O PSdeG vincula o "conseguidor" da trama coa campaña electoral do PP en 2009

Feijóo e a cúpula do PPdeG, celebrando a vitoria electoral de 2009 © PPdeG

O PSdeG vincula o presunto "conseguidor" da trama Zeta e amigo persoal de Núñez Feijóo, Pachi Lucas, coa campaña electoral do PPdeG ás eleccións de 2009. Segundo revelou este venres a deputada Marisol Soneira, de acordo co informe de fiscalización do Consello de Contas correspondente ás campañas daquel ano, a empresa Disart 4 SL, propiedade do empresario investigado, figura na relación de provedores dos populares cun importe de máis de 25.500 euros.

Unha empresa de Pachi Lucas tería sido provedor do PP na campaña de 2009 cun importe superior aos 25.500 euros

Soneira anunciou unha batería de iniciativas para que o presidente da Xunta dea explicacións pola “corrupción sistémica” do PP e cuestionou "a habilidade de Feijóo á hora de escoller ás súas amizades", logo da súa relación documentada co narcotraficante Marcial Dorado, a conexión co suposto conseguidor e amigo persoal “ao que agora di descoñecer” Pachi Lucas ou ao seu almorzo, previsto para este venres, co alcalde de A Baña, procesado por irregularidades no censo electoral e un empresario acredor de axudas públicas.

O PSdeG sinala así o presidente da Xunta e do PP como “o punto onde converxe todo” e dixo que “ten que dar explicacións xa” porque “cada minuto que pasa é unha lousa insoportable sobre a credibilidade das institucións e do modelo institucional”. Sinalou ademais que a corrupción “estase a demostrar como sistémica dentro do PP”, que conta cunha “caixa B robusta e alimentada con regularidade”.

O PSdeG cuestiona "a habilidade de Feijóo para escoller amizades" e sitúao "no punto onde converxe todo"

"Dende Madrid ata Galicia, pasando por Valencia ou Barcelona", dixo, "as irregularidades do PP e o seu uso de diñeiro negro é unha constante, mesmo para o financiamento das súas sedes na Rioxa, no País Vasco ou en Pontevedra". Para a deputada, se Feijóo elude dar explicacións é “porque non quere se coñeza a verdade”. Ademais, transmitiu as súas “dúbidas sobre a capacidade do presidente da Xunta de discernir os actos éticos dos que non o son” cando “é incapaz de ver a diferenza entre axudar a un discapacitado a votar e o carrexo de maiores enfermos de alzheimer”.

Por todo isto, a deputada socialista esixiu a reactivación da Comisión de Estudo contra a Corrupción, "conxelada pola imposición do PP", para analizar as múltiples irregularidades que "salpican ao PP, a Xunta e o seu presidente". "Un presidente que se presenta como loitador implacable contra a corrupción pero agocha os contratos do narcotraficante Marcial Dorado co Sergas, ou a documentación solicitada sobre nepotismo no Igape", engadiu.

Soneira exixe explicacións a Feijóo, ao que acusa de "non querer que se coñeza a verdade"

"A Xunta e o PP deben dar contas sobre a implicación de altos cargos do Igape na operación Campeón, o suposto financiamento irregular do PP revelado no caso Gürtel, o presunto trato de favor a amigos e tamén financiamento irregular investigado na operación Zeta, o carrexo de anciáns dementes a votar ou as declaracións de persoeiros do mundo do narcotráfico e de ex altos cargos orgánicos do PPdeG sobre financiamento irregular", concluíu, tras advertir de que estas sospeitas de financiamento ilícito "non rematan na relación de Gerardo Crespo co PP", en alusión a posibles investigacións de contratos “doutras empresas con moi altos responsables do goberno galego”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.