O BNG renuncia ao envío masivo de papeletas e pide ao resto de partidos que o imiten

Papeletas dunhas eleccións galegas CC-BY-SA Merixo

O BNG vén de anunciar que levará a cabo unha campaña "modesta" de cara ás eleccións municipais do 24 de maio e que renuncia ao envío masivo de papeletas por correo "por hixiene democrática e por aforro de recursos públicos" e a pedir créditos bancarios para financiala. Anunciouno o seu secretario de Organización, Bieito Lobeira, que asegurou que renunciar ao coñecido como mailing "supón aforrar case 2 millóns de euros en Galiza de ter só en conta as forzas con representación parlamenaria". 

O BNG renuncia ao envío masivo de papeletas por correo "por hixiene democrática e por aforro de recursos públicos"

Lobeira, tamén coordinador de campaña de BNG-Asembleas Abertas, advirte que na formación nacionalista considérase "que o máis democrático é que cada elector e electora colla directamente o seu voto no colexio electoral e o deposite na urna” e cre que a proposta é acaída nestes "tempos difíciles" e convida ao resto de forzas a imitar o que o Bloque xa fixo nas pasadas eleccións europeas.

"Será unha campaña modesta pero imaxinativa e distinta á das de forzas políticas do sistema", insistiu, aclarando que levarán a cabo un campaña "do cara a cara, do boca a boca, do porta a porta, falando asociación por asociación, colectivo por colectivo, pretendendo chegar a cada veciño e veciña do noso país, en cada parroquia, concello, vila e barrio de cada cidade", para trasladarlles as alternativas "pero tamén escoitar as propostas das persoas" ás que se dirixen. 

"Será unha campaña distinta á das de forzas políticas do sistema", advirte Bieito Lobeira

Segundo establece a lexislación electoral, o "envío directo e persoal aos electores de sobres e papeletas electorais ou propaganda e publicidade electoral" está subvencionado para aquelas organizacións políticas que obteñan representación no Parlamento de Galicia, se se trata dunhas autonómicas, ou na Cámara que corresponda. Así, por exemplo, nas últimas eleccións galegas esta achega económica ascendeu a 16 céntimos por integrante do censo electoral, formado por 2.697.717 persoas a 1 de xuño de 2012, data de referencia para esa convocatoria.

A subvención pública ás forzas parlamentarias para o 'mailing' nos últimos comicios autonómicos ascendía aos 1,7 millóns de euros

Dado que as catro formacións (PP, PSdeG, AGE e BNG) obtiveron representación polas catro circunscricións electorais galegas -coincidentes coas provincias-, todas tiveron dereito a unha achega económica idéntica para sufragar estes gastos, isto é, 431.634,72 euros, o que supón un total de 1,7 millóns de euros. Non obstante, non todas declararon os mesmos gastos nin recibiron a mesma subvención polo envío de papeletas e propaganda.

Segundo o informe de fiscalización das contas electorais que realizou o Consello de Contas sobre comicios do 21 de outubro de 2012, a forza parlamentaria que máis fondos recibiu por este concepto foi o BNG, cunha subvención de 431.442,08 euros. Esta axuda serviulles aos nacionalistas para sufragar a maior parte dos seus 2,7 millóns de envíos, se ben tiveron que pagar algo máis de 17.000 euros por envíos "non cubertos pola subvención". Quen tamén tivo que pagar envíos do seu peto foi AGE, no seu caso por importe de máis de 37.000 euros fóra da subvención, que quedou en 367.869,44 euros, a mesma que recibiu o PSdeG, partido que só pagou 7,50 euros en envíos. Pola súa banda, o PP xustificou 2,3 millóns de envíos cun gasto de 293.430 euros, exactamente o mesmo que recibiu de subvención.

A proposta que agora fai o BNG non é a primeira. Outras voces políticas propuxeran antes cambios, non só polo aforro que suporía, senón co obxectivo de lograr unha maior limpeza electoral. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, consideraba "absurdo" continuar co "desbalde" que supoñen os "envíos masivos de papeletas"

Besteiro e o PSdeG xa propuxeran eliminar o envío postal de papeletas por aforro e para evitar "o carrexo" e gañar en "limpeza electoral"

Dende o seu punto de vista, suprimilos suporía unha vía de aforro e, ao tempo, de maior "limpeza" e aposta por que as papeletas de cada candidatura só estean dispoñibles nos colexios electorais "e que os votantes as collan in situ para meter a elixida na urna". "Esta fórmula -sinalaba hai ano e medio- achegaría maior transparencia e dificultaría prácticas pouco éticas que seguen a darse na actualidade", isto é, o "carrexo" de persoas que acoden ao colexio electoral cunha papeleta elixida, máis ou menos directamente, por outra persoa.

O voceiro socialista na comisión do Consello de Contas, Juan Carlos González Santín, tamén reivindicou a supresión do mailing. En opinión dos socialistas, a fin dos envíos electorais non só permitiría deixar de gastar cartos, senón que faría moito máis difícil a práctica de "levar a xente votar", isto é, a carretaxe. "No século XXI todo o mundo sabe coller a papeleta no colexio electoral", argumenta, polo que reclamaba que as papeletas estean só nos colexios.

Co obxectivo de "desaloxar" o PP

“Estamos convencidos de que á maioría dos galegos e galegas se lles ocorre un uso máis útil para eses cartos públicos, sanidade, pagamento de medicamento ou calquera outra finalidade social tendo en conta os tempos duros que estamos a vivir”, argumenta agora o BNG, quen emprazou ás outras organización políticas a facer o mesmo “para predicar co exemplo recortando un gasto prescindible e por limpeza democrática”.

Ademais, Bieito Lobeira fixo fincapé en que a campaña se financiará “exclusivamente cos propios recursos" do BNG, "sen dependencia de ningunha entidade bancaria, empresa ou lobby”, destacou.

O BNG descarta pactos a nivel nacional pero non poseriores para "desaloxar" o PP das alcaldías

En canto á propia cita electoral, Lobeira insistiu na aposta por un proxecto político “nacionalista, popular e solvente, imprescindible para superar a lousa das políticas do PP” e aclarou que o Bloque aspira "a liderar a alternativa nunha maioría de municipios" pero que, en calquera caso, estudará pactos ou acordos "programa en man as opcións posibles" co obxectivo de “desaloxar” o PP, sabendo que o PSOE ten sido “colaborador necesario” á hora de executar políticas de recorte e empobrecemento. Iso si, o BNG descartou un pacto a nivel nacional e avogou por esperar a que os galegos "falen" nas urnas o 24 de maio. 

Bieito Lobeira, secretario de Organización do BNG CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.