O TSXG investiga a Paula Prado por fraude e tráfico de influencias

Prado anuncia a súa dimisión como voceira do PPdeG © PPdeG

Presuntos delitos de "fraude á Administración pública e tráfico de influencias". Son os que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) cre que puido cometer a ex portavoz do PP galego e actual deputada Paula Prado, que pasa de ser unha mera testemuña no caso Pokémon, instruído en Lugo, a ser investigada polo alto tribunal galego, dada a súa condición de aforada. A que ata xuño era número tres de Alberto Núñez Feijóo no PPdeG -dimitiu pola súa presunta implicación neste caso- terá que declarar nunha data aínda por determinar ante un tribunal que, en última instancia, decidirá se procede imputala.

O TSXG toma esta decisión tras examinar a documentación remitida pola xuíza instrutora da operación Pokémon, Pilar de Lara, entre a que se inclúe un informe do Servizo de Vixilancia Aduaneira -empregado por De Lara como corpo policial- que dá por "corroborado" que Prado tramitou, na súa etapa como concelleira en Santiago de Compostela, unha factura "inflada" dun espectáculo infantil sobre a Abella Maia que "pasaría de 6.090 a 11.210 euros". A deputada conservadora, aseguran os axentes, era "sabedora do feito de que estaba a factura inchada" e de que os 3.000 euros de diferenza os ía "gozar" o empresario organizador do evento, imputado no caso. A pesar disto "decidiu pasar" a factura "para o seu pago" polo Concello.

O alto tribunal ve "indicios" de delito nunha suposta factura "inchada" e nun presunto tráfico de influencias

Os maxistrados aprecian "indiciariamente" a comisión dun posible delito nesa operación e tamén na presunta "influencia na contratación de persoas en empresas concesionarias" do consistorio compostelán cando Prado era, como edil, a máxima responsable da Axencia Local de Colocación. O tribunal manexa estes datos grazas ás escoitas telefónicas practicadas polos investigadores que, como informou este diario, mostran, por exemplo, como Prado "intercambia o nome de persoas recomendadas para contratalas" con quen en 2012 era xefe de gabinete da Alcaldía compostelá, Ángel Espadas, que segue imputado. Con Espadas, segundo os axentes, Prado tamén impulsaría o enchufe de varias persoas "nunhas gardarías" municipais xestionadas pola empresa Véndex, á que a xuíza ve como centro da suposta trama corrupta.

A "intervención na resolución de dous expedientes nun local de lecer" sobre o que pesaba a ameaza de peche por un problema de ruídos será tamén obxecto dunha investigación da que o TSXG exclúe "outros feitos que se relatan na exposición motivada da xuíza" instrutora do sumario, no que tamén figura o suposto trato de favor de Prado a unha veciña para a conexión dunha toma de auga, entre outros aspectos.

Prado promete explicacións, a oposición esixe a súa dimisión

Tras saltar a noticia do inicio da investigación a través dun comunicado do TSXG Paula Prado respondeu con outra comunicación á prensa remitida pola oficina parlamentaria do PP galego. Segundo Prado ata agora non puido "contextualizar ou aclarar as informacións que xurdían nos medios de comunicación e que se baseaban en filtracións de autos xudiciais" pola súa condición de testemuña, pero "agora darei todas as explicacións convenientes" ante o tribunal, "ao que pido celeridade na instrución deste asunto, porque as demoras na Xustiza, e máis nun caso caso no que as miñas palabras como testemuña derivaron nesta causa, non deben engadirse ao prexuízo que xa sufrín pola miña indefensión nestes últimos tempos".

Prado pídelle "celeridade" ao Tribunal Superior na investigación

Mentres Prado "lembra" que "a maioría" dos "supostos ilícitos que o Xulgado de Lugo me atribuía" carecen "de relevancia para o TSXG" e "destaca" o "apoio" recibido desde o seu partido desde a oposición parlamentaria reclámase a súa dimisión tamén como deputada. Así, a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, cre que Prado "debería abandonar a Cámara" como anteriormente fixo coa portavocía do PPdeG a raíz, precisamente, da publicación das escoitas policiais. Pola súa banda, o socialista José Luís Méndez Romeu diríxese directamente a Feijóo para esixirlle unha explicación "cabal e documentada" da "presunta existencia dunha trama de intereses" no seu partido e o voceiro do BNG, Francisco Jorquera, avanza que esixirán que Prado marche do Parlamento se é imputada.

Prado anuncia a súa dimisión como voceira do PPdeG © PPdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.