A Pokémon revela enchufes de decenas de alcaldes e cargos políticos en toda Galicia

Conde Roa e Prado, nunha Feira de Emprego © Concello de Santiago

Enchufismos e recomendacións a esgalla. Ducias de parados acudiron a alcaldes, cargos públicos e funcionarios en plena crise no intento de acadar un emprego que aliviase a súa situación. E foron varios os rexedores de cidades e vilas galegas que mediaron por eles para que contratas públicas ou departamentos institucionais recibisen os seus currículos ou tivesen en conta a súa petición. Non sempre conseguiron o seu obxectivo, pero un informe do Servizo de Vixilancia Aduaneira que a xuíza da operación Pokémon, Pilar de Lara, vén de enviar ás partes dá fe de moreas de correos intervidos a Aquagest nas que se pode ler a longa lista de reclamacións ou xestións.

Vixilancia Aduaneira revela nos seus informes moreas de peticións ou enchufes de alcaldes e cargos públicos

Os correos dos que este sábado informan varios xornais e axencias sinalan a todos e inciden na presunta práctica habitual de enchufismo levada a cabo por rexedores ou cargos públicos, nomeadamente figuradas destacadas de PP e PSOE. Segundo El País, na listaxe aparece, por exemplo, o actual presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, que no verán de 2011 tería enviado un correo ao que era alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, onde lle adxuntou un currículo que era "outra petición máis" que sometía á súa "consideración".

O mesmo Conde Roa, antes de ser alcalde, tamén recibe peticións por parte doutro concelleiro popular, Francisco Noya, que intercede por unha ex secretaria municipal de Oroso, ou do que daquela era conselleiro de Cultura, Roberto Varela, que lle pide que axude á que logo sería a súa muller para que lograse unha praza no Instituto Cervantes de Francfort.

Romay Beccaría mediou por un coñecido ante Conde Roa, ao igual que o ex conselleiro Roberto Varela

En Compostela os correos son varios e variados. Os directivos de Aquagest falan tamén en decembro de 2011 dun recomendado como "o de Bugallo", posiblemente en referencia ao ex alcalde. Pouco antes, fan referencia a "un curmán da tenente de alcalde, Paula Prado", que aparece como recomendadora noutras mensaxes, ao igual que o ex concelleiro Albino Vázquez ou Ángel Espadas. Segundo os investigadores, o daquela alcalde Conde Roa intercedeu ante o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, para que un policía destinado en Madrid puidese volver a Santiago. Acabaríase incorporando á policía autonómica.

Conde Roa mediou ante Rueda polo traslado dun axente de Madrid, que acabou na policía autonómica

Ademais, e segundo El País, xa en abril de 2008, dous cargos de Aquagest manteñen unha conversa por correo electrónico sobre un operario do Carballiño ao que se refiren como "o enxeñeiro que nos pediu Pachi que contrataramos". Para os investigadores refírense a Pachi Vázquez, ex secretario xeral do PSdeG e ex alcalde da localidade ourensá. Na mesma provincia, e na súa capital, serían varias as recomendacións do ex alcalde Francisco Rodríguez, aínda que os responsables da empresa tamén falan nos seus correos de beneficiar "un recomendado da Deputación". Concellos e organismo provincial xuntos no mesmo obxectivo.

Ademais, segundo Vixilancia Aduaneira, na Coruña o Concello tería amañado o concurso para adxudicar a unha filial da compañía Vendex os servizos de limpeza, conserxería e mantemento do Centro Sociocultural Ágora. Segundo os funcionarios, o delegado da compañía, José María Tutor, logrou paralizar o concurso inicial para que a administración abrise un novo prazo de licitación, ao que se presentou sabendo que ía saír gañadora a súa empresa, que acabou asinando un convenio por un ano prorrogable a outro máis.

O Concello da Coruña amañou un concurso para adxudicar a Vendex o mantemento do centro Ágora

Neste presunto favor estaría implicado Miguel Lorenzo, concelleiro de Servizos Sociais na cidade, quen puido incorrer nun delito de tráfico de influencias malia que aínda non está imputado, ao contrario que o seu compañeiro Julio Flores, tamén edil do PP.

Unha vez máis, a xuíza fala das prácticas habituais de Vendex, que enchufaba a amigos e familiares de concelleiros e funcionarios pero que tamén pagaba periodicamente cartos a algunhas destas persoas. No caso dos correos de Aquagest, e á marxe das cidades, hai referencias a alcaldes, concelleiros e funcionarios de diferentes concellos e formacións políticas. Sada, O Pino, Barbadás, Oroso, Arzúa, Val do Dubra, Xinzo de Limia, Bergondo, Ponteareas, Ortigueira, Rianxo, Ribadeo, Ponte Caldelas ou Pontevedra aparecen nunhas conversas nas se envían currículos, se advirte do compromiso cun partido ou se informa do parentesco dos interesados en acadar un traballo. 

Conde Roa e Prado, nunha Feira de Emprego © Concello de Santiago
Francisco Rodríguez © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.