Un grupo de veciños e veciñas impulsa a iniciativa 'Ribadeo en Común'

Ribadeo © descubrelugo.com

Cada vez son máis os cidadáns e cidadás que se lanzan a facer política. Na Mariña, un grupo de veciños e veciñas de Ribadeo vén de lanzar un manifesto (que publica o xornal local Crónica3) que chama a conformar unha candidatura cidadá para as municipais baseada na transparencia, a participación veciñal no deseño das políticas locais e no control destas, a defensa dos servizos públicos, o ben común e o medio ambiente.

O propio texto enmarca a iniciativa no contexto de movementos que en Galicia e en España xorden da "necesidade de que a cidadanía participe e controle de xeito real a xestión dos asuntos públicos". Sinala así mesmo que "a nosa iniciativa non vai dirixida contra ninguén, non responde ao interese de ningún partido ou grupo político político concreto, nin é excluínte. Está aberta a todas as persoas que comparten as nosas preocupacións pola situación actual".

O manifesto denuncia o control dos gobernos por parte dos poderes financeiros, a corrupción, a socialización da débeda, os recortes de servizos públicos e de liberdades e sinala que "ante esta situación, pretendemos que a veciñanza deixe de ser un suxeito pasivo que se limite a entregar cada catro anos un cheque en branco a un partido político controlado por un grupo de profesionais da política". "Son necesarias novas formas democráticas, transparentes e participativas, dirixidas realmente á procura do ben común", engade.

Os asinantes do manifesto anuncian que están a constituír unha Plataforma Cídadá que "integre e mobilize a aqueles que consideren que os intereses das persoas deben estar por diante dos intereses de grupos económicos ou partidarios, e queiran construír de xeito cooperativo un modelo coherente e sostible para o noso concello".

A plataforma busca "concretarse" nunha Candidatura Cidadá para participar nas eleccións municipais de 2015, baseada na "total e efectiva transparencia informativa na xestión do goberno local", a "participación veciñal no deseño das políticas locais e no control destas", a "erradicación de calquera sinal de clientelismo ou nepotismo da Casa do Concello". E loitando por "unha sociedade máis xusta e solidaria, dando prioridade ao ben común sobre o interese privado ou partidario", a defensa da liberdades, a supresión dos privilexios, a defensa do carácter universal, gratuíto e de calidade dos servizos públicos e a salvagarda do patrimonio natural e cultural.

Ribadeo © descubrelugo.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.