Imputado no caso Zeta o ex alto cargo de Traballo que cesou por "motivos persoais"

Martiñá, nun acto público en 2013 © Xunta

O pasado 25 de setembro o Consello da Xunta aprobaba o cesamento do director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá. Ao remate desa reunión o presidente da Xunta informou a prensa de que Martiñá deixaba o cargo a petición propia e unha semana despois, ao ser preguntado ao respecto, Alberto Núñez Feijóo sinalou que deixara a Consellería por "motivos persoais". Entre unha e outra declaración do xefe do Executivo Martiñá xa tivera que presentarse ante a Policía a causa da súa presunta relación coa trama Zeta, a suposta fraude en cursos de formación pola que agora xa está imputado xunto a outros dous ex cargos do Goberno galego.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia informou este mércores de que a nómina de persoas que terán que comparecer en calidade de imputados neste caso pasou de 7 a 30. Entre as 23 incluídas na nova relación está Martiñá e, segundo transcendeu ao longo da xornada, tamén o que fora xefe territorial da Consellería de Traballo na Coruña, Luis Alberto Álvarez, e o ex xefe de servizo de Emprego, Joaquín Vila Sampayo. Unha xefa de servizo do Instituto Galego de Consumo ou unha directora da Escola Galega de Consumo aparecen tamén nunha listaxe que encabeza o considerado líder da trama, Gerardo Crespo, citado para comparecer ante a xuíza o vindeiro 2 de febreiro.

As persoas imputadas no caso pasan de 7 a 30

A imputación de Martiñá -que segundo a Policía recibía cartos da trama para facilitarlles o acceso ás subvencións- e dos outros altos cargos chega apenas unha semana antes de que Feijóo teña que volver responder ante o Parlamento sobre o caso e, nomeadamente, sobre a súa relación co empresario Pachi de Lucas, consdierado polos investigadores como enlace entre a suposta trama e cargos políticos. Así, PSdeG, AGE e BNG cuestionarán o presidente ao respecto durante a sesión de control e, ademais, os socialistas formularán unha interpelación sobre o financiamento dos cursos de formación e unha pregunta oral sobre a "pernoctación" de De Lucas "nunha residencia oficial", en referencia ao complexo de Monte Pío.

O presidente vólvese negar a aclarar a súa relación co suposto conseguidor da trama

Mentres isto sucede o propio Feijóo asegura "agradecerlle á oposición seguir falando disto". "Podemos falar todas veces que se queira", asegurou este mércores a preguntas da prensa porque, afirma, as preguntas sobre a trama Zeta implican falar de "como un goberno, o actual, investiga, pono en coñecemento do fiscal e recupera as axudas" mentres que "outros gobernos non investigaron" e "deron as axudas mesmo estando en funcións", di en referencia ás subvencións que o actual Executivo presentou en 2009 como parte do seu "plan de choque" contra a crise. Así e todo, o presidente segue a negarse a aclarar ou a ofrecer explicación ningunha sobre a súa relación persoal con De Lucas. "Non coñezo ningunha decisión" da Xustiza "que afecte a esa persoa", resaltou.

 

Martiñá, nun acto público en 2013 © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.