0 Gardados para despois

EU intégrase na Alternativa Cidadá de Esquerdas para as municipais en Lugo

Redacción | @prazapublica

A asemblea local de Esquerda Unida (EU) decidiu este pasado xoves integrarse na plataforma Alternativa Cidadá de Esquerdar para poder conformar unha candidatura de unidade popular de cara ás eleccións municipais en Lugo. 

"Dende hoxe quedan despexadas calquera tipo de dúbidas que puidesen existir e dende este momento, Esquerda Unida incopora todo o seu traballo, cadros, afiliación, militancia e enerxías para participar e impulsar ACE e conformar unha fronte ampla de persoas, colectivos, organizacións e partidos, capaces de darlle a volta ao noso Concello", expresó Ramón Vázquez, coordinador comarcal de EU Lugo.

EU decide apoiar ACE para "conformar unha fronte ampla capaz de darlle a volta ao Concello"

A decisión chega logo da asemblea comarcal de EU, que veu precedida dunha xuntanza mantida o pasado mércores entre os representantes e voceiros de ACE e membros do Consello Local de EU-Lugo, na que se "valorou positivamente a coincidencia programática do documento elaborado por ACE 70 bases programáticas para un goberno de unidade popular como premisa sobre a que traballar para configurar unha candidatura cidadá rupturista e sólida para o Concello de Lugo".

Podemos decidiu apoiar LugoNovo, sen dar posibilidade de votar pola opción de ACE, algo considerado "un erro" por esta plataforma

Así, o candidato proposto por EU para as vindeiras eleccións municpais en Lugo, Carlos Portomeñe, someterase aos procesos de primarias que se poidan celebrar en ACE "para sumar forzas, ideas e propostas para gañar o Concello dende o concreto dun programa transformador dirixido a construír outro modelo de cidade". "Un proxecto colectivo e participado no que todos temos moito que achegar dende diferentes ópticas e sensibilidades”, asegurou. 

O apoio de EU a ACE abre agora o abano de posibilidades en canto ás candidaturas de unidade en Lugo. LugoNovo, outra das alternativas, foi a elixida para apoiar por parte da asemblea local de Podemos, que na súa votación só deu esa alternativa entre as posibilidades, algo que xa fora criticado por Alternativa Cidadá, que amosou a súa "sorpresa e perplexidade", así como un "erro" que a formación que lidera Pablo Iglesias "tan só sometese a consideración o apio a unha das candidaturas cidadás existente". 

Ademais, ACE asegura tamén que Podemos non respondeu á súa última petición de xuntanza coa dirección local da formación. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.