A Xunta promete "froitos" da visita de Merkel malia á ausencia de Galicia nas xuntanzas

Comitiva de Merkel e Rajoy pola Praza do Obradoiro © Goberno de España

O posto para Luis de Guindos no Eurogrupo, a situación en Ucraína e Gaza, a unión bancaria, o desemprego e, por suposto, os recortes. Tamén Catalunya e mesmo a reforma electoral que o PP impulsa en solitario para ilegalizar os gobernos municipais de coalición. Son os principais asuntos abordados pola chanceler alemá e o presidente do Goberno de España nas xuntanzas que mantiveron durante dous días en Santiago e na rolda de prensa na que deron conta deles. Así, alén das referencias ás paisaxes e á monumentalidade de Compostela, Galicia e o seu Goberno estiveron ausentes da axenda de Angela Merkel e Mariano Rajoy. Así e todo, a Xunta mantén que o país terá "froitos" da visita da mandataria alemá.

Despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tivese un papel secundario en todos os actos este martes o seu vicepresidente, Alfonso Rueda, non aforrou eloxios para a visita, "fundamental para a proxección de Galicia". "Seguro que calquera outra cidade de España estaría encantada de acoller esa xuntanza", di Rueda, que considera "importantísimas" as imaxes do Camiño de Santiago "difundidas por toda Europa". En declaracións aos medios o número dous do Executivo admitiu, así e todo, que "o importante é o que se falou" nas xuntanzas. E, nesa parte importante, cales serán as consecuencias para Galicia?

Rueda defende que "se se trataron temas europeos, serán de interese para Galicia"

Nos encontros de traballo das delegacións españoal e alemá falouse "de Europa, con todo o que se xoga Galicia". "Estou seguro de que, se se trataron temas europeos, serán de interese para Galicia", abonda, nun contexto no que, mantén, a estancia "dunha persoa con tanta influencia" na capital galega traerá consigo "froitos" para o país. O vicepresidente retrucaba deste xeito ás críticas da oposición pola ausencia de Galicia nos temas tratados e facíao desdeñando os grupos distintos do PP, os cales "é moi díficil qeu vexan nada positivo aínda que o teñan diante das narices", sentencia.

Juárez defende as cargas policiais fronte a AGE e BNG

Ademais deses abstractos "froitos" para Galicia Alfonso Rueda defendeu tamén a actuación policial contra a manifestación anti troika, unha defensa que foi aínda máis vehemente dende a Delegación do Goberno de España en Galicia. O seu responsable, Samuel Juárez, non aforrou críticas para a CIG, o BNG e AGE mentres que defendeu a actuación dos antidisturbios que, di, se limitaron a "facer o seu traballo" e "defenderse" cunha carga policial na que, entre outros, resultou ferido o voceiro municipal do Bloque en Compostela, Rubén Cela. "Tentaron traspasar o cordón policial pola forza e a Policía tivo que defenderse desa agresión e desa violencia", resolve, mentres o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, critica que as mobilizacións non se celebrasen nunha data diferente á da visita oficial.

O BNG estuda iniciar accións legais pola carga policial e AGE promove a reprobación do delegado do Goberno central

Mentres Juárez acusaba as organizacións convocantes e participantes na protesta de "incitar a violencia" dende o BNG a súa responsable de política municipal, Goretti Sanmartín, confirmaba que a formación frontista, ademais de pedir explicacións no Congreso dos Deputados pola carga policial, está a valorar "emprender accións" legais. "A convocatoria do BNG non alteraba os actos institucionais" e as persoas convocadas, "militantes e non militantes do BNG", non puideron "desenvolver con liberdade a súa protesta". "Denunciamos a actuación policial e amosamos o noso malestar por non deixarnos amosarlle á señora Merkel os verdadeiros problemas que temos en Galiza", di.

Tamén AGE, a través da súa vicevoceira, Yolanda Díaz, censura as cargas policiais e esixe "unha rectificación inmediata" das declaracións de Juárez. Díaz "lamenta" que "unha persoa que ostenta un cargo da súa responsabilidade teña a pouca sensatez de atacar e sinalar co dedo" sen "ningún tipo de proba nin coñecemetno ningún da realidade". "En ningún momento se deu un comportamento violento por parte da cidadanía, senón que foi unha protesta pacífica" que non "xustifica a brutal, desproporcionada e inxustificable carga policial", pola cal Alternativa promoverá a reprobación do delegado gobernamental a través de iniciativas no Parlamento.

Visita de Merkel á Catedral de Santiago © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.