0 Gardados para despois

O PP irrita a veciñanza de Lugo ao culminar o recorte dos servizos hospitalarios que prometeu Feijóo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Case catro anos e 40.000 sinaturas despois e tras nove meses de trámite a iniciativa lexislativa popular promovida dende colectivos veciñais, sociais e políticos de Lugo para dotar o hospital da cidade dos servizos de hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear, foi definitivamente baleirada. Os votos do PP no Parlamento serviron para aprobar, en solitario e nun tenso ambiente, unha lei da que non ficou nin o nome e na que, no canto da obriga concreta de instalar os servizos prometidos polo presidente da Xunta en 2011, figura o difuso compromiso de poñer en marcha certos “procedementos” nun horizonte temporal que se achega ao ano 2017.

Representantes dos colectivos que impulsaron a ILP seguiron dende a tribuna do hemiciclo, non sen indignación, como o PP xustificou o recorte. Non o fixo a través do seu deputado de Lugo e alcaldable na capital da provincia, Jaime Castiñeira, quen si interviñera no nome do seu partido cando, o pasado marzo, a iniciativa foi tomada en consideración por unanimidade. O difícil papel tocoulle ao ourensán Miguel Santalices, voceiro popular en materia sanitaria. O veterano deputado defende que a decisión se toma baseándose nun "informe claro e contundente" que el mesmo lle pediu "evidentemente, á Consellería de Sanidade". "Que independente!", escoitouse dende as bancadas opositoras.

"A decisión de instalar radioterapia en Lugo está tomada" aínda que "houbo un problema administrativo" que "imos superando". No caso da hemodinámica, a unidade para atender infartos, Santalices fai súas as palabras do Goberno para afirmar que no conxunto de Galicia xa "existe unha dotación tecnolóxica axeitada, completa e ben distribuída xeograficamente" para atender estes casos. Lugo, polo tanto, seguirá tendo hemodinámica en horario de oficina, de 8 a 3, e as persoas que sufran un infarto fóra dese horario ou durante a fin de semana terán que seguir sendo trasladadas a outras provincias.

Toda a oposición censura a "mentira", a "burla" e a "estafa" dos populares co recorte da ILP

O que para os populares é un cambio de rumbo con base científica para a oposición é "un feito sen precedentes e moi grave", "unha mentira e unha burla", di a socialista lucense Concepción Burgo, para quen resulta "inaudita" a "hipocrisía de Feijóo e do PP" ao "transformaren radicalmente" a ILP. Era "todo mentira, a palabra do presidente non vale nada", abonda dende AGE Eva Solla, a cuxo xuízo "o resultado final constitúe unha estafa ás 42.000 persoas que apoiaron esta ILP", a iniciativa cidadá con máis apoio da historia da autonomía. Nesta liña, para o voceiro do BNG, o lucense Cosme Pombo, o "mínimo" que cabe "pedir" neste contexto é "a dimisión da conselleira de Sanidade polo trato dado a esta ILP; devaluada, rebaixada e baleirada". Con este cambio "pretenden burlar a xusta demanda" da veciñanza, que seguirá "marxinada nos servizos sanitarios" mentres a lei "só serve para lavarlle a cara ao presidente".

Protesta de Castiñeira e suspensión da sesión

Boa parte das olladas da veciñanza presente e tamén dos grupos da oposición dirixíronse cara a Jaime Castiñeira, quen malia non representar o seu grupo si foi o encargado de recibir un grupo de membros do PP lucense que tamén seguiron o debate dende o público. "Imaxínome que veñen apoiar o PP e non aos veciños", ironizou Burgo dende o PSdeG, deputada que tamén se amosa convencida de que Castiñeira, como "Feijóo e a conselleira", aprobaron inicialmente a ILP "presionados polo clamor popular, pero sabían que isto cambiaría" e "por iso o señor Castiñeira non defende este ditame". "Feijóo e o señor Castiñeira menten de forma continuada", lamenta.

Castiñeira, alcaldable do PP lucense, pediu a palabra para asegurar que non mentiu

Estas alusións levaron o alcaldable popular a consultar co xefe do seu grupo, Pedro Puy, para cerciorarse do mecanismo que o Regulamento lles dá aos deputados para poderen terciar nun debate no que son mencionados malia non participaren nel. Así, ao rematar as roldas dos grupos Castiñeira pediu a palabra e a presidenta outorgoulla para permitirlle proclamar que nunca votaría en contra dos intereses dos lucenses, que "nin mentiu nin minte" e que Lugo goza dun "dos mellores hospitais a pesar do PSOE". A indignación opositora e a hilaridade veciñal levou a Pilar Rojo a suspender momentaneamente a sesión, que se reanudou para, xa nun ambiente máis calmo e contra as dez e cuarto da noite, ratificar a tesoirada á ILP cos votos dos populares.

A Federación Veciñal anuncia novas mobilizacións: "Feijóo non ten palabra ningunha"

Neste escenario, dende a Federación Veciñal evidencian de que “esta xa non é a nosa ILP”, senón “a ILP do PP”, e por iso “imos seguir loitando” con novas mobilizacións. A xuízo do seu presidente, Jesús Vázquez, este martes ficou demostrado que Feijóo “non ten plaabra ningunha”, toda vez que o texto aprobado “non garante que se presten os servizos na rede pública” sanitaria nin tampouco “garante prazos”. “Por nacer en Lugo somos menos que o resto dos galegos e nós dicimos 'non”, conclúe.

O presidente da Federación Veciñal de Lugo, Jesús Vázquez, lamenta que Feijóo "non ten palabra" tras baleirar de contido a ILP para dotar o hospital de hemodinámica 24 horas, radioterapia e medicina nuclear.

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.