Feijóo prende o ventilador no caso Zeta e nega ter un "mediador" na trama

Feijóo, con Rueda durante o pleno © Ana Varela

"Quere falar en serio dos problemas que ten Galicia ou quere poñer o ventilador?". Quen pregunta é o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Faino na súa quenda de resposta ao voceiro do BNG, Francisco Jorquera que, como os seus homólogos de PSdeG e AGE, tentou na sesión de control ao titular do Goberno galego, isto é, na quenda de preguntas ao presidente, obter "explicacións convencentes" sobre a trama Zeta e saber se a presunta trama corrupta vai implicar "responsabilidades políticas" no Goberno galego. Feijóo, como en anteriores casos, optou por esparexer as presuntas implicacións entre todas as forzas políticas mentres, non obstante, negou ter "mediador" ningún na rede de Gerardo Crespo.

Tanto Jorquera como o socialista José Luis Méndez Romeu e a vicevoceira de Alternativa, Yolanda Díaz, cuestionaron o presidente sobre o destino dos fondos públicos que, segundo a Policía, "cazaba" a rede e, sobre todo, pola súa relación con Pachi Lucas, considerado pola investigación como enlace de Crespo coa esfera política e, segundo fontes consultadas por este diario, amigo persoal de Feijóo. "Pregúntolle polo conseguidor, que era recibido na residencia de Monte Pío, que non é privada, senón oficial; coñecía que estaba a soldo da trama?", cuestionou Romeu. "Quixera que me aclarse as súas relacións co señor Lucas, que ademais de estar en nómina co señor Crespo fixo campañas para o PP", pediu Jorquera. "Gustaríame saber se esa amizade serviu para adxudicar contratos a dedo" ou para "financiar irregularmente, con carácter presunto, ao PP" e para "saquear os fondos dos traballadores e traballadoras", esixiu Díaz.

Pero a batería de preguntas pouco máis conseguiu que prender o ventilador que o propio presidente di rexeitar. "Nunca tiven un mediador nin o terei na miña vida; nunca aceptarei que ninguén fale no meu nome en ningún sitio e se o fai, fala a título persoal, en ningún caso respaldado por min", afirma o líder popular sen aclarar, non obstante, se as visitas de De Lucas a Monte Pío relatadas por Crespo foron certas ou non ou "a que se refería", como preguntou Jorquera, a mensaxe enviada polo suposto conseguidor ao empresario coruñés o día das eleccións municipais de 2011 co texto "Comiendo en Beluso, presidente, mar...! Todo bien". 

A oposición esíxelle ao presidente que aclare a súa relación con Pachi Lucas, considerado 'conseguidor' da trama

De mensaxes, pero de correo electrónico, falou o presidente para tentar contrarrestar a chuvia de peticións de explicacións: Feijóo pregunta polos correos electrónicos remitidos por Crespo ao ex conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, e ao seu director xeral Pastor Fuenteseca, nos que lles reclama axudas públicas e celeridade na súa resolución tras perder as eleccións de 2009 nun ton idéntico ao que, dous anos despois, empregaría noutros correos ao actual presidente. Do Goberno bipartito lémbrase tamén o xefe do Executivo para pedirlle explicacións a Jorquera por ser "compañeiro durante tantos anos" do ex conselleiro de Industria Fernando Blanco, "que está sendo investigado en relación co señor Jorge Dorribo", presunto líder da trama Campeón. Para AGE reserva outro clásico: "Están vostedes gobernando sobre un feixe de irregularidades dos ERE e dos cursos de formación de Andalucía", onde IU comparte goberno co PSOE: "Vostedes levan moito tempo sendo casta", asegura.

Feijóo mantén que a Xunta iniciou a denuncia e subliña, a continuación, que o Goberno se persoou no proceso

Alén da expansión de dúbidas sobre a xestión duns e doutros partidos o xefe do Goberno galego mantén o argumentario que o PP vén desenvolvendo durante días, o mesmo que utilizou este martes para negarse a abrir unha investigación da trama Zeta: que a denuncia partiu do propio Executivo. "O resumo principal, que son os feitos, é que esta Xunta inspecciounou, investigou e o puxo en coñecemento do Ministerio Fiscal". O presidente engade, asemade, outra afirmación que sería incompatible co feito de que o Goberno fose o primeiro en denunciar o caso: "Esta Xunta se persoou na causa para defender os intereses dos galegos". As visitas a Monte Pío, o papel do conseguidor, as relacións de Crespo co alcalde da Coruña e outros cargos ou o presunto financiamento do PP con sobres en negro son, para o presidente, "estratexias dos imputados" que "non imos valorar". "Será responsabilidade deles e da súa defensa", resolve. "Viva o respecto, a prudencia e a política con maiúsculas", proclamou para finalizar a sesión.

Feijóo, respondendo á oposición © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.