Crespo acusa a Feijóo de "mentir" e anuncia unha querela contra Beatriz Mato

Crespo, ante a prensa nos xulgados © CRTVG

Gerardo Crespo axita a precampaña municipal. O que segundo a Policía exerceu durante anos como líder dunha trama destinada a "cazar" cartos públicos mediante a captación de subvencións para cursos de formación que, di, a UDEF, non se chegaban a realizar, estaba citado este luns para declarar como imputado na Operación Zeta. Non declarou ante a xuíza porque, asegura, aínda non está dispoñible un informe de Facenda clave para o caso, pero si o fixo ante a prensa, de viva voz e por escrito. Ademais de proclamar a súa inocencia, o empresario e militante do PP repartiu acusacións de calibre groso contra o seu partido e, moi especialmente, contra o Goberno da Xunta, a comezar polo presidente e pola conselleira de Traballo, Beatriz Mato, a quen asegura que vai demandar.

Partindo da base de que o amplo sumario é "unha gran cantidade de calumnias" e está "inchado", Crespo aproveita para asegurar que "a conselleira e o presidente menten". Feijóo e Mato, afirma, faltan á verdade nas declaracións sobre el e tamén cando afirman que foi o Goberno galego o primeiro en denunciar o caso ante o Ministerio público. Os responsables autonómicos, afirma o propietario de Azetanet, remitiron o caso á Fiscalía para "desmarcarse" del "cando se decatan de que nos investigan". Para isto, afirma, "invéntanse unhas revogacións duns plans integrais de emprego e deixan de coller o teléfono".

No caso de Mato, á que noutrora nomeou Coruñesa del año a través da asociación veciñal que dixiría, Crespo e o seu avogado, José Ramón Sierra, acúsana de lanzar "calumnias" sobre a súa persoa e por iso "presentamos un acto de conciliación para presentar unha querela", aínda que "no xulgado estánnola freando". Despois de décadas engrosando as filas conservadoras Crespo cre agora que "o PP é a corrupción crónica e a deslealdade xeneralizada".

A defensa de Crespo proclama a súa inocencia e anuncia que vai pedir a declaración de "moitos cargos" no proceso

Como xa advertira a pasada fin de semana, Crespo afirma que durante o proceso fará uso das probas que ten acumuladas. "Todo está documentado e probado con gravacións e con testemuñas; iremos aos poucos, pero o xuíz vaino ter todo". "España perdeu liberdades, dereitos cidadáns e oportunidades con este PP" e, con ese pano de fondo, advirte, "chamaremos a declarar a moitos cargos". A intención, din Crespo e o seu letrado, é que quede "acreditado" que "os cursos foron feitos e autorizados", e por iso pedirán que comparezan "funcionarios" e persoas "doutra categoría un pouco ambigua" entre os que podería haber "asesores".

"Traballaba con Pachi Lucas porque, ou estás cos amigos, ou non traballas"

Neste contexto, Crespo resalta ademais que estivo a "traballar" co empresario Pachi de Lucas, considerado a ligazón da rede cos dirixentes políticos, porque "ou estás cos amigos ou non traballas". Sempre segundo a versión do líder de Azetanet, De Lucas é amigo do presidente da Xunta. Así e todo, e ao contrario do afirmado hai escasos días, agora asegura que "non houbo ningún pago para conseguir ningunha adxudicación". "Son totalmente inocente" e "aínda que digan que gañei moitos cartos, os cartos gasteinos nos cursos", porque "todos se fixeron" e, ademais, "antes de pagalos" os "inspectores da Xunta analizaron a xustificación económica e déronlle a validación". A causa da "gran mentira do sumario" o seu patrimonio persoal está "en quebra", láiase.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.