Escocia decide nun referendo histórico

Acto a prol da independencia de Escocia CC-BY-NC-SA PhylB

Escocia pode dar hoxe dar un golpe de temón e rachar máis de 300 anos de historia en común co Reino Unido no agardado referendo para darlle un si ou un non á independencia do país. Durante varios meses as enquisas deran a vitoria aos votantes do non, que avogan por que Escocia permaneza en Reino Unido. Ata que a fin de semana do 6 de setembro a empresa de estudos de mercado YouGov outorgou por primeira vez a vitoria aos partidarios do si, creando a alarma en Downing Street ante o referendo que hoxe se celebra.

Por iso nesta rifada recta final os unionistas volveron facer uso intensivo das súas teimas máis poderosas para tratar de recolocar as intencións da maioría os votantes escoceses da parte do non.

Os argumentos dos unionistas, amplificados nos últimos días, baséanse nas incertezas económicas da nova Escocia

Os motivos de peso dos unionistas baséanse nas incertezas económicas que afrontaría un novo Estado (e do Reino Unido restante): Como se repartirá a débeda actual do antigo Reino Unido entre o novo Reino Unido e a nova Escocia? Poderá o novo Estado seguir utilizando a poderosa libra como a súa moeda? Cambiará ao euro? Continuará formando parte da Unión Europea de maneira automática ou terá que volver solicitar a adhesión e pasar polas negociacións polas que pasaron outros estados membros?

David Cameron, o primeiro ministro británico, viaxou por segunda vez en poucos días a Escocia nesta mesma semana para promover a unión. No seu discurso en Aberdeen estivo presente outro das lemas da súa campaña: "É unha decisión que non ten volta atrás".

Pero a incerteza do que pasará abrangue os dous lados. Unionistas e separatistas deixaron claras as súas posturas sobre o que quererían no novo escenario, pero ningún dos asuntos clave está decidido de antemán. Calquera negociación sobre a forma dos dous países resultantes tería lugar só despois de anunciar unha vitoria do si. Os medios británicos calculan que o resultado oficial coñecerase ás 7 da mañá do venres 19, aínda que a Xunta Electoral non anunciou unha hora de forma oficial.

De gañar o 'si', as negociacións estenderíanse até marzo de 2016, data na que Escocia se convertería nun Estado independente

Segundo a axenda fixada polo ministro principal, Alex Salmond, as negociacións estenderíanse até marzo de 2016, data na que Escocia se convertería nun Estado independente. Á espera de que a realidade se impoña neste 18 de setembro, expertos económicos deron a súa visión sobre os retos da supervivencia económica dunha Escocia independente.

Incertezas económicas

Se Escocia precisase pedir diñeiro, que cualificación crediticia obtería? Escocia non tería historia, e é coa historia coa que se concretan estes índices. "Inicialmente o custo do diñeiro será alto e ao longo do tempo, cando a economía se estabilice, a tendencia deste custo dependerá da viabilidade e o éxito da nova economía", di Ben Thompsom, director do think thank Reform Scotland, unha institución que está a favor de manter a unión pero aumentando as competencias que ten Escocia, unha opción que se coñece como devo-max.

A repartición da débeda sería unha das cuestións máis polémicas en caso de que gañase o 'si'

No caso dunha vitoria do si, a negociación e repartición de débeda e os activos será unha das cuestións máis duras. 

John Struthers, profesor da Universidade do Oeste de Escocia, declárase partidario do non. "Se tivésemos que ver unha Escocia independente como unha compañía, co seu debe e o seu haber, tería certamente moitos activos como o gas e o petróleo do Mar do Norte e outros activos humanos. Pero non deberiamos minusvalorar o que suporía unha división da débeda que, segundo varios estudos, contando co petróleo podería supor até dous terzos do Produto Interior Bruto. Empezar con iso é unha gran secuela".

O "voto do medo"

Alex Salmond, o ministro principal de Escocia, acusou a campaña do non de magnificar os posibles impactos negativos dun resultado favorable á independencia, especialmente despois de que o Royal Bank of Scotland e o Lloyds Group Bank anunciasen a súa intención de mover a súa sede de Edimburgo a Londres para continuar contando co apoio do Banco de Inglaterra. E todo despois da primeira enquisa que daba a vitoria ao si, un resultado que, en posteriores inquéritos, foi virando de novo cara a unha lixeira vantaxe unionista.

Os ases baixo a manga da economía escocesa son o petróleo, as exportacións, principalmente de whisky, e a produción de enerxías renovables

Os ases baixo a manga da economía escocesa son o petróleo, as exportacións, principalmente de whisky, e a produción de enerxías renovables, especialmente nos parques eólicos mariños do Mar do Norte. O folleto que os separatistas están a repartir entre os indecisos asegura que "unha Escocia independente sería máis rica que o resto do Reino Unido e situaríase entre os 20 países máis ricos do planeta grazas a eses recursos".

Só este venres pola mañá se saberá se se abre o complicado proceso no que se desvelarían todas as incógnitas e esperanzas que abranguen unha Escocia independente.

Carteis a favor do 'si' no referendo de Escocia CC-BY-NC Cams
Cartel a favor do 'non' no referendo © Scottish Political Archive

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.