Feijóo queda sen pacto PP-PSdeG en plena vaga de corrupción

Un intre da xuntanza de Besteiro e Feijóo, en San Caetano © Xoán Crespo

Como no recorte do Parlamento ou noutras medidas polémicas, o presidente da Xunta levaba semanas buscando o PSdeG. En plena vaga de escándalos de corrupción, agudizada polo estourido en Galicia do caso Zeta e en Madrid, da trama Púnica, Alberto Núñez Feijóo recibiu o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, para tentar lograr un titular que reduciría a presión que, nos últimos tempos, afecta os populares galegos. O xefe de filas da dereita galega procuraba a foto da adhesión do PSdeG ás propostas que vai formular para, di, evitar "corrupcións, corruptelas ou determinados comportamentos non éticos", un acordo bipartito que, de paso, deixase fóra do marco de xogo o resto de forzas políticas. Pero todo parece indicar que Feijóo non vai poder colocar esa imaxe na súa vitrina, toda vez que o único acordo foi o de renovar institucións estatutarias pendentes.

Tras o acordo de mínimos acadado no debate de política xeral -que incluía aspectos a priori tan pouco relacionados coa corrupción como a redución á metade da duración das campañas electorais- Feijóo e Besteiro falaron durante tres horas e media tras as cales un irado xefe do Executivo acusou o socialista de "desentenderse" de que o seu partido e o socialista poidan "liderar" un pacto contra a corrupción, coa aprobación de "leis exemplares" que saísen cociñadas de San Caetano co aval do PSdeG. "Non tiven a oportunidade de escoitar as propostas do PSOE, que me remitiu a falar no Parlamento, como non pode ser doutro xeito", lamenta.

Besteiro: "Non se pode pedir transparencia, negarse a ir ao Parlamento e querer pechar un pacto nun despacho, de costas á sociedade e ao resto de forzas"

Como acontece no Congreso dos Deputados, onde o equipo de Pedro Sánchez vén rexeitando un pacto que "tape as vergoñas do PP" en materia de corrupción, Besteiro explica que non porá a súa sinatura en pacto anticorrupción ningún se este "non se abre ao resto de partidos políticos e á sociedade civil". Tampouco o fará, advirte, sen que Feijóo dea previamente "explicacións" sobre os casos que o "implican" a el mesmo e que poñen en cuestión mesmo o financiamento do PPdeG, caso por exemplo da Operación Zeta. "Non se pode pedir transparencia, negarse a ir ao Parlamento e querer pechar un pacto nun despacho de costas á sociedade e ao resto de forzas", resolve o socialista. "Se chegamos a un acordo que non conte co visto e prace do conxunto da sociedade civil galega, será papel mollado, non servirá para nada e verase superado pola realidade", abonda.

Neste contexto, e apenas un día despois de que a maioría absoluta do PP impedise que Feijóo comparecese na Cámara para, precisamente, dar explicacións sobre a trama Zeta, o presidente do Goberno galego asegura estar disposto a comparecer "todas as veces que se queira" sobre a corrupción. Asemade, afirma que impulsará unha batería de 35 medidas entre as que se inclúe unha lei de transparencia con máis esixencias que a aprobada en 2006, a cal saíu adiante entre duras críticas do PP aínda que os conservadores, finalmente, non a rexeitaron cos seus votos. "As 35 medidas de Feijóo son todas propostas do PSdeG rexeitadas no seu día e faltan outras importantes", "un corta-pega ás présas non é serio", advertiu o PSdeG tras a xuntanza.

O líder do PSdeG e o presidente, ao inicio do encontro © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.