Un mandato "turbulento" en Santiago... Polas manifestacións

Hernández tira unha foto durante a convención CC-BY-SA PPdeG

O PP clausurou este domingo en Santiago a súa convención municipal. Foron dúas desas xornadas nas que o dress code impón que os traxes e americanas sexan substituídos por xerseis -maiormente de pico- e/ou camisas sen gravata para, co micrófono na man e nun escenario con cadeiras de brazos, transitar entre o ton mitineiro e a conversa entre militantes máis ou menos pretendidamente informal. Ao celebrarse en Compostela o alcalde da cidade, Agustín Hernández, tivo que exercer como anfitrión. E alí, ante a plana maior do seu partido, admitiu que este mandato municipal foi calquera cousa menos tranquilo, menos “turbulento”. Pero por nada vinculado aos innumerables avatares protagonizados polo PP da capital.

Hernández, terceiro alcalde da cidade en tres anos tras substituír no cargo a Ángel Currás, leva varias semanas tentando escapar da sombra que cobre o Pazo de Raxoi dende a primavera de 2012. Foi daquela cando o primeiro alcalde do PP, Gerardo Conde Roa, tivo que ceder o bastón de mando aos nove meses de logralo pola fraude fiscal na que incorreu coa súa empresa construtora. Conde Roa está imputado no caso Pokémon, igual que Currás, quen saíu pola porta de atrás da política tras a condena por prevaricación de máis da metade do seu goberno por decidir pagar con fondos públicos a defensa xurídica dun edil tamén presuntamente implicado na suposta trama corrupta.

Hernández obvia a Conde Roa e Currás e mantén que o mandato municipal foi “durísimo” por mor das protestas cidadás

Con este pano de fondo Hernández explica que a “lexislatura municipal” foi “durísima”. Pero, por que o foi? Polas manifestacións que se celebraron, polas protestas de diferentes colectivos sociais. Algunhas, dixo ante os seus, mesmo chegaron ao Parlamento, tanto diante do Pazo do Hórreo como na súa tribuna de convidados, na que rebentou a indignación de, por exemplo, persoas estafadas coas preferentes ou doentes de Hepatite C que claman polo seu tratamento.

Hernández obvia a fenomenal treboada que o seu partido causou no consistorio santiagués e o mesmo fai o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que se limita a gabar o “sentido común” do rexedor. En clave galega e estatal Feijóo aproveita o sexto aniversario da súa primeira maioría absoluta para tentar esconxurar un dos principais temores dos conservadores: a fuga dos votos que lles outorgaron as súas amplas vitorias do pasado. Por iso pide que "os que votaron ao PPdeG nas eleccións autonómicas de 2009 e nas municipais e xerais de 2011 acudan ás urnas este ano co mesmo entusiasmo".

Feijóo: “Dos da cella pasamos aos da coleta”

Ao partido que sustenta o Goberno da Xunta, evidencia Feijóo, non o “inspira” nin “as ideas dunha empresa de marketing”, “nin o independentismo” nin tampouco “Venezuela”, senón “os cidadáns, o galeguismo” e “os emigrantes galegos en Venezuela”. “Dos da cella pasamos aos da coleta”, chancea o presidente, quen entre o desdén ás mareas municipais -“con tanta sigla e tanta escisión calquera non se marea”, di- augura que “así como lles dixeron aos da cella ‘así, non’, agora lles dirán aos da coleta ‘así, tampouco”.

Seguir lendo en Propósito de emenda, o espazo de crónica política do Obradoiro de Praza

Feijóo, na clausura dos actos CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.