A Xunta incumpre a metade das resolucións do debate da autonomía de 2013

Vista do hemiciclo durante o debate de 2013 © Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia acolle dende este martes o segundo debate de política xeral da segunda lexislatura de Alberto Núñez Feijóo como presidente. No do pasado ano, o primeiro tras as eleccións autonómicas de 2012, o xefe do Goberno galego despregou todo un abano de chamamentos ao "diálogo". "Colaboren en algo", "o diálogo é posible", proclamou ante as bancadas da oposición. Este convite durou algo menos que o propio debate: no momento de discutir as propostas de resolución, isto é, as medidas máis ou menos concretas que xorden desta sesión anual, os conservadores tombaron o 98% das propostas do resto de grupos, aos que lles achacaron unha "estratexia premeditada" por incluíren "coletillas" en forma de "prazos e cantidades imposibles de cumprir". Así, daquela só saíran adiante as 50 propostas do PP e dúas da oposición. Case un ano despois, arredor do 60% permanecen incumpridas.

Non todas as resolucións aprobadas incluían un mandato explícito para o goberno que permita incluír o seu cumprimento. Así, cómpre excluír deste cálculo as resolucións de contido puramente político ou declarativo, como as condenas ás declaracións a prol do franquismo ou aos actos violentos. Tamén cabe incluír neste grupo iniciativas máis ben inconcretas cuxo cumprimento ou incumprimento é difícil de medir, como as encamiñadas a promover a "sustentabilidade" do Sergas ou a "potenciar" a actividade da Axencia Tributaria de Galicia. Unha vez excluídas, quedarían 42 iniciativas cuxa realización é máis ou menos medible. Se fosen incluídas no cálculo, as propostas cumpridas apenas chegarían ao 40%.

<

Os incumprimentos

Entre as resolucións incumpridas figuran varias que incluían, precisamente, a concreción de prazos que criticaba o PP, así como iniciativas que acumulan meses e mesmo anos na axenda do partido do Goberno. Este é o caso, por exemplo, da reforma electoral para recortar o número de escanos do Parlamento, que segue en tramitación pero que aínda non foi aprobada. O mesmo acontece coa lei de control de calidade dos servizos públicos, que xa viu a luz en forma de anteproxecto pero que nin sequera iniciou a tramitación parlamentaria e, polo tanto, aínda non foi aprobada.

Tampouco hai grandes novidades a respecto do financiamento autonómico, aínda que o PP se comprometeu a que o Goberno fixase posición clara cara a un debate que o Estado mantén conxelado. No capítulo de medidas anunciadas pero non aprobadas está tamén a nova Lei de Finanzas, o canon da minaría, a nova lei de economía social ou a Estratexia Galega de Atención á Cronicidade.

A Xunta non aprobou varias leis prometidas nin logrou o consenso lingüístico; o dique flotante de Ferrol está descartado

Entre as medidas aprobadas hai un ano hai incumprimentos que son, se cabe, máis claros que os anteriores. Os populares aprobaron sacar adiante o novo Plan Director de Cooperación avalado polo "consenso" e foi aprobado entre duras críticas das organizacións do sector. Tamén lle deron luz verde a "actualizar e simplificar" o Plan Estratéxico da Economía, pero este, cando menos no seu portal oficial, permanece inalterado. Asemade, o grupo que sustenta o goberno comprometeuse a lograr unha coordenación entre os aeroportos que segue sen chegar, a reforzar o desenvolvemento dunhas enerxías renovables que seguen en caída libre, a construír o dique flotante de Ferrol ou a consolidar máis persoal investigador nas universidades galegas. Ademais, votaron tamén retornar ao "consenso" en materia lingüística.

Os acordos cumpridos

Na banda contraria dos incumprimentos están os acordos que o Goberno cumpriu ou, cando menos, dá por cumpridos. Neste último caso está, por exemplo, o despregamento dun "plan de promoción de Galicia" entre as comunidades galegas do exterior, que o Executivo asegura que cumpriu cun espazo expositivo que está a rotar por diversos centros da diáspora galega. Tamén culminou, como se aprobou naquela sesión parlamentaria, a apertura do Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas de violencia de xénero e está a primar nas convocatorias de subvencións aos concellos que se unan entre si para optar a esas axudas. Do mesmo xeito, o Executivo xa impulsou as modificacións legais para dotar a coñecida como Policía Autonómica de máis capacidade sancionadora ante os incendiarios.

O Goberno cumpriu acordos como lanzar un plan para a marca Galicia Calidade ou seguir a difusión do plan demográfico

O Goberno galego tamén pode incluír no apartado de acordos cumpridos a aprobación da Estratexia de Especialización RIS3, a consecución do obxectivo de déficit para o pasado ano ou a aplicación dunha redución parcial no imposto sobre a renda. O gabinete de Feijóo tamén continuou erradicando puntos de vertidos de residuos, como marcaba un plan previo, seguiu desenvolvendo o coñecido como pacto local da auga coa Fegamp e remitiulles aos grupos en prazo a súa proposta de reforma de lei do solo. Tamén está en marcha o que o Goberno presentou como "relanzamento" da marca Galicia Calidade e o plan para a xestión da biomasa, e aplícase, como se aprobou, a difusión de determinados contidos dixitais nas aulas. Igualmente, continúa a difusión publicitaria do plan demográfico e déronse os primeiros pasos para unha futura lei de estrutura agraria.

Feijóo, ante a prensa no debate do pasado ano © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.