O BNG leva ao Constitucional o recorte de iniciativas imposto no Parlamento

Adán, Jorquera e Vence, no Constitucional CC-BY-NC-SA BNG

Como en tempos de Fraga. O Tribunal Constitucional volverá ter que ditaminar, máis de vinte anos despois, se unha Mesa do Parlamento de Galicia controlada polo PP está a vulnerar os dereitos parlamentarios do BNG. O portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, acudiu este luns á sede do TC en Madrid para, xunto co voceiro da formación na Cámara galega e a deputada Carme Adán, rexistrar un recurso de amparo contra o recorte de iniciativas decidido pola Presidencia para encaixar o Grupo Mixto e que ten como principal consecuencia que, por primeira vez, non todos os grupos poidan formularlle preguntas ao presidente da Xunta en cada sesión de control.

O recorte de iniciativas e a xuízo de Vence, "un recorte na calidade da democracia na Cámara" que "vulnera o dereito do grupo parlamentario do BNG e, de paso" os "dereitos dos cidadáns representados através dos parlamentares do BNG". A decisión, apunta o líder nacionalista, supón unha "interpretación arbitraria" do Regulamento parlamentario baseada nas "directrices do PP", aínda que iso supoña "non axustarse a dereito" nin ás propias normas internas do Parlamento. "Non imos renunciar aos nosos dereitos de facerlle preguntas ao presidente do Executivo nin ao noso cupo de iniciativas" aínda que a Presidencia teña o "propósito" de "reducir a voz e a calidade democrática" no lexislativo, afirma.

Jorquera resalta que o novo reparto implica que rixan "unhas normas para uns grupos e outras, para outros"

"Estamos dispostos a dar a batalla", asegurou Vence ante a sede do Constitucional nun contexto no que, explica Jorquera, o Bloque presenta o seu recurso porque o órgano reitor da Cámara "está a conculcar un dereito básico do grupo do BNG", ademais de "dificultar o debate político". "É unha decisión -resalta- que se toma conculcando as garantías procedimentais básicas", xa que implicou "cambiar normas en vigor para darlle á decisión un falso revestimento de legalidade". Todo isto, di o deputado, dá como resultado práctico que se aplican "unhas normas para uns grupos e outras, para outros" aludindo a unha supsta "modificación da composición do Parlamento" cando "hai un dato obvio: o grupo parlamentar do BNG é o mesmo" e "segue a ter a mesma composición" que no inicio da lexislatura.

"Unha casca baleira"

Alén do recorte concreto o Bloque enmarca este recurso no afán de frear o que, a xuízo de Carme Adán, é un conxunto de "anomalías democráticas no Parlamento galego". Así, indica Jorquera, Feijóo "négase a comparecer sistematicamente, ten convertidas as sesións de control en sesións de preguntas á oposición" e, ademais, "bloquea sempre as comisións de investigación" que pedía impulsar durante a súa etapa na oposición. 

"Eu mesma -exemplifica Adán- fun expulsada pola Presidencia" por "facer uso do Regulamento" e reclamar "dereito a intervir dez minutos" durante o debate dunha interpelación, quenda que foi restituída no pleno seguinte. "Non estamos dispostos a que o Parlamento se convirta nunha casa baleira" e por iso, di, este tipo de reclamacións supoñen "unha obriga moral".

Vence, Adán e Jorquera, no Constitucional CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.