Crespo volve advertir: "Persoas moi importantes do PP están moi tocadas, teño probas"

Crespo, nun acto de Rajoy con empresarios en La Moncloa © Goberno de España

Gerardo Crespo avisa de novo. O empresario e militante do PP que, segundo a Policía, exerceu como líder da trama Zeta, a presunta rede de fraude en subvencións para cursos de formación, esfórzase dende o inicio das declaracións ante a xuíza por proclamar a súa inocencia e acusar os investigadores de manipular para inculpalo, pero tamén en lanzar advertencias contra algúns dos principais dirixentes do seu partido Apenas dúas semanas despois de resaltar que aínda non "caera" quen "ten que caer" Crespo reapareceu para asegurar que nos próximos tempos irá debullando "probas" contra "persoas moi importantes" do seu partido das que non perdoa o seu comportamento "desleal".

Nunha entrevista en Radio Coruña Crespo, que aínda non declarou ante a xuíza -non o fai porque falta un informe de Facenda, alega-, evita aclarar se, como di a súa ex contable, achegou doazóns irregulares. "Iso terei que declaralo ante a xuíza", advirte ao ser preguntado ao respecto, pero "evidentemente -afirma- o PP ten moitas cousas que tapar". "Hai moito que dicir e direino, pero primeiro á xuíza, como ten que ser". As súas revelacións, augura, van traer consigo "moitas consecuencias" para esas "persoas moi importantes", as cales "están moi tocadas". "Podo falar das persoas de maior idade" como "o presidente do Consello de Estado", José Manuel Romay Beccaría, pero tamén "do presidente da Xunta" ou "do alcalde da Coruña". "E podo seguir", resalta.

"Podo falar do presidente do Consello de Estado, do presidente da Xunta e do alcalde da Coruña. E podo seguir"

Crespo explica que a súa vontade de 'tirar da manta' débese a que os seus compañeiros de filas se "portaron deslealmente comigo", concretamente cando "se enteran de que me teñen picado o teléfono". Ao seu xuízo non é "normal" que o empresario Pachi Lucas, ao que  lle pagaba "3.000 euros, por transferencia, sen nómina" cada mes para que lle conseguise "contratacións", "non me colla o teléfóno en xaneiro [de 2012] cando o avisa o seu amigo Feijóo" de que tiña o teléfono "picado". "E segue cobrando en xaneiro, febreiro, marzo, abril e maio", reprocha. Foi "aí", na primavera de 2012, cando "me consigo sentar con el na rúa de Goya, esquina Serrano [en Madrid] e me recoñece que o sabía" pero que "non me puido avisar".

"O 5 de marzo teño un acto de conciliación con Beatriz Mato por calumnias"

O presidente da Xunta é, precisamente, un dos principais albos das iras de Crespo. Feijóo, acusa, "anda dicindo a gran mentira" de que a Xunta foi "a primeira que denunciou" este caso na Fiscalía pero "é mentira". O Goberno galego, di, acude ao Ministerio Público "cando xa estabamos todos picados, non descubriron nada". Para "salvarse", acusa, "inventaron a revogación duns plans de emprego", pero "no sumario vese claramente como menten Feijóo e Beatriz Mato", a conselleira de Traballo á que o propio Crespo nomeou Coruñesa del año en 2010 e con quen "o 5 de marzo teño un acto de conciliación por calumnias". "Querélome contra ela por todas as calumnias", toda vez que ela, afirma, di que "enganei a todos os gobernos" pero "ela descubriume". "Estamos de broma?", pregúntase, mentre reitera que todos os cursos para os que a súa empresa recibiu subvencións foron realizados correctamente.

A "bendición" de Feijóo

Todas estas advertencias prodúcense nun contexto no que Gerardo Crespo considera "incrible" que Pachi Lucas non sexa "chamado a testificar" por, asegura, ser "o mellor amigo de Feijóo". El, admite, "non é que considere moi ético" pagarlle a Lucas para que exercese de conseguidor, pero "cando tes unha empresa con 150 empregados tes que conseguir traballo" e, "cun goberno como o do PP, non os de Fraga, senón os que viñeron despois do bipartito, esixen estar cos amigos para poder traballar". Así, a Crespo "tíñao porque era amigo de Feijóo", a quen "lle pediu permiso para poder traballar xuntos". E o presidente, asegura, deulle "todas as bendicións" e mesmo lle desexou que "gañásemos canto máis, mellor". "Iso está gravado", afirma.

"Eu estiven no despacho de Bárcenas e no de Ana Pastor, faltoume estar no de Rajoy pero estiven na Moncloa"

Neste contexto, e "aínda que se portou moi mal e moi deslealmente en xaneiro de 2012", Crespo segue considerando a Lucas como "unha moi boa persoa", porque "non era dos típicos do PP que che cobran por non facer nada". "Este, cando cobraba, conseguía o que se lle pedía", toda vez que "tiña unha relación total con Mariano Rajoy, con Ana Pastor... con todos os personaxes do PP" e "podía abrir calquera porta". "Eu -ilustra- estiven no despacho de Bárcenas e no de Ana Pastor; faltoume estar no de Rajoy pero case, estiven na Moncloa". Aínda que "estamos ameazados, eu e o meu avogado", a través de chamadas nas que "din que son novo, que teño fillos e muller, que teña coidado", Crespo asegura estar disposto a "contalo todo".

Crespo, nun acto de Rajoy con empresarios en La Moncloa © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.