A Xunta insta a agardar ao "retorno" turístico para criticar o vídeo de Enrique Iglesias

Nova no tabloide británico 'Daily Mail' sobre o vídeo CC-BY-SA Praza Pública

O contrato para financiar a produción dun vídeo de Enrique Iglesias con 302.500 euros non entra dentro do ámbito da política cultural. Quen sospeitase que a polémica achega da Xunta á produtora Universal Music Spain tiña pouco que ver coa cultura obtivo este mércores a confirmación ás súas sospeitas a través do novo conselleiro do ramo, Román Rodríguez, a quen o Goberno galego enviou ao Parlamento para responder a pregunta do BNG sobre o que a súa deputada Ana Pontón considera un "desbalde". Aínda que quen paga é a Axencia Turismo de Galicia foi o titular de Cultura e Educación quen tivo que facer fronte á controversia e, sen chegar a defender o investimento nesta montaxe musical, instou a oposición a agardar polo "retorno" turístico do pagamento antes de criticalo.

Dado o "panorama" de "recortes" e "axudas raquíticas" á industria cultural galega, sinalou Pontón, o Bloque comparte a "indignación de milleiros de persoas ao ver como a Xunta lle dá a dedo ao señor Erique Iglesias máis de 300.000 euros de todos os galegos". Eses, di, son os "euros que non hai para apoiar a cultura galega" pero que "se lle poden conceder graciosamente" á produtora do cantante "por un vídeo que é un auténtico escándalo dende o punto de vista do seu sexismo", ademais de ser unha das achegas publicitarias "máis fortes" do Goberno, toda vez que, calcula, as aparicións de Galicia na montaxe veñen saír a uns "6.000 euros por segundo".

"Unha cousa é a promoción turística e outra, a dinamización cultural", evidencia o novo conselleiro de Cultura ante as acusacións de "desbalde" que lanza o BNG

"Vexo que veu o vídeo", ironizou o conselleiro, o cal "xa é algo positivo" porque o gasto da Xunta "logrou algo moi difícil". Alén da chanza, Rodríguez evita responder se "considera lóxico" realizar esta achega mentres se recortan as axudas culturais, toda vez que, di, Pontón "tenta mesturar de xeito interesado dúas cuestións diferentes", porque "unha cousa é a promoción turística de Galicia e outra, o apoio ao sector cultural; unha cousa é usar un vídeo dun artista internacional como vehículo de comunicación" e outra, "a dinamización da nosa industria e valores culturais".

"Venga, que siga la fiesta", parafraseou ironicamente a canción en cuestión a deputada do BNG. A xuízo de Pontón a contratación "non responde a ningún tipo de promoción turística", senón "á presión dunha persoa que ten intereses particulares e que recibe cartos públicos a costa de tomarnos o pelo". "Alegrámonos de que vise o vídeo", reiterou o conselleiro, convencido de que "o vai ver moita xente" e de que a propia "crítica" opositora vai "contribuír á difusión e promoción turística" do país. "Agarden a ver se é positivo ou non para a promoción turística de Galicia", reclama.

O Daily Mail retrata o vídeo, cunha "morea de rapazas"

Mentres a propia Xunta difunde a mensaxe na que os perfís de Enrique Iglesias nas redes sociais anuncian a "estrea" do vídeo -xa foi publicado fugazmente a pasada fin de semana e despois foi retirado- os seus ecos xa chegan a espazos internacionais dedicados ao turismo pero non para eloxiar a beleza de Galicia, senón para glosar a polémica polo gasto. É o que acontece, por exemplo, no portal de novas en inglés sobre o Estado español The Local, que informa nunha nova da "indignación" que está a xerar o "pagamento" do "Goberno rexional galego".

O tabloide británico destaca que o vídeo amosa unha 'rave' nun "mosteiro non identificado"

A noticia deste portal foi recollida a súa vez polo tabloide Daily Mail. O diario sensacionalista británico indica tamén que existe controversia polo pagamento, especialmente porque a achega económica estaba destinada a "promover o turismo a Galicia" pero na montaxe final se "inclúen só 45 segundos" de imaxes con paisaxes galegas ao carón "dunha morea de rapazas" que participan, entre outras escenas, nunha "rave" que se desenvolve nun "mosteiro non identificado".

Rodríguez, conselleiro de Cultura e Educación © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.