Podemos vota dende hoxe as súas estruturas locais

Estrutura local de Podemos en Galicia. En lila os concellos con círculos da formación. En cores máis escuras aqueles que contarán con consello cidadán Dominio Público podemos.info

As persoas inscritas en Podemos en Galicia poden votar dende hoxe a ata o vindeiro martes 30 para escoller os órganos locais da formación (Secretaría Xeral e Consello Cidadán). A votación, telemática, realízase a través da web do partido e aínda que estaba previsto que comezase ás nove da mañá, o seu inicio foi adiado unhas horas por problemas técnicos.

Podemos conta en Galicia con ao redor de 13 mil persoas inscritas (unhas sete mil na provincia da Coruña, catro mil na de Pontevedra e ao redor de mil en Lugo e outras tantas en Ourense), segundo o último censo, publicado a mediados de novembro. Por localidades Vigo é a que suma máis afiliacións, cun total de 2.251 (o que lle dá dereiro a elixir un Consello Cidadán con 25 membros); A Coruña chega a 1.961 (21); Compostela a 721 (17); Lugo a 647 (17); Ourense a 605 (17); Pontevedra a 504 (17); e Ferrol a 486 (11). Fóra das cidades, hai doce vilas galegas que tamén superan os 100 afiliados e afiliadas e que, polo tanto, tamén poderán escoller o seu propio consello cidadán: Narón: 244 (11 membros), Ames: 176 (7), Oleiros: 165 (7), Vilagarcia: 159 (7), Cangas: 156 (7), Arteixo: 154 (7), Ponteareas 125 (7), Culleredo: 118 (7), Moaña: 116 (7), Cambre 109 (7), O Porriño: 108 (7) e Marín: 104 (7). Outros concellos, como Redondela, Sada, Carballo, Teo, A Estrada ou Monforte, quedaron no último censo lixeiramente por debaixo das cen persoas inscritas, non podendo de momento constituír un consello cidadán propio.

Serán 19 os concellos que en Galicia contarán cun consello cidadán local. Noutros 26 concellos tamén haberá votacións para escoller secretario ou secretaria xeral

Polo tanto serán 19 os concellos que en Galicia contarán cun consello cidadán local e máis de 200 as persoas que integren estas direccións locais, que serán paritarias. Moitas delas preséntanse agrupadas en listas, e outras fano de forma individual, xa que o formato de votación é de listas abertas, podendo realizar cada persoa tantos votos como postos a elixir, e podendo escoller persoas de distintas listas. Nestas localidades votarase ademais unha persoa para ocupar a Secretaría Xeral local. Noutros 26 concellos tamén haberá votacións para escoller secretario ou secretaria xeral, ao terse presentado en todos eles algunha persoa do círculo local para optar a liderar o partido nesa localidade. É o caso de Ribeira, A Pobra, Arzúa, Neda, Valdoviño, Ares, Cerceda, Mugardos, Betanzos, Fene, O Grove, A Estrada, Cambados, A Guarda, Gondomar, Tomiño, Lalín, Vilanova, Baiona, Burela, O Saviñao, Viveiro, Chantada, O Carballiño, Allariz, Verín e O Barco.

A elección dos consellos cidadáns locais son un paso máis no proceso de estruturación de Podemos, desta volta a nivel local. Serán este órganos e tamén os que terán na man unha decisión tan importante como a fórmula escollida para presentarse ás eleccións municipais de maio, aínda de a decisión final seguramente será adoptada polo conxunto de persoas inscritas no círculo local. Podemos xa acordou non presentarse con esta marca aos comicios municipais e apostou por facelo a través de candidaturas cidadás ou agrupacións de electores. Porén, aínda debe decidir a súa confluencia con algunha das plataformas cidadás xa en marcha, coma as mareas en Galicia (ou con outras denominacións) ou os distintos ganemos impulsados en todo o Estado.

Hai unhas semanas Carolina Bescansa reiterou que a decisión de confluír ou non con outras forzas e propostas dependía unicamente da "xente de Podemos en Galicia"

Hai unhas semanas Carolina Bescansa reiterou que a decisión de confluír ou non con outras forzas e propostas dependía unicamente da "xente de Podemos en Galicia". Que as apoien ou non, ademais das cuestións programáticas en cada localidade, estará supeditado a que as candidaturas se elixan a través de primarias abertas, que haxa un "debate aberto" para a elaboración dos programas e que os pactos postelectorais, salientan, sexan sometidos "a referendo".

En xaneiro iniciarase o proceso para elixir os órganos de Podemos a nivel galego

Os resultados anunciaranse o 2 de xaneiro, momento en que se proclamarán os candidatos e candidatas elixidas. Nese momento iniciarase o proceso para elixir os órganos de Podemos en cada unha das comunidades autónomas, tamén en Galicia. Do 7 ao 25 de xaneiro poderán presentarse candidatos e candidatas á secretaría xeral e ao Consello Cidadán, que estará formado por 34 persoas, "de forma provisional en tanto non se decida autonomamente noutro sentido". Do 26 de xaneiro ao 8 de febreiro levarase a cabo a campaña electoral e do 9 ao 13 de febreiro realizaranse as votacións. 

 

Candidatos/as á Secretaría Xeral nos concellos con Consello Cidadán

  • A Coruña: Isabel Faraldo Calvo, Isaura Rey Garrido, José Luis Fontecha Vázquez, Yordan Casañas Correoso
  • Santiago de Compostela: Víctor Casas Pou, Florentino Balado Pachón, Enrique Castro Rodríguez
  • Ferrol: Alberto Vila Tojo, Jesús Carlos del Río López, José Ángel Rodríguez Añón, Gonzalo Bellas 
  • Narón: Natalio Gómez López, Alfonso Casal Pita, Francisco Porto Saavedra
  • Arteixo: Nacho León Galiano Oliveira, Gabriel Fernández Martínez
  • Culleredo: Manuel García Leis, Juan Antonio García Boga, Francisco Sancines Rial, Juan José Taibo Noya, Iñaki Hermo Catoira
  • Cambre: Manuel Núñez Arias, María Eugenia López González, Yago Barcia
  • Oleiros: Salvador Díaz Blasco
  • Ames: Genma Otero Uhía, Manuel Pardo
  • Lugo: Javier Folgueira Lozano
  • Ourense: Alfonso Víctor Ferreiro, Jorge López Blanco
  • Vigo: José Manuel Prieto Martínez, Luis Leiro
  • Pontevedra: Marcos Fontán Cortizo, José Ángel Araújo
  • Cangas: Nelson Quinteiro Roa, Samuel Mauricio Rahier
  • Vilagarcía de Arousa: Juan Manuel da Silva Suárez
  • Moaña: Patricia Manzano Jiménez, Carlos Alberto Pizcueta Fernández
  • Ponteareas: Jonathan Martínez Tellado, José María Fernández Alonso, Patricia Reche González
  • O Porriño: Patricia Sío Bacelo
  • Marín: Ramón Costa Santiago, Roberto García Estévez, Santiago Mascareñas Nogueira
Estrutura local de Podemos en Galicia. En lila os concellos con círculos da formación. En cores máis escuras aqueles que contarán con consello cidadán Dominio Público podemos.info
Acto de Podemos en Galicia © Podemos A Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.