EU chama á converxencia: "Cada vez que saímos á rúa atopámonos. O que menos importa son os nomes"

Unha imaxe do encontro celebrado este sábado na Coruña Dominio Público Esquerda Unida

Esquerda Unida vén de iniciar un proceso de asembleas abertas, denominado Encontro para un novo país, que incluirá numerosas convocatorias a nivel local e que culminará o vindeiro 22 de novembro cunha grande asemblea que recollerá todas as conclusións e propostas achegadas polos cindadáns e cidadás nestes encontros que, asegura a organización, serán horizontais, abertos e vinculantes. O proceso traballa ademais con tres materiais de base (un documento guía, un texto con dez preguntas, e outro con 30 propostas) sobre os que articula os debates.

Este sábado EU celebrou na Coruña o acto central deste Encontro para un novo país, nun Paraninfo da Universidade ateigado para escoitar as palabras de Alberto Garzón (responsable en IU do proceso constituínte), Lara Hernández (secretaría de converxencia) e Yolanda Díaz. Tanto nas súas intervencións coma no debate posterior co público asistente un tema primou por riba de calquera outro: a necesidade de construír para as vindeiras citas electorais un espazo de converxencia e unidade entre as forzas de esquerda, movementos sociais e cidadanía descontenta coas actuais políticas de recortes sociais e de dereitos.

Tanto Alberto Garzón, como Lara Hernández e Yolanda Díaz destacaron que se está a vivir unha "oportunidade histórica" e alertaron do risco de "desaproveitala" se as forzas transformadoras non traballan por esa "unidade". "Ábrese unha fiestra de oportunidade que hai que aproveitar. Non quere dicir que sexa doado, require habilidade e intelixencia, pero creo que se se aproveita será unha oportunidade para a maioría social e para os proxectos de transformación dende os valores da esquerda, da ética e da xustiza social", di Alberto Garzón en conversa con Praza. "A situación social e económica é de tal gravidade que debe propiciar este encontro", engade. 

Garzón: "Por IU non se vai frustrar esta oportunidade histórica. Esperemos que todos e todas esteamos á altura das circunstancias”

Será posible un entendemento, por exemplo, entre Esquerda Unida e Podemos? Cal é o maior obstáculo para chegar a un acordo para presentarse conxuntamente ás eleccións? "O principal obstáculo sería non saber ler o actual momento político, non ser conscientes de que estamos vivindo un cambio de época", responde Garzón, que en calquera caso se amosa optimista: "Creo que estamos vencendo estes obstáculos. Por IU non se vai frustrar esta oportunidade histórica. Esperemos que todos e todas esteamos á altura das circunstancias”.

"Trátase agora de expresar electoralmente o que expresamos nas rúas, nas loitas das mareas, do 15M, nas PAH, nas Marchas da Dignidade", subliña Alberto Garzón, que aclara que "non propoñemos a destrución de IU. IU é necesaria. Propoñemos ir á construción dun espazo político común con outras forzas e con cidadáns e cidadás. Pero as siglas son o de menos, eu quero a revolución, non me importa o nome que teña". O deputado concluíu na súa intervención no Paraninfo que “a batalla social xa a gañamos, agora hai que gañar a batalla política. É posible gañar". "Que non nos pase coma a eses equipos de fútbol que perden o partido no desconto”, advertiu, ao tempo que alertou de que “se a oportunidade se desaproveita, dentro de dous anos miraremos os nosos hospitais, e serán propiedade dunha corporación privada”.

Yolanda Díaz: "Non podemos entender as organizacións políticas como un fin en si mesmo. Se alguén escolle ese camiño porá en risco esta oportunidade histórica de ruptura"

En termos semellantes falou Yolanda Díaz, que dixo que "se non o facemos agora, perderemos unha oportunidade histórica". "Non podemos entender as organizacións políticas como un fin en si mesmo. Se alguén escolle ese camiño porá en risco esta oportunidade histórica de ruptura. O protagonismo debe ser da cidadanía”, engadiu. "Debemos empoderar a xente, debemos constituírnos en res pública, debemos traballar con corazón e ilusión, pero tamén con razón e intelixencia, porque podemos derrotalos", dixo

Na súa intervención, Lara Hernández fixo mención aos distintos procesos de conformación de candidaturas cidadás que se están producindo en cidades e vilas de todo o Estado. Falou non só de Guanyem en Barcelona e de Ganemos en Madrid, senón de moitas outras iniciativas que teñen moi avanzado o seu traballo, como Málaga, Hospitalet, Cádiz ou Córdoba. Hernández sinalou que nestes movementos conflúe "xente que quere construír mapas de esperanza política, persoas distintas que son consciente de que é máis o que nos une que o que nos separa". E destacou que "o neoliberalismo fíxonos converxer máis aló das nosas contradicións. Coincidimos no programa de transformación, coincidimos cando miramos a realidade, porque as propostas políticas da esquerda son reais. Cada vez que saímos á rúa atopámonos todos e todas. O que menos importa son os nomes".

Lara Hernández: "Cada vez que saímos á rúa atopámonos todos e todas. O que menos importa son os nomes"

Tamén Yolanda Díaz propuxo asentar esta converxencia no debate e redacción "dun programa de unidade popular: dez puntos, vinte puntos, trinta puntos". A viceportavoz de AGE e coordinadora de EU afirmou que "estou farta de nominalismos e de matices. Á xente que non ten para alimentar os seus fillos, á xente que está en paro e sen cobertura social, non lle importa nada todo isto". Traballemos na confluencia social para derrotalos", reclamou. "Hai razóns poderosas para tecer unha rede popular e gañarlles a batalla. Cando camiñamos xuntas, somos moi poderosas, témennos", concluíu.

Yolanda Díaz propuxo asentar esta converxencia no debate e redacción "dun programa de unidade popular: dez puntos, vinte puntos, trinta puntos"

De igual xeito, Lara Hernández destacou, como tamén o fixera Alberto Garzón, que "Galicia é o lugar que tomou a audaz decisión de iniciar un proceso de converxencia como o foi AGE, que rompeu barreiras e triunfou". Tamén Yolanda Díaz fixo mención a el: “Tivemos a intelixencia colectiva de poñernos de fronte, de darnos a man, de ser fraternos. Podemos recolle o malestar social, como AGE o recolleu no seu momento e o segue a facer", sinalou.

 

"Ruptura xeracional"

Alberto Garzón (Logroño, 1985) e Lara Hernández (Madrid, 1986) pertencen a unha xeración de mozos e mozas que está a sufrir de cheo os efectos dos recortes. Desemprego, falta de oportunidades, recortes no ensino ou a obriga da emigración na procura de oportunidades. Unha xeración que ademais de ser obxecto da crise pode ser tamén suxeito activo do cambio político. "A crise económica é de tal gravidade que derivou nunha crise institucional e ideolóxica, unha crise da concepción do mundo, unha crise de réxime. E esta crise é percibida de forma máis clara entre as persoas máis novas, podemos dicir, por exemplo, entre os menores de 40 anos", destaca Garzón.

"Ser moza leva ao exilio ou a un futuro precario, ser nova significa unha ausencia de proxecto vital, de oportunidades. A miña xeración vai vivir peor que a dos meus pais e por iso o tempo apremia"

Lara Hernández, que vive en Berlín dende 2012, destaca igualmente que hoxe "ser moza leva ao exilio ou a un futuro precario, ser nova significa unha ausencia de proxecto vital, de oportunidades. A miña xeración vai vivir peor que a dos meus pais e por iso o tempo apremia".

"Temos unhas condicións materiais de vida moi diferentes ás dos nosos pais. O futuro é incerto: as pensións, o emprego, a sanidade pública, os dereitos conquistados polas xeracións precedentes..., todo está no aire como consecuencia da agresión neoliberal. Isto converte esta xeración nun actor especialmente relevante para as transformacións sociais", subliña Garzón. O deputado de IU no Congreso salienta que "isto, ademais, é transversal a todos os partidos políticos da esquerda. Pódese afirmar que estamos ante unha ruptura xeracional do país, que afecta sobre todo ás organizacións de esquerda".

Unha imaxe do encontro celebrado este sábado na Coruña Dominio Público Esquerda Unida
Alberto Garzón, Yolanda Díaz e Lara Hernández, atendendo aos medios de comunicación Dominio Público Esquerda Unida

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.