persoal. Así se cubriron os postos durante os tres primeiros meses de 2010, datas achegadas ao congreso no que o seu fillo foi elixido presidente do PP de Ourense. Gañoulle a Rajoy e a Feijóo, que malia as súas diferenzas recoñecería na súa homenaxe que sen os votos que el apañaba non tería chegado á Xunta.

As contratacións masivas de afíns ao PP estaban vinculadas ao congreso do PP provincial que acabaría gañando seu fillo

Porque as contratacións masivas están vinculadas á vitoria do fillo de José Luis Baltar no congreso do PP provincial, celebrado pouco tempo despois de que se confirmase a incorporación á Deputación de máis dun cento de persoas vinculados dun xeito ou outro á formación conservadora. Está por ver agora a reacción do actual dirixente provincial, logo de que a xustiza veña de recoñecer os enchufes masivos que estarían directamente relacionados coa súa chegada á dirección dos populares ourensáns. Pero a sentenza pódese recorrer, polo que é probable que a familia intente que o "cacique bo" sexa declarado inocente.

 

O control dunha provincia

Baltar ocupou a presidencia da Deputación durante 22 anos, até que hai case dous anos lla legou ao seu fillo José Manuel, completando o traspaso de poderes que iniciara antes no congreso provincial do PP, no que os Baltar conseguiron reter o control do partido ante o candidato promovido polas direccións populares galega e madrileña. As manobras das que Baltar supostamente se valeu para asegurar a vitoria nese congreso son algúns dos elementos que formaban parte daquela denuncia socialista. O PSOE xa alertaba de que nos días previos á cita a Deputación contratara a 115 persoas para gañar o seu voto.

O ex presidente da Deputación representa mellor que ninguén en Galicia unha cultura política: a do cacique

Esas prácticas, lonxe de ser excepcionais, foron unha constante durante os anos de xestión de Baltar. E de feito a oposición sempre aseguraba que só eran "a punta do iceberg do armazón de corrupción organizado pola familia Baltar en Ourense".

Baltar representa mellor que ninguén en Galicia unha cultura política: a do cacique. Unha denominación que non era rexeitada polo propio Baltar, que nalgunha ocasión se definiu como "un cacique bo". O cacique sempre se identificou coa figura do conseguidor: o político que se comprometía a realizar unha acción, desde a contratación dun familiar para un posto de traballo, até a instalación dun punto de luz ou o asfaltado dun camiño, pasando pola concesión dunha subvención, e todo iso pasando por riba dos procesos legais -e calquera requisito de transparencia ou imparcialidade na xestión-, e a cambio da lealdade e do apoio electoral.

Baltar era un cacique e non o disimulaba. Sempre estaba disposto a facer explícito o mecanismo de troco, e repartía as promesas de obras públicas ou de facilidades nas oposicións a funcionario coa mesma naturalidade coa que lles pagaba roldas nos bares aos seus paisanos. Nunha multitudinaria homenaxe que centos de persoas lle tributaron sentenciou desde o estrado: "vós sodes os meus traballadores, non os da Deputación". Digamos que a súa era outra forma de facer politica, desde logo unha politica con menos cautelas: capaz de dicir nun mitin sobre o lider dos socialistas galegos Pachi Vázquez: "Se ten obsesión por min, é que vai ser maricón". Ou de realizar acusacións infundadas de violencia de xénero contra o ex vicepresidente da Xunta Anxo Quintana.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.