Beiras dá por concluída a "constitución" de Anova e chama á unidade

Beiras intervén na asemblea de Anova Dominio Público @Anova_irmandade

A segunda asemblea de Anova rematou coas dúas posicións internas claramente definidas pero con apelacións continuas á "unidade". A corrente crítica Cerna perdeu as votacións das súas emendas ás teses políticas e organizativas, polo que a actual dirección sacou adiante as súas propostas e volveu insistir na súa aposta por unha acumulación de forzas na esquerda e en "abrirse" para unha fronte ampla tras un cónclave que debera dar por "concluído" o proceso constituínte da formación.

"Anova ten que aspirar a representar a maioría da xente do común, respectando o ideario republicano", asegurou o seu voceiro nacional en funcións, Xosé Manuel Beiras, no peche do cónclave, onde engadiu que "a plutocracia que domina os pobos é o inimigo" e que a "diversidade no común" é a que debe "enfrontarse a ela".

Antes do inicio da asemblea, Beiras abrira a porta a finalizar o que el mesmo denominou o seu "epílogo", a súa última etapa na primeira liña política, no caso de Anova non mativese tras o cónclave a "congruencia" cos seus principios fundacionais. E xa que logo, se non saían adiante os propósitos da actual dirección. Saíron adiante a pesar de continuar a división vixente.

"Non sobra ninguén e aquí non hai ninguén traidor; acabouse o volver encerellarse en se somos así ou asado"

"Non sobra ninguén e aquí non hai ninguén traidor; e a partir deste momento acabouse o volver encerellarse en se somos así ou asado", reclamou Beiras nunha mensaxe dirixida á parz interna tras momentos que, segundo dixo, "deron noxo". Ademais, en alusión ao BNG, asegurou que o que "diferencia" a Anova doutro "nacionalismo organizado" é o "internacionalismo". "É indispensable abrirnos", insistiu apoiando as teses oficiais no eterno debate sobre a ampliación dunha fronte que permita un bloque amplo e diverso contra a dereita. Non obstante, deixou claro os ideais da formación para aclarar que si queren "ser independentes" tras volver defender a aposta por incluírse na coalición de esquerdas nas eleccións europeas.

Beiras pediu "un exercicio de humildade" a todos e ante un "inimigo que está onde está". "Forzosamente ten que haber ópticas diferentes do proxecto común, e iso ademais é bo e necesario", asegurou, pero insiste en que "a diversidade ten que ser converxente no proxecto común".

Durante a xornada do domingo, a corrente crítica Cerna perdeu a votación da súa emenda á tese política na que solicitaba que a formación renunciase "expresamente" a persentarse ás eleccións locais para apoiar e diluírse nas mareas cidadás e procesos cidadás que se están a desenvolver en varias vilas e cidades galegas. Malia o apoio evidente do conxunto de Anova aos movementos populares, a asemblea decidiu rexeitar esta proposta para estudar así cada caso concreto en cada unha das localidades, dado que en moitas delas non será posible a presentación de plataformas cidadás.

A asemblea rexeita a proposta da corrente crítica para rexeitar "expresamente" presentarse ás municipais

Alberto Lema foi claro e asegurou que a formación non ten "tanta vergoña como para renunciar ás eleccións", polo que insistiu en que se analice cada caso para tomar logo a decisión concello por concello. A proposta dos críticos foi defendida por Luís Eyré, que repartiu críticas. Ao BNG por presumir "agora" de asembleas abertas e a Izquierda Unida por, segundo el mesmo, ser "igual de sectaria" que o Bloque.

Eyré chamou a Anova a "recoñecer o fracaso colectivo" por non ter achegado ao grupo parlamentario de AGE as iniciativas que impulsaría de estar gobernando, polo que apostou por simplificar os textos políticos e retomar os 40 puntos básicos que a formación propugnou na súa asemblea constituínte. "A xente o que quere é que se resolvan cosas", asegurou quen cualifico de "cada vez máis irrelevantes" no panorama político.

Eyré volve cargar contra BNG e IU, aos que ve "igual de sectarios" e cre "cada vez máis irrelevantes"

Ademais, Eyré considerou que "a clave" é conseguir que nas eleccións estatais do ano 2015 "Galicia coloque un grupo parlamentario" propio para defender os seus intereses como país no proceso que se abrirá de reforma da Constitución. Do mesmo xeito, e malia as críticas, pediu saír da asemblea "cun gran triunfo da unidade" e "cunha aposta irreversible de candidaturas cidadás".

Xa o sábado, a actual dirección tamén impuxo a súa postura para que a asemblea tan só elixa a coordinadora nacional -o máximo órgano de decisión entre asembleas-, de modo que esta sexa a que logo escolla un voceiro ou voceiros para toda a organización, que é a proposta que defende Xosé Manuel Beiras e que foi explicitado a través dun acordo verbal nos primeiros debates.

A forma de escoller a dirección impúxose fronte ás emendas da corrente contraria á dirección, que avogaba por que fose a asemblea a que escollese o portavoz nacional, tal e como ocorreu no anterio cónclave e de onde Beiras saíu como líder. O acto de clausura celebrouse sen contar cos resultados da nova dirección.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Beiras intervén na asemblea de Anova Dominio Público @Anova_irmandade

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.