"Somos a base, somos pequenas persoas facendo pequenas cousas para levar a cabo grandes cambios"

Susana Fernández Blanco Dominio Público Praza Pública

Susana Fernández Blanco naceu en Fene hai 37 anos, aínda que vive en Ferrol, onde dende hai meses participa no círculo local de Podemos. Encabeza a candidatura de Galicia Pode para ocupar a Secretaría Xeral de Podemos en Galicia e o seu Consello Cidadán. Falamos con ela sobre as propostas e o perfil de Galicia Pode, e pedímoslle a súa valoración sobre distintos asuntos da política galega e española ou sobre o proceso de construción de Podemos.

Que aspectos definen a vosa candidatura? Que elementos vos diferencian das outras?

A principal característica que define a nosa candidatura é que nace a partir dun programa, dunha visión moi concreta sobre a actual situación de Galicia, que se reflicte no noso programa, unha situación moi difícil, nalgúns aspectos moito máis difícil que a do resto de España. E temos unha visión moi clara sobre o que debe ser Podemos, que debe ser construído dende a base, temos que conseguir unha maioría social.

A nosa candidatura non está constituída con ningún criterio de representación xeográfica ou de áreas temáticas. Todas as persoas que nos presentamos facémolo en representación de toda Galicia. Queremos centrarnos nas persoas e nos problemas reais de Galicia. Somos a base, somos moitas pequenas persoas, facendo pequenas cousas para levar a cabo grandes cambios. Nós non prometemos nada, só prometemos traballar para que Galicia saia adiante.

"Queremos centrarnos nas persoas e nos problemas reais de Galicia. Somos a base, somos moitas pequenas persoas, facendo pequenas cousas para levar a cabo grandes cambios"

Como valoras o sucedido en Ferrol nas votacións de decembro e a solución decidida pola Comisión de Garantías?

Todo o que sabemos é que algo irregular pasou e tamén que as persoas de Ferrol que participamos na candidatura estamos limpas. Foi un dos motivos que me animaron a presentarme, para demostrar que dende Ferrol cremos neste proxecto. O que faga a Comisión de Garantías estará ben feito, porque son persoas moi profesionais e que saben o que pasou aquí. Son eles os que deben adoptar a decisión que máis favoreza a Ferrol e ao círculo de Ferrol. O que sucedeu provocounos unha pena tremenda, foi un pau moi grande escoitar naquela rolda de prensa que Ferrol era a única localidade de toda España sen resultados. Pero queremos devolverlle a ilusión aos ferroláns. Ferrol é unha cidade que necesita moito a Podemos e hai que loitar para que isto saia adiante. O menos importante é que teñamos un órgano, non hai nada que cambie substancialmente, tampouco con respecto á participación de Podemos nas municipais.

Que posición manteredes con respecto á confluencia ou participación de Podemos en candidaturas cidadás nas vindeiras eleccións municipais en Galicia? Cales son as condicións ou liñas vermellas que deben cumprir estas plataformas? 

Nós non fixamos unha posición con respecto á participación nas municipais. Na asemblea de Podemos determinouse que será cada círculo local o que decida de que forma participa nas eleccións. As grandes liñas vermellas son as primarias abertas, a limitación dos soldos, a limitación de mandatos e cargos. E sobre todo que estas candidaturas non se convertan nunha sopa de siglas. Non queremos que outros partidos impoñan os seus candidatos. As candidaturas deben ser decididas pola maioría social.

"Nós non fixamos unha posición con respecto á participación nas municipais. Na asemblea de Podemos determinouse que será cada círculo local o que decida de que forma participa nas eleccións"

Como valoras a situación política, económica e social de Galicia?

A situación en Galicia é moi mala. Fálase dos efectos da crise en España dende o 2008, pero en Galicia hai aspectos que levamos varias décadas sufrindo: a perda de poboación, a marcha da mocidade a traballar a outros lugares... Hai que poñer freo á crise demográfica, hai que defender os servizos públicos e darlle a volta ás políticas que favorecen a sanidade privada e ao ensino privado. Hai que defender o rural, que leva moitos anos abandonado, e que debe ser unha prioridade. E deberemos dicirlle a Podemos a nivel estatal que estas son as nosas prioridades, para que nos axuden a solucionalas. Outra das grandes batallas é a defensa do naval e da industria galega, tamén o impulso ao I+D. E, en definitiva, que Galicia deixe de ser moeda de cambio.

Que pensas das críticas que algúns sectores do nacionalismo galego lle realizan a Podemos?

A min encántame que nos fagan estas críticas, porque é certo que non nos podemos esquecer da lingua e da cultura galega. Nós defendemos a lingua, somos galegos e galegas e temos que loitar pola nosa cultura, que está moi esquecida polas políticas públicas nos últimos anos. Para nós é un tema básico e para nada é excluínte co feito de pertencer a un partido de ámbito estatal. Podemos defende que España é un país plurinacional

"Quitáronnos todo, e como xa nolo quitaron todo, non temos nada que perder. Agora trátase de gañar, como nos ensinou Grecia. É máis que un cambio político, é o o inicio dun cambio social"

Que efecto pode ter a vitoria acadada este domingo por Syriza?

O que pasou onte en Grecia é o primeiro capítulo deste 2015, que vai ser o ano do cambio. Foi algo marabilloso. Estabamos todos e todas moi pendentes de Grecia, coma se fose un espello, e deunos a razón. Temos a sensación de que xogaron con nós e os países do sur estamos dicindo basta! Quitáronnos todo, e como xa nolo quitaron todo, non temos nada que perder. Agora trátase de gañar, como nos ensinou Grecia. É máis que un cambio político, é o o inicio dun cambio social.

Que importancia pode ter a manifestación convocada por Podemos o vindeiro día 31 en Madrid?

Esa manifestación é un chamamento a toda España, para demostrar que somos moitos, que non temos medo, que somos unha maioría social que podemos levar a cabo grandes cambios neste país.

Logo de Galicia Pode Dominio Público Praza Pública
Susana Fernández Blanco Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.