A corporación republicana volve ao Concello de Teo por "lexitimidade e democracia"

Retratos dos edís da corporación republicana teense, recuperados polo Concello CC-BY-SA Praza Pública

O 16 de febreiro de 1936 a II República Española celebrou eleccións a Cortes Xerais e a Fronte Popular gañounas. A vitoria foi tal no conxunto do Estado e tamén no Concello de Teo, próximo a Santiago, onde o resultado electoral xeral derivou, ao mes seguinte, na decisión do Goberno Civil da Coruña de remover dos seus cargos á corporación municpal e nomear unha xestora de 17 membros que o 16 de marzo elixiron como alcalde a José Rodríguez Vázquez, activista republicano e membro do Sindicato de Oficios Varios. Esta corporación tivo apenas catro meses para gobernar, os que mediaron entre a súa toma de posesión e o golpe de Estado franquista que os destituíu duns cargos nos que veñen de ser simbolicamente restituídos case 80 anos despois.

O consistorio teense acolleu este venres unha homenaxe en memoria daqueles edís nun acto de reivindicación da "lexitimidade e democracia" daquela corporación e de "gratitude" cara aos seus membros. Obxecto de toda caste de acusacións pola banda franquista, os seus acordos de goberno poden servir de mostra das súas prioridades. Segundo a investigación elaborada pola concelleira e profesora Carme Hermida moitos dos seus plans procuraron "posibilitar o emprego dos moitos parados do concello", caso por exemplo da reparación de estradas, pontes e fontes ou o arranxo dos defectos de construción dunha escola e a creación dunha nova, na Ramallosa, á que poderían acudir nenos e nenas.

Nun tempo de efervescencia política o pequeno Concello teense tamén tomou acordos en clave de país. Así, apostaron por acudir á "reunión de representantes rexionais en Santiago para tratar o asunto do Estatuto de Autonomía" e, ademais, acordaron achegarlle 250 pesestas ao Comité Pro-Autonomía de Galicia "para axudar a sufragar os gastos da campaña do Estatuto", que desembocaría no referendo de xuño dese mesmo 1936. 

A homenaxe

Aquela corporación, na que sentaban canteiros, labregos, ferreiros ou comerciantes, foi lembrada nun acto que, segundo o actual alcalde, Martiño Noriega, foi concibido para "rachar os silencios que se desprenderon da falta de memoria" e, asemade, para "restituír a dignidade" dos edís destituídos polos fascistas. Nesa lembranza tivo un lugar "especial" a figura de Constante Liste, tenente de alcalde da corporación repúblicana e o único daqueles edís que foi asasinado. O seu fillo, Eduardo Liste, di Noriega, "foi un dos que me ensinou a recoñecer ás persoas que mantiveron ergueita a dignidade deste Concello".

"Non lle oín ao meu pai palabras de rancor, mais si a necesidade de gardar na memoria os horrores da guerra para que non se repitan"

Hermida, responsable de Cultura, foi a encargada de trazas unha semblanza daqueles concelleiros, "dignos representantes do pobo teense e galego", cuxa figura foi tamén reivindicada, no nome das familias, na voz de Gonzalo Rodríguez Mourullo, fillo do alcalde republicano. "A represión foi especialmente virulenta en Galicia naqueles anos" con máis de 4.000 asasinatos, lembra Mourullo, que non puido coñecer o pai ata os 13 anos por mor do exliio ao que se viu forzado. "Non lle oín ao meu pai palabras de resentimento e rancor, mais si a necesidade de gardar na memoria os horrores da guerra para que non se volvan repetir".

Tamén os voceiros da oposición municipal se sumaron á homenaxe; dende Manuel Parajó, representante de InTeo e neto dun dos edís represaliados, ata o voceiro do PP, José Manuel Guerra, que considera que a homenaxe serve para "restaurar a dignidade e a honra daquela corporación". Dende o PSdeG Uxía Lemus subliñou que a corporación republicana "segue a representarnos, como símbolo do que significa a lexitimidade e a xustiza democrática" e, polo BNG, Manuel Anxo Fernández salienta que se homenaxea esta corporación "non simplemente por ser republicana, senón por ser a corporación democrática á que se lle arrebatou pola forza o seu carácter representativo".

Noriega intervén durante a homenaxe CC-BY-SA Concello de Teo
Veciñanza asistente ao acto CC-BY-SA Concello de Teo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.