"Hai a quen lle gustaría que as municipais fosen a proba de lume de CxG e fracasase, pero non vai suceder"

Bascuas, nun acto de partido CC-BY-SA CxG

As eleccións municipais do 24 de maio serán o terceiro proceso electoral de Compromiso por Galicia. Menos de tres anos despois de ser elixido secretario xeral do partido Xoán Bascuas admite que o local é o ámbito no que, a priori, mellor se poden medir as forzas de CxG, se ben subliña que o horizonte da formación é "a longo prazo". Bascuas aspira a que estes comicios sirvan para implantar no territorio a formación, que lanza a súa precampaña este sábado cunha convención nacional en Compostela.

Presentan 41 candidaturas municipais. Cúmprense as súas expectativas ou fica por baixo do limiar que se propuxeran?
Cumpre as expectativas nun escenario normal que nos podíamos concretar. As nosas expectativas eran maiores, pero isto penso que lles pasou a todas as forzas agás ao PP. Vivimos un momento difícil para a política, onde á xente lle custa dar a cara. O ambiente político está máis caldeado ca nunca e asumir protagonismo e moito máis difícil, sobre todo no ámbito municipal, onde a proximidade é moito maior.

Estes días volveu xurdir o debate sobre a dificultade que implica, sobre todo nalgún ámbito local, dar o paso para participar nunha candidatura diferente do PP...

"Cómpre traballar para cambiar o criterio que fai que a xente teña medo de que o seu nome apareza nunha lista electoral"

Non podemos queixarnos do terreo de xogo, porque sabemos o enlamado que está e é preexistente á configuración das candidaturas, por iso temos que traballar de maneira constante para vencer esas dificultades, que non son só de política clientelar ou de vetos. Algunhas están presentes mesmo na relación e no marco cultural da veciñanza en moitos concellos. Isto implica traballar duramente por parte de todas as forzas políticas para cambiar ese criterio que fai que a xente teña até medo de que o seu nome apareza nunha lista electoral.

O PP di que son escusas de mal pagador do resto de forzas, que non forman candidaturas porque non teñen capacidade...
Cando se fala de política clientelar en Galicia moitas veces se pensa no político que oferta favores ou que manexa como se fosen monicreques os veciños e veciñas. Pero está tan inoculada na cidadanía que non cómpre que haxa ningunha presión. O propio cidadán, cando se lle convida a participar nunha candidatura, introduce elementos de reflexión como que pensarán os demais, que impacto vai ter no seu posto de traballo, como vai afectar á relación co aveciñanza... Esta é a cuestión. Aínda que tamén poida darse o caso de que se lle chanten na casa para dicir: “isto é o que  che pode pasar”.

Malia estas circunstancias, Compromiso ten un terreo especialmente propicio nas vilas medias...
De todas as forzas que foron xurdindo o noso discurso é moito máis xestionable neste tipo de territorios. Temos un discurso moito máis dixerible que outros máis rupturistas ou máis marcadamente rupturistas nestes territorios.

Neste contexto, serán as municipais a gran proba de Compromiso, o ser ou non ser?

"Temos a certeza de que un bo número de gobernos municipais van pivotar sobre a participación de CxG"

Non vou negar que existen expectativas ao respecto dos resultados para Compromiso por Galicia nestas eleccións, pero tameń é verdade que todas as eleccións son probas. Son eleccións de distintas naturezas, tantas como concellos, polo que as lecturas son múltiples. Con todo, nós temos a certeza de que un bo número de gobernos municipais van pivotar sobre a participación de CxG nestes gobernos.

Teñen un limiar para establecer o triunfo ou o fracaso?
CxG non se establece teitos. Sabemos que dende o momento que nacemos o noso camiño é de medio e longo prazo. Entendemos que estas municipais son un chanzo máis na consolidación de CxG, máis nun ámbito que é necesario para construír o noso proxecto. Se temos implantación no territorio poderemos dar pasos a maiores camiñando cara a outras metas maiores.

Non están, polo tanto, ante o que en termos deportivos sería o partido no que o adestrador ten en xogo o seu posto?
Se eu fose o adestrador, para min toda proba implica ser sometido a exame, iso asúmoo dende que fun electo secretario xeral. As eleccións son probas nese sentido e haberá que examinar os resultados no seu momento. Tamén é certo que hai quen confunde desexos con realidades e a quen lle gustaría que esta fose a proba de lume de CxG e que fracasase. E iso non vai acontecer. Xa o feito de que presentásemos este número de candidaturas houbo a xente que a sorprendeu.

A quen?
A aquelas persoas que non acreditan que Compromiso por Galicia sexa unha forza de futuro

Confían en que varios gobernos dependan de Compromiso. Se isto é así, teñen marcadas o que adoita definirse como liñas vermellas para apoiar ou non eses gobernos?

"A cidadanía está farta de que, despois de expresarse electoralmente, veñan os de Santiago a dicir con quen hai que pactar"

Dende o noso nacemento estamos insistindo en que as nosas agrupacións locais gozan dun gran grao de autonomía, case de independencia. No tocante á política de pactos non vai haber unha directriz nacional para a súa aplicación. A cidadanía está farta de que, despois de expresarse electoralmente, veñan os de Santiago a dicir con quen hai que pactar. Ademais, hai múltiples condicionantes a nivel local, mesmo de relacións persoais. Serán as agrupacións locais as que decidan a política de alianzas. Evidentemente, isto ten que pivotar sobre un acordo programático: a rexeneración democrática, a transparencia, a xeración de emprego... Son elementos que estarán presentes e evidencia que vai ser difícil chegar a acordos con alguén e menos difícil chegar a acordos con outros.

Neste sentido, un dos debates que se levan dando nos últimos anos é a relación de política e xustiza. Vostedes apostan por listas sen imputados, radicalmente. Por que?
Dixémolo dende o nacemento de Compromiso, non temos imputados nas candidaturas nin nos órganos internos. Facemos isto porque estamos falando de política, non de xustiza, onde a obriga é facer valer a presunción de inocencia. O representante político dos cidadáns ten que estar inmaculado.

Non pode existir o risco de que, con ese límite, algún demandante cun chisco de habilidade pode elixir a quen exclúe da vida política?
E xa ten acontecido. Pero aquí o que importa non é a situación persoal dun candidato, senón o proxecto político de cada forza. E CxG quere presentarse ante a cidadanía como unha proposta que é quen de dar relevos e que é quen de presentar propostas alén das persoas. Os representantes públicos teñen que ser exemplares.

Como cre que poden condicionar os resultados das municipais os seguintes procesos electorais, as xerais e as galegas?
Precisamos ter os pés chantados no territorio, nas localidades, para dispoñer dunha estrutura que nos permita proxectarnos cara a outras eleccións e canto maior sexa esa presenza, máis persoas teremos a repenicar o noso discurso.

As seguintes son as xerais. Lévase falando un tempo da posibilidade dunha candidatura galega. Como ve o panorama?

"Nas europeas CxG fixo un chamado que non resultou de interese a outras forzas; ese mesmo chamado está vixente para as eleccións xerais"

A ninguén se lle escapa que nas eleccións europeas CxG fixo un chamado que non resultou de interese a outras forzas. Foi lexítimo e cadaquén terá que avaliar a súa responsabilidade. Ese mesmo chamado está vixente para as eleccións xerais, pero cómpre facer unha reflexión acougada sobre o que pode achegar cadaquén. Agora mesmo cómpre chegar ao 24 de maio, onde sería bo que houbese unha maior representación de forzas políticas galeguistas e nacionalistas e un maior número de gobernos de progreso, galeguistas e nacionalistas no conxunto do país. E a partir de aí, operar, cada ponte hai que cruzala cando se chega a ela.

Non obstante, vostede mesmo chegou a dicir que Anxo Quintana sería un bo candidato para aglutinar esas sensibilidades... Segue vendo igual o escenario?
Mentres non muden as variables coas que se interpreta a realidade, a resultante segue sendo a mesma. E ata agora non mudaron. Tamén é certo que aquela reflexión que fixera sobre a figura de Quintana, que sigo sostendo, non debe obstar que na política non son tan importantes as persoas como os proxectos.

En calquera caso, como ve o nacemento dun movemento como Somos Nós?
Todo o que sexa artellar a cidadanía nunha idea de país está ben.

Dise que non é o mellor momento para eses movementos en clave de país. Xorden alternativas de ámbito estatal como Podemos, Ciudadanos...
Compromiso por Galicia naceu nun momento de cambio na estrutura de partidos de Galicia, que aínda non está pechada. E CxG segue sendo unha variable que tende a ser constante, isto é algo que quen interpreta a realidade política debe tomar boa nota. Hai axentes que están atravesando un momento no que deberán reflexionar sobre a súa política de alianzas cara ás eleccións xerais. Non vai ser o caso de Compromiso. En todo caso, todo o que sexa alimentar a pluralidade democrática eu véxoo ben. Hai quen di que cantas máis forzas irrompan, mellor é para o PP. Non vou negar que é así, pero no ámbito municipal non ten por que ser así; outra cousa é como se presenta o escenario cara a outros procesos electorais.

Xoán Bascuas, secretario xeral de CxG CC-BY-SA CxG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.