"Que a Xunta poña unha ducia de carteis na praia das Catedrais non resolve nada"

As Catedrais, coa marea alta © Turgalicia

No que vai de mes de agosto xa pasaron máis de 200.000 persoas pola praia de Augas Santas, en Ribadeo. Segundo datos do Concello ribadense a coñecida popularmente como praia das Catedrais colle unha media diaria de 10.000 persoas e cando remate 2014, asegura o alcalde, Fernando Suárez, "superarase" a cifra de 500.000 visitantes do 2013. As medidas impulsadas pola Xunta para este verán non dan, nin de lonxe, atallado a masificación e os seus efectos máis nocivos e, a pé de praia, o propio Suárez e o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, volveron reclamar este venres un plan completo de protección e, en última instancia, a declaración de Parque Natural para a praia e a súa contorna como única vía para conservalas.

"O segundo destino máis visitado de Galiza" despois da Catedral de Santiago ben merece ser "tomado en serio" por parte da Xunta, din Suárez e Veiga, quen concordan en que declarar Parque Natural esta faixa litoral de Ribadeo permitiría "desconxestionar As Catedrais da presión turística, ofrecendo alternativas para todo este fluxo de visitantes atraídos pola especial natureza desta costa". "Faise inevitable ampliar os ámbitos de actuación", sinala Suárez, que ve imprescindible que "as visitas sexan máis escalonadas e ordenadas, que haxa menos coches no entorno mediante un aparcadoiro amplo e distante conectado con transporte público" e a "habilitación dun apeadeiro" do ferrocarril de vía estreita.

Deputación e Concello apostan por un futuro turístico para Augas Santas afastado do "modelo marbellí" e reiteran a necesidade de declarar a zona como parque natural

Ao carón do punto de información turística mantido pola Deputación o vicepresidente e responsable da área de Turismo da institución provincial lamenta que o Goberno galego exerza unha "cativa reacción no cumprimento das súas obrigas a respecto do que as normas ambientais galegas a obrigan a facer". "En plena campaña de verán -di Veiga- adoptan unha serie de medidas que son só un parche, porque poñer unha ducia de carteis e tres rapaces avisando a xente de que non se achega aos cantís porque pode caer non resolve nada". O gabinete de Feijóo, lamenta "mira só para Compostela e para as Rías Baixas en cuestión de turismo".

Neste contexto Deputación e Concello concordan en que o reto pasa por afianzar o turismo como "un dos sectores con máis futuro da provincia, pero non calquera tipo de turismo", senón o "de calidade, vinculado ao patrimonio e ao medio ambente, sostible e non masificado". "Non nos serve o modelo de turismo marbellí de Barreiros", afirma o nacionalista, toda vez que iso é "pan para hoxe e fame para mañá". Trátase, resume, de "aproveitar o tirón das catedrais para vender A Mariña e o resto da provincia de Lugo e facer que os turistas que veñen ver As Catedrais fiquen varios días".

Suárez e Veiga, este venres nas Catedrais CC-BY-SA Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.