A Marea Ártabra chama a cidadanía a "tomar a palabra" nunha "oportunidade única"

Imaxe da rolda de prensa ofrecida este sábado en Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

A marea chega tamén a Trasancos. A Marea Ártabra, plataforma que busca conformar candidaturas cidadás para as eleccións municipais en todos os concellos de Ferrolterra, presentouse este sábado nun acto celebrado na Galería Sargadelos da cidade. A iniciativa busca, como destaca o seu manifesto, "alentar un proceso asambleario que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social promovendo candidaturas de unidade".

A Marea Ártabra celebrará a súa primeira asemblea o vindeiro xoves 2 de outubro, no Centro Cultural Carvalho Calero

Un manifesto que parte da gravidade da crise que atravesan Ferrol e a súa comarca, e que incide na necesidade de acadar unha unidade de acción entre as forzas, movementos e cidadáns que permita obter a vitoria nos comicios de maio: "Fronte a esta política que quere converter a nosa comarca nun camposanto industrial, nunha paisaxe futurista desértica, a cidadanía de Ferrolterra debe ter a capacidade de organizarse, de avanzar en rebeldía e tomar o poder para devolver á comarca as cores da cultura, da industria, do asociacionismo e do cooperativismo, unha Ferrolterra participativa e con políticas orientadas por e para a xente do común". A Marea Ártabra celebrará a súa primeira asemblea o vindeiro xoves 2 de outubro, no Centro Cultural Carvalho Calero.

"Sabemos que é máis difícil destruír que construír, sabemos que acadar outro modelo é difícil, pero é posible", destacaron Miguel Castro e Montse Garel, encargados de presentar a iniciativa. "Con empatía, con diálogo, con xenerosidade", engadiron, facendo un chamamento á cidadanía "a participar, a tomar a palabra", e lembrando que nos atopamos "ante unha oportunidade única, un momento que non debemos desaproveitar".

Chámase a conformar unha "marea cidadá que poña por diante as persoas e acabe cos privilexios dos de arriba. Algo tan simple como reivindicar para a maioría social o que é da maioría social"

O manifesto está asinado por 72 veciñas e veciños de Ferrolterra, entre os que destacan Mabel Rivera, Antón Cortizas, Peque Varela, Vicente Araguas, Sari Alabau, Víctor Ledo, Carlos Neira, Bernardo Máiz, Rafael Pillado, Miguel Reimúndez ou Natalia Balseiro. Son 72 en recordo aos sucesos do 10 de marzo daquel ano, "feitos que temos moi presentes", salientouse na presentación, ademais de facer un chamamento a "rescatar os valores do 72: a solidariedade entre loitas, o compromiso, a unión dos traballadores".

No texto lémbrase a "ocasión única" que se presenta "para construír, dende abaixo, alternativas de gobernos municipais" e chámase a conformar unha "marea cidadá que poña por diante as persoas e acabe cos privilexios dos de arriba. Algo tan simple como reivindicar para a maioría social o que é da maioría social". Destácase tamén "a importancia que teñen os concellos como espazos de participación, transformación e emancipación" e critícase "a alianza perfecta de intereses entre o poder económico e o bipartidismo harmónico".

O acto pechouse convocando os cidadáns e cidadás da comarca a participar na asemblea do día 2, un encontro "sen guión marcado", que definirá o camiño e a forma final desta iniciativa, que busca "chegar a unha unidade respectando a diferenza".

Imaxe da rolda de prensa ofrecida este sábado en Ferrol CC-BY-SA Praza Pública
Parte do público asistente á presentación CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.