A liña oficial imponse e Breogán Riobóo liderará Podemos en Galicia

Breogán Riobóo e parte do seu equipo de 'Claro que Podemos' © CqP-Galicia

Breogán Riobóo Lois xa é o novo secretario xeral de Podemos en Galicia. A lista Claro que Podemos, que el encabeza, sitúase tamén ao completo no Consello Cidadán autonómico tras o proceso de elección dos órganos autonómicos da formación e impúxose con claridade ás alternativas. 

Breogán Riobóo acadou o 54% dos votos e a lista que lidera entrou ao completo no Consello Cidadán autonómico

O naronés, que foi desde a irrupción de Podemos unha das caras máis visíbeis da organización en Galicia, confirmou así as previsións e obtivo a maioría de apoios (o 54%, 1810 votos de 3868 totais) nunhas votacións que remataron este venres e que se desenvolveron durante toda esta semana e nas que participou apenas un de cada cinco inscritos no país (18.808) e nas que 520 fixérono en branco. A vitoria de Claro que Podemos é tamén a da liña oficial do partido, xa que foi a opción preferida pola cúpula do partido en Madrid, incluído Pablo Iglesias, que amosou o seu apoio a esta candidatura. 

Foi unha participación do 20,5% -inferior ao 37,6% do proceso para elixir as direccións e líderes locais- aínda que o número de votantes foi practicamente o mesmo -cunha diferenza dunhas 50 persoas- xa que nesta ocasión o censo era bastante maior. Xa que logo, os membros activos de Podemos en Galicia sitúanse neses pouco menos de 4.000 que adoitan participar nos comicios internos. 

O número de participantes nestas votacións foi case idéntico ao do anterior proceso para elixir as direccións locais: algo menos de 3.900 persoas

O triunfo de Riobóo foi claro, pero a viguesa Ana Sánchez, que encabezaba unha lista alternativa, acadou o 31,3% dos votos, polo 11% da ferrolá Susana Fernández e o 3,58% de Xaime Castaño, que acudiu aos comicios de maneira independente e sen lista ningún detrás. O curioso é que o novo secretario xeral de Podemos en Galicia non foi o candidato máis votado en Galicia, senón unha compoñente da súa lista ao Consello Cidadán, Carmen Santos, que acadou 1.867 votos á hora de elixir os 34 membros do órgano de dirección galego.

"Todos somos necesarios para facer de Podemos un actor referente na política galega e recuperar as institucións autonómicas para a cidadanía e convertelas en sedes da vontade popular", expresou nun comunicado a lista de Claro que Podemos

Breogán Riobóo (Narón, 1986) é monitor e director de ocio e tempo libre e traballa actualmente de teleoperador na Coruña. Vinculado antes ao BNG e a Anova, representa a cara máis galeguista e achegada ao nacionalismo de todas as listas que se presentaban a liderar Podemos no país e vén de asinar un manifesto no que defende o dereito de autodeterminación e unha concepción plurinacional do Estado español. 

Riobóo é partidario do dereito de autodeterminación e da confluencia de Podemos coas mareas nas municipais

Tanto Riobóo como a candidatura que lidera -ao igual que as listas municipais co mesmo nome- é claro defensor da integración e participación de Podemos nas candidaturas de unidade popular ou mareas que se están a desenvolver en varias localidades de Galicia, tal e como aclarou nunha entrevista en Praza, e defende "tecer fíos e ter unha comunicación estable coas distintas entidades sociais e movementos que operan na sociedad".

Na candidatura de Claro que Podemos, que integrará o Consello Cidadán galego, inclúense nomes como José García Buitrón, ex director do Chuac da Coruña e antiga histórica figura do PSOE na Coruña, ou Antón Gómez-Reino, coñecido activista e un dos asinantes fundacionais do Manifesto Mover Ficha, que se pode considerar punto de partida de Podemos. 

Breogán Riobóo Lois © CqP-Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.