O BNG pide a transferencia da AP9

Peaxe da AP9 CC-BY-SA A Mesa

As deputadas do BNG Rosana Pérez e Ana Pontón presentaron este venres unha Proposición de Lei para transferir a Galicia a autoestrada AP-9, que será debatida proximamente no Parlamento e que, no caso de ser aprobada, continuaría o seu tramite no Congreso dos Deputados. Pontón denunciou que "a historia desta vía é a historia dunha discriminación e abuso continuado a todos os galegos e galegas" e lembrou que ao longo do 2014 Audasa, xestora da autoestrada, recadou cada día 320 mil euros.

Segundo destaca o BNG, dende 1979, Audasa leva ingresado en Galicia 2.257 millóns de euros. 1.700 millóns foron recadados dende o ano 2000, "un auténtico abuso”, sinalan, "se ademais temos en conta que a construción, conservación e explotación da vía supuxo 1.428 millóns de euros". Pontón engadiu que a AP-9 é "un medio máis do Goberno do Estado para que unha empresa privada faga negocio", presentando cada vez "un peor servizo".

O BNG considera "factíbel a transferencia", como o foi a A-8 a Euskadi, unha vía moi semellante á AP-9.“Non é un problema legal, é un problema de vontade política”, concluíu Pontón

O BNG considera "factíbel a transferencia", como o foi a A-8 a Euskadi, unha vía moi semellante á AP-9, destaca. “Non é un problema legal, é un problema de vontade política”, concluíu Pontón.

A parlamentaria no Congreso Rosana Pérez enmerou as diversas iniciativas e queixas presentadas polo BNG ante os colapsos de tráfico e o incremento das peaxes desta infraestrutura esencial, que vertebra Galicia de norte a sur. Pérez cualificou de “nefasta” a  xestión do Ministerio de Fomento e lembrou que as protestas polos continuos colapsos producidos durante o verán obrigaron á titular do Ministerio e aos responsables do Goberno galego a anunciar naquel momento  “sancións á concesionaria da AP-9” e mesmo declararon que “era hora para a transferencia”. Porén, na práctica, "iso non se traduciu en nada". "No Congreso dos deputados o BNG preguntou a Ana Pastor cando se resolvería o expediente de AUDASA e seguimos agardando pola súa resposta", explicou Rosana Pérez.

"No Congreso dos deputados o BNG preguntou a Ana Pastor cando se resolvería o expediente de AUDASA e seguimos agardando pola súa resposta", explicou Rosana Pérez

Rosana Pérez lembrou tamén que a AP-9 é a terceira vía máis cara do Estado español, por detrás de dúas vías catalás, e denunciou que a pesar dos constantes incrementos de tarifas, é evidente o deterioro da vía, dende Tui a Ferrol, e que se teñen producido numerosos despedimentos do persoal de cabinas. Para Pérez, a xestión da AP-9 dende Madrid “non ofrece un servizo axeitado”.

A deputada do BNG expresou así mesmo as súas dúbidas ante "a legalidade" do anuncio da obrigatoriedade do transporte pesado de circular polas autoestradas. "Sospeitamos que responde á intención do Ministerio de ofrecer unha vía de escape á concesionaria ante a perda de ingresos da AP-9”, dixo.

Peaxe da AP9 CC-BY-SA A Mesa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.