Cinco partidos galeguistas de centro conflúen en Acción Galega

Bouza, Táboas, Cuiña e Xosé Mosquera CC-BY-SA Praza Pública

Segue a efervescencia. Mentres as conversas para a formación do que se vén dando en chamar 'novo proxecto común' continúan entre avatares e ritmos diversos outras pezas do taboleiro político galego vanse ubicando. Neste caso, os movementos veñen do entorno de Acción Galega, un dos colectivos que participa no proceso do 'novo proxecto', constituído formalmente en partido o pasado 12 de abril pero aínda sen estrutura orgánica definida. Segundo puido saber Praza Pública esta formación, na que se veñen encadrando nomes como os de Xosé Manuel Pérez Bouza, Teresa Táboas ou Rafa Cuiña, podería aglutinar ata cinco partidos de ideario "galeguista" e ubicados ideoloxicamente no "centro progresista".

Atendendo ás fontes consultadas por este diario as formacións que están a confluír en Acción Galega van dende algunhas que mantiveron actividade continuada nos últimos anos en diversos puntos de Galicia, como o Partido Nacionalista Galego -o PNG, ata hai poucos meses integrado no BNG- e outros que só actuaron en localidades concretas e centrados en ámbitos municipais, como o Partido Galeguista, o Partido Galeguista Demócrata (PGD), Coalición Galega (CG) ou Terra Galega (TEGA, que iniciou unha nova andaina tras desligarse dela o ex alcalde de Narón, Xoán Gato). Ata catro destas formacións xa participaran, o pasado marzo, na creación dun "foro de diálogo" para explorar a posibilidade de "confluír nun partido", se ben algúns dos participantes, como o PNG, xa advertían daquela que, á marxe do "intercambio de pareceres" iniciado, permanecían abertos a outros diálogos e confluencias.

PNG, Partido Galeguista, PGD, CG e TEGA están a confluír en Acción Galega

O interrogante que resulta desta confluencia en Acción Galega é o efecto que, por extensión, pode ter esta unidade nas negociacións do 'novo proxecto común' e que se veñen concretando nos dous "obradoiros de ideas" que comparten con Máis Galiza, os Ecogaleguistas e o Encontro Irmandiño -a formación que lidera Xosé Manuel Beiras optou nos últimos días por non pechar aínda pactos finais, pero mantén abertas as canles de diálogo-. Neste sentido as fontes consultadas explican que o punto de contacto esencial está a ser +G, se ben puntualizan que o partido encabezado por Xoán Bascuas só está a manter, neste ámbito, contactos cos membros de Acción Galega que están a participar do 'novo proxecto' e co PNG. Do mesmo xeito, o achegamento é moi notable entre Máis Galiza e o Espazo Ecogaleguista.

Bouza, Táboas, Cuiña e Xosé Mosquera CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.