A Xunta tenta esquivar a trama Zeta no debate sobre corrupción

Feijóo, con Pedro Puy no debate de política xeral © Parlamento de Galicia

O pasado 27 de novembro o presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, comparecía ante o Congreso dos Deputados para explicar con que medidas o seu Goberno ía lograr que "quen a faga, a pague" nos casos de corrupción. Non o facía, como reclamaba a oposición, para dar contas da caixa 'B' do seu partido, que o xuíz e Facenda dan por probada, tampouco para ofrecer detalles verbo do sobresoldos que Luis Bárcenas asegura que pagaba nin do pagamento con cartos negros da reforma da sede na madrileña rúa de Génova. Outro 27, o deste mes de xaneiro, Alberto Núñez Feijóo imitará o seu xefe de filas e comparecerá na Cámara galega para "informar sobre as medidas de impulso democrático", o que dende o Goberno se presenta como un pleno monográfico sobre loita contra a corrupción.

Como Rajoy, Feijóo lanza esta comparecencia desatendendo as máis de 40 que xa lle formularon os demais grupos do lexislativo e que o Grupo Popular veu vetando sistematicamente. PSdeG, AGE e BNG viñeron reclamando, por exemplo, que o titular da Xunta deixase claro se existiron ou non ligazóns e favores entre membros do PP e do Goberno e os presuntos líderes da trama Zeta, a suposta rede de falsos cursos de formación que, segundo a xuíza, lideraba o empresario e militante popular Gerardo Crespo quen, segundo a investigación, chegaba ás máis altas instancias políticas grazas a un amigo do presidente, o empresario Pachi de Lucas.

O PP coida que Feijóo "acerta de cheo"

Neste contexto, prevese que Feijóo concrete un chisco máis algunhas propostas xa lanzadas, tales como poñer límites ao financiamento dos partidos políticos -o que depende, en última instancia, da normativa estatal-, ou, en verbas do líder da dereita, "blindar todos os controis que hoxe poden acreditar lagoas legais" en ámbitos como os contratos públicos. Estas intencións glósanse dende o PP cunha morea de loubanzas. "Acertou de cheo", di o voceiro popular, Pedro Puy, quen carga contra a "incoherencia" da oposición, "que nos critica tanto cando o presidente pide comparecer como cando non comparece", afirma, obviando que os demais grupos pedían unha comparecencia distinta á que se celebrará.

"Campaña mediática"

O que para os conservadores é paradigma de rendición de contas, para a oposición non é máis ca unha tentativa de iniciar unha "nova campaña mediática", un acto "cara á galería" no que o Parlamento terá unicamente a consideración de escenario". O presidente, di o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, debería "liderar un acordo sobre loita contra a corrupción" que abranga "a todos os partidos, non só ao Partido Socialista", e facelo despois "dun debate no que os partidos poidan introducir propopostas". O líder socialista agarda que Feijóo non procure simplemente unha nova foto ante os medios, agora que "parece que abandonou a idea de reducir o Parlamento", e opte por "facer as cousas ben", porque "o que lle pode pasar á política é que, ao mirar cara a atrás, non nos siga ninguén".

A oposición coida que Feijóo procura unha "nova campaña mediática" cunha "comparecencia cara á galería" co Parlamento como "escenario"

Nun sentido semellante, a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, non ve en Feijóo moito máis ca unha pose, unha "posta en escena para dicir que facemos algo", acttude "tan propia do señor Feijóo" que non servirá para atallar a corrupción toda vez que, veñen lembrando dende Alternativa, aínda non están claros episodios como o das fotos co narcotraficante Marcial Dorado ou a propia trama Zeta. Desas "perigosas relacións" pide tamén explicacións o BNG, que a través de Francisco Jorquera reclama que o debate sobre as prácticas corruptas comece por resa rendición de contas pola banda presidencial.

No entanto, di o parlamentario nacionalista, o PP disponse a "utilizar o Parlamento de escenario e aos deputados e deputadas, de ouvintes" nun pleno extraordinario do que "nin se permitiu debater a súa estrutura" e "ademais, a maioría do PP impide que os grupos presenten propostas de resolución contra a corrupción". O Bloque, avanza, presentará igualmente unha batería de propostas de "rexeneración democrática" mentres Feijóo, augura, "fará propaganda".

Solicitude de comparecencia de Feijoo rexistrada pola Xunta © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.