Compostela Aberta: "Non nos imos confundir de inimigo"

Noriega, co resto de integrantes do primeiro treito da candidatura CC-BY-SA Praza Pública

Compostela Aberta lánzase á precampaña. Vinte e catro horas despois de seren proclamadas oficialmente como candidatas as persoas elixidas nos quince primeiros postos da lista da plataforma compostelá para as municipais do 24 de maio compareceron ante a prensa para debullaren os pasos que se dispoñen a dar tras o que consideran un "impecable" proceso de primarias, con "nulas incidencias" e a participación de máis de 1.000 persoas. Acompañados por un membro da comisión electoral da plataforma, Javi Vázquez, os aspirantes a edís da capital aseguran ser conscientes de enfrontárense a un PP que "fará imposible por defender a indecencia e por iso, afirman por boca do candidato á alcaldía, Martiño Noriega, "non nos imos confundir de inimigo".

Poucos días despois de que o propio Alberto Núñez Feijóo presentase o seu candidato, Agustín Hernández, como representante da "nova política" fronte a quen "caeron derrotados na Transición" Noriega atribúe a implicación persoal do propio presidente da Xunta ao "nerviosismo dos poderes fácticos" ante a posibilidade dun cambio en Santiago. Alén de que "alcumar como nova política" a un "goberno non electo" chegado para substituír os edís "condenados por prevaricación" sexa "unha broma de mal gusto", o alcaldable alerta da intención dos conservadores de "apuntalar unha casa en ruínas", facendo "o imposible por defender a indecencia" dos últimos anos.

Noriega atribúe a implicación de Feijóo na campaña compostelá ao "nerviosismo dos poderes fácticos" ante a posibilidade dun cambio de goberno na cidade

Neste contexto, e dende a "consciencia" de que os devanditos "poderes fácticos" se van aferrar a "manter o statu quo" Noriega sinala que en Compostela Aberta causaron "sorpresa" as "valoracións" coas que recibiron a nova candidatura "forzas políticas que non participan no goberno" de Compostela na actualidade, tales como as do candidato socialista, Francisco Reyes, que censurou abertamente o convite de Noriega a aclarar se, nun escenario sen maioría absoluta, contribuiría ou non a "reproducir" un goberno do PP. No que respecta a Compostela Aberta a súa aspiración é ser "a lista máis votada" e encabezar o próximo goberno como "motor do cambio". Con independencia de que as alianzas que cómpren se decidirán votando no seo da plataforma, resalta, "non imos favorecer un goberno como o destes catro anos".

O vindeiro día 7 a plataforma configurará en asemblea os restantes postos da lista

Este é o escenario no que comeza o traballo do primeiro treito da candidatura de CA, cuxos membros mantiveron este martes a súa primeira xuntanza como paso previo a recompilaren as propostas emanadas dos grupos de traballo que, nos últimos meses, reflexionaron sobre o que será o programa electoral, que prevén culminar nas vindeiras semanas. O vindeiro día 7 a asemblea da plataforma configurará os restantes postos da lista e, paralelamente, as persoas candidatas e demais membros da plataforma trazarán un roteiro de "interlocución coa cidade" no que, ademais de formular o seu "modelo" para o futuro, di Noriega, pularán contra o "exercicio de desmemoria" no que, acusa, está a incorrer o PP para ocultar o acontecido durante os mandatos de Gerardo Conde Roa e Ángel Currás, unha "vergoña allea para todo o país".

Mentres a candidatura de Compostela Aberta comeza a súa actividade preelectoral o actual alcalde manifestábase hoxe a prol dunha integración de Santiago con outros municipios limítrofes. Despois de que Noriega se amosase favorable á esta iniciativa e, concretamente, a prol da colaboración e mesmo dunha futura fusión entre Compostela, Ames e Teo e despois de que tamén o Clube Financeiro da cidade se expresase nun sentido semellante o aspirante conservador aseguraba este martes ser partidario de tecer un "Gran Santiago".

Comparecencia de CA ante a prensa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.