A marea azul da Galicia rural

Casa do Concello de Negueira de Muñiz CC-BY-SA Xoacas

Partido Popular, 32; Partido Socialista 12; Bloque Nacionalista Galego, 0 e outras forzas 1. Así é como se reparte o pastel en Vilariño de Conso, Pontedeva, Larouco, Chandrexa de Queixa, Beade, A Teixeira e Negueira de Muñiz, os sete concellos menos poboados de Galicia.

 

Listas abertas

Comezamos polo menos poboado, Negueira de Muñiz. Este pequeno concello da Fonsagrada, en Lugo ten distribuídos 211 habitantes en 72,3 quilómetros cadrados, o que vén dado unha media de, aínda non tres habitantes por quilómetro cadrado. Desas 211 persoas tan só 12 son menores de 15 anos.

O proceso para escoller aos representantes é mediante listas abertas, é dicir, os veciños non votan lista pechada senón que riscan os nomes das persoas que se presentan. Actualmente o alcalde, José Manuel Braña é do PSOE e ten no seu haber 4 actas. O Partido Popular é a única oposición con 1. Pero todo queda na casa porque alcalde e opositor son curmáns.

En Negueira de Muñiz todo queda na casa: o alcalde e o opositor son curmáns

Os resultados das pasadas eleccións foron 90 votos o PSOE, 59 o PP e 27 o BNG, que presentaba de cabeza de lista Ingeborg Rossel, unha belga afincada na comuna hippie do municipio.

Braña afirma que o goberno faise “sen problema” e explica que é hora de facer un pleno a afinidade non ten que ver “coas siglas senón con temas concretos”. Sobre esta cuestión afonda que houbo cousas que consensuou mellor “co PP e outras co BNG cando tiña acta”. Aínda que pertence ao PSOE non se considera “casta” por ser o alcalde dun concello de 200 veciños”. Ao fío disto engade que fan “piruetas para sacar adiante as competencias en benestar social que a Xunta encalomou aos concellos”. “E con todo iso”, afirma, “nós non temos lista de espera no servizo de axuda ao fogar porque intentamos paliar as consecuencias sobre os veciños da política da Xunta”.

Sen relevo xeracional

Na comarca de Terra de Caldelas está o concello de A Teixeira. Ten 391 habitante, dos cales 210 son maiores de 65 anos. O municipio é un dos máis castigados pola despoboación galega. Hai 100 anos tiña 1000 habitantes distribuídos entre as súas parroquias.

Ata 1991 no concello repartíanse 11 actas de concelleiros ata que no 1995 pasaron a 7, que son as que se reparten agora. O goberno que logrou máis edís foi Coalición Galega no 1983, con 9 actas. Nas seguintes eleccións, en 1987 gañou, con 9 concelleiros, a Coalición Progresista Galega (CPG). Ese ano foi o que entrou o PSdeG no concello pero en 1995 ata 2003 esa acta pasou ao BNG que dende 2007 xa non ten representación pois mantense a composición de 5 concelleiros para o PP e 2 para o PSdeG. Por certo, o alcalde, Miguel Antonio Cid Álvarez, de 64 anos, leva desde 1995 no cargo.

Alcalde desde 1979

O concello de Beade está na comarca do Ribeiro. Reparte os seus 464 habitantes nunha área de 6,4 quilómetros cadrados.

O municipio fíxose famoso en outubro de 2013 cando unha bomba rebentou de madrugada a planta baixa do edificio consistorial, sen danos persoais pero si abondosos materiais. O aparente detonante do atentado, que non foi reclamado por ninguén, foron as declaracións do alcalde, Senén Pousa,  que afirmou que era franquista e que nunca ninguén no PP llo recriminara. O seu despacho era un altar de adoración aos vellos tempos da falanxe (retrato de Franco incluído). Ademais cada 20 de novembro pagaba unha misa na honra ao ditador e pagada do seu peto ducias de necrolóxicas recordando a morte de Franco, Primo de Rivera e todos os caídos.

Pero, como di o refrán, “o medo é libre” e en novembro dese mesmo ano o rexedor quitou do seu despacho os símbolos franquistas. Por certo, tras o atentado foi xulgado canda a súa filla e a súa neta por vexacións e insultos a un dos edís do PSOE no día dos feitos.

O alcalde de Beade, Senén Pousa, leva no cargo desde 1979. O BNG nunca tivo edil neste municipio

O caso é que a adoración de Pousa por Franco comezou, evidentemente, no máis recente posfranquismo porque é alcalde de Beade desde 1979. Nese ano entrou con Coalición Democrática (CD), no 83 pasouse á Coalición Popular (CP). No 87 presentouse baixo a marca Centristas de Galicia, unha escisión de Coalición Galega. Xa no 1991 pasouse ao PP e ata hoxe. Desde o 2007 mantén 5 actas e dúas o PSOE. O BNG nunca tivo edil neste municipio.

Sen presións populares

Chandrexa de Queixa, na comarca de Terra de Trives non xunta nin 4 catro habitantes por quilómetro cadrado. Son 525 en total, distribuídos en 18 parroquias, dos cales 20 teñen menos de 15 anos.
O seu actual alcalde, o popular Francisco Rodríguez leva no cargo desde 1991. O mellor resultado do PP foi en 1995, coas 9 actas a repartir no seu poder. Nas eleccións seguintes o municipio quedou con 7 actas e tamén foron todas para o PP.  Do 2003 ao 2007, o BNG tivo unha acta, que no 2011 pasou ao PSOE. Os nacionalistas non presentan lista para estes comicios.

"Que presións vai haber? Isto é unha democracia, pode presentar lista quen lle dea a gana"

O alcalde reflexiona sobre as recentes noticias de presións por parte do PP para que outros partidos non presenten candidaturas na provincia de Ourense. “E que presión vai haber? Isto é unha democracia ,non é? Poder pode presentar lista quen lle dea a gana, outra cousa é que non a dean feito”

Un viño despois dos plenos

Larouco é un municipio da comarca de Valdeorras. Ten 544 habitantes, dos cales 264 teñen máis de 65 anos e 36 menos de 15. 

O alcalde, o popular Joaquín Prieto é dos que menos se perpetúa no cargo: leva desde 1999. Ten 48 anos e é funcionario do Sergas. Desde o 95 ata o 2003 mantivo 6 actas e unha era do PSOE. No 2007 e ata agora o reparto foi de 5 para os populares e 2 para os socialistas. O BNG nunca tivo acta e tampouco presenta lista para estas eleccións.

Prieto afirma que "no rural non hai casta, estamos á disposición dos veciños todos os días do ano á hora que sexa. E isto cuns recursos moi escasos, que xa non podemos crear nada, só manter o que hai e con moito traballo"

"No rural non hai casta, estamos á disposición dos veciños todos os días do ano á hora que sexa"

O alcalde sostén que a campaña en núcleos tan pequenos faise "cos catro anos de goberno, aínda que nunca fas todo o que queres polos recortes. Pero o que non fixeches en 4 anos non o vas amañar con 15 días de campaña. Sobre a súa relación coa oposición sostén que a nivel persoal é "estupenda, rematamos os plenos e imos tomar un viño". Ao fío disto engade que "eu primeiro son do pobo e non do partido". "Os plenos son bastante consensuados, buscamos acordar o mellor para os veciños", engade.

600 habitantes

Pontedeva está na comarca de Terra de Celanova. Reparte 625 habitantes en 9,9 quilómetros cadrados.

Desde 1979 ata 2003 foi alcalde José González Marquina. Nestas últimas eleccións fixo a súa aparición Juan Carlos González que, cos 2 edís obtidos nas eleccións coa súa lista de independentes e apoiou a Marquina. Tras esas eleccións González comezou a presentarse polo PP. Mantén o poder na actualidade, aínda que é un dos candidatos máis renovados destes 7 pequenos concellos. O BNG só tivo un edil no 1995 e os populares obtiveron o seu mellor resultado nas pasadas eleccións con 6 das sete actas.

O concello máis poboado dos sete é Vilariño de Conso, na comarca de Viana, con 633 habitantes. A historia do seu actual alcalde, Ventura Sierra é, como pouco, intensa. No 1979 Sierra gañou as eleccións co PSdeG e así se mantivo ata 1995, intre no que a alcaldía mudou ao BNG, con Manuela González Losada, grazas a un pacto co PSOE. Porén, unha moción de censura quitoulle o poder en abril de 1996 en favor de Ventura Sierra. Desde o 99 ata o 2003, o PP gobernou en maioría con Ventura Sierra (si, leron ben, Ventura Sierra) de alcalde. 

No 2007 PSdeG e BNG pactaron un goberno con 4 edís fronte a 3 do PP, resultando alcalde o socialista Arcadio González. Porén, as desavinzas de goberno provocaron a dimisión deste en 2009. Cando chegou a hora de votar o candidato número 2 do PSOE, José Antonio Basteiro, o número 2 do BNG, Domingo Domínguez, votou a Carlos Rodríguez, é dicir, ao candidato do seu partido. Deste xeito os socialistas só contaron cos seus dous votos e o do propio Carlos Rodríguez, cabeza de lista do BNG e alcalde en funcións naquel momento. Isto provocou un empate a tres votos entre os candidatos do PSOE e do PP. E ante este taboleiro de xogo a lei estipula que desfai o empate o candidato da formación máis votada, é dicir, o PP de Vilariño de Conso. Isto deulle a alcaldía a Ventura Sierra, algo co que o veterano rexedor só podía contar no hipotético (moi hipotético) caso de que ocorrera o que ao final ocorreu.

O alcalde de Vilariño de Conso leva desde o 1979 no poder, xa pasou do PSOE ao PP e a última vez grazas ás desavinzas entre PSOE e BNG que chegaron a unha complexa situación legal que declinou a balanza cara Ventura Sierra

No 2011 o PP conseguiu 4 actas, o PSOE 2 e apareceron os independentes de Vilariño (AIVIC) que conseguiron 1 concelleiro. O BNG desaparecido en combate. 

Ventura Sierra explica que non ten "ningún problema cos seus adversarios" porque se atopan "todos os días e tomamos café". É unha competición "saudable", di, "sen rivalidade" e por iso se fai unha "campaña de amigos". Sobre o termo "casta", teno claro: "ao que Pablo Iglesias chama casta eu chámolle xente".

En total, os dous partidos máis implantados de Galicia logo do PP non presentarán candidatura ás municipais en concellos no que, nas pasadas eleccións, sumaron 56 concelleiros. O PSOE quedou sen lista en 14 concellos e o BNG en 55. Achacaron a presións caciquís populares non poder estar presentes en máis concellos malia que, no 2011, conseguiran facer pleno en todos os municipios.

 

 

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.