A Xunta gábase da súa resposta tardía á UE sobre a pesca do xeito

A Xunta afirma que na fase de alegacións non participaron autoridades públicas, pero Holanda si o fixo CC-BY-SA Praza Pública

Nos primeiros días de decembro unha delegación de patróns e mariñeiros galegos viaxaron ao Parlamento Europeo. Convidados pola representante do BNG na Eurocámara, Ana Miranda, fóronlles explicar ás autoridades europeas as razóns polas que a centenaria arte do xeito non debe ser incluída no regulamento co que a Comisión Europea vai prohibir as redes de deriva que, ao contrario que o xeito, son especialmente agresivas para o medio mariño. Nesas xuntanzas representantes da Comisión e eurodeputados que traballan nesa regulamentación explicaron que o xeito foi inicialmente incluído entre as artes a vetar por, entre outras razóns, a falta de información por parte do Goberno central e a Xunta, que informaron tarde sobre as características do traballo dos xeiteiros. Agora a Xunta gábase desa resposta tardía.

Nun dos encontros nos que participaron os profesionais do sector foi o propio director xeral de Asuntos Marítimos e Pesca do executivo comunitario, Hubert Gambs, quen explicou que a súa proposta "depende moito da información" que chegue dos estados membros. "Cando preparabamos" este informe a Bruxelas non chegou "ningunha sobre o xeito", explicoulles aos mariñeiros. No mesmo sentido, o xefe da Unidade de Conservación e Control da Pesca, Fabrizio Donatella, acreditou que "cando fixemos a proposta pedimos información e alguén esqueceu enviarnos a información", en referencia aos gobernos español e galego.

"Cando se estaba preparando a proposta a Comisión Europea non recibiu ningunha información sobre o xeito", indicáronlles os representantes comunitarios aos xeiteiros

Na mesma liña, os eurodeputados que participan como relatores na elaboración do regulamento, os italianos Renata Briano e Marco Affronte, explicáronlles aos xeiteiros que "cando se estaba preparando a proposta a Comisión Europea non recibiu ningunha información sobre o xeito", non houbo "ningún dato ata que se fixo a proposta". Ademais, os primeiros datos que chegaron dende o Goberno de España indicaban que os barcos do xeito eran 25, cando en realidade son 427.

A Consellería do Mar salienta que o comisario de Pesca lle dá as "grazas" polo informe que lle remitiu sobre o sector

Malia estas afirmacións dos representantes comunitarios a Xunta non só segue defendendo como "correcta" a súa non participación no trámite de alegacións da proposta -"ningunha correspondía a unha rexión nin a un Estado como tal", asegura a conselleira do Mar, Rosa Quintana, aínda que o Ministerio de Economía de Holanda si participou-, senón que asegura que as autoridades da UE parabenizan o Goberno galego pola súa actitude. Así, nunha comunicado remitido aos medios, a Consellería explica que o comisario de Pesca, Karmenu Vella, está a "recoñecer" o "esforzo da Xunta e do Estado en informar sobre a utilización do xeito en Galicia".

O comisario, di, remitiu "unha misiva dirixida á conselleira Rosa Quintana" para dar "as grazas á Xunta por compartir o seu punto de vista sobre esta proposta da Comisión". Así, o Goberno galego amosa o acuse de recibo das achegas que agora si fixo como un agradecemento polo "informe remitido desde Galicia sobre a utilización do xeito", arte sobre a que "tamén recibiu explicacións detalladas do Goberno español". Segundo a Xunta cómpre destacar que o comisario sinala que o informe da Consellería "está contribuíndo a animar o debate e as negociacións sobre o resultado final da proposta". Mentres, o pasado sábado, durante unha reunión do sector, o patrón maior de Rianxo, Miguel Iglesias, reiterou que "a Consellería non nos está defendendo como debería" ante un "problema moi serio", segundo recolle Faro de Vigo.

O director xeral terma da rede con Miranda e os xeiteiros CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.