O PP excúlpase da ruptura do consenso lingüístico

Ana Pontón, durante a intervención no Parlamento CC-BY-SA BNG

O PP rexeitou a proposta do BNG de elevar a rango de lei o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL). Foi a parlamentaria nacionalista Ana Pontón quen reclamou o compromiso da Cámara "para que o galego ocupe o lugar que perdeu desde que goberno Feijóo e o Partido Popular". Pero a formación conservadora quedou só no seu voto negativo ao considerar "inútil" a intención do Bloque que, segundo di, "rompe con todos os consensos sobre o galego e que non ten outro obxecto que converter a lingua en centro de confrontación política”.

O PP rexeita a proposta do BNG de facer lei o PXNL por "rachar todos os consensos" e ser "inútil"

Coa súa proposta, Ana Pontón dixo pretender "o remate da política necia e antigalega que instaurou o PP coa vitoria de Núñez Feijoo” e explicou que a proposta de converter "en lei" o PXNL non só parte do BNG, senón tamén de todas as persoas que traballaron na norma e das persoas que apoiaron daquela unanimemente o Plan "para dar resposta á demanda de diversos colectivos como: Queremos Galego, A Mesa, Prolingua, Coordinadora de Traballadores pola Normalización Lingüística, Consello da Cultura e RAG".

Mentres Pontón destacou que o galego atravesa "o peor momento da súa historia", ao ser a única lingua do Estado que perde falantes, e tras facer alusión ás múltiples estatísticas que o corroboran, o PP, a través do deputado Agustín Baamonde, recoñeceu que o galego "ten problemas, pero os mesmos que teñen as linguas minoritarias ao vivir nun contexto de globalización". Ademais, defendeu o equiilibrio de linguas fronte á inmersión en Cataluña. 

Os populares cren que o galego "ten os mesmos problemas que as linguas minoritarias nun contexto de globalización"

Pola contra, Pontón considera preciso actuar e propuxo o PXNL como "base para avanzar" e defender “a democracia e dignidade do Parlamento” porque incumprir os acordos da Cámara galega é “burlarse da democracia e converter o Parlamento nun apéndice inútil”. A parlamentaria lembrou que hai dez anos da aprobación do Plan Xeral, e máis de seis que Feijóo, “decidiu enterralo” demostrando que é “especialista en dinamitar acordos”.

O Bloque acusou o PP de "rachar mesmo os acordos de mínimos" na defensa da lingua para aliñarse "coa ultradereita española" e advertiu de casos de "persecución e negación do dereito ao uso do galego", como o dunha rapaza que foi rexeitada dun traballo "por entrar hablando gallego". 

"Feijóo fixo unha auténtica contrarreforma de demolición contra o galego, retrocedeu de xeito alarmante a escasa protección e amparo do galego e desmantelar as equipas e medios  a favor  da normalización", insistiu, tras lembrar que o orzamento para o apoio á lingua na Xunta xa non chega aos 6 millóns de euros, mentres, por exemplo, "só o Instituto Cervantes conta con 114 millóns máis". Ademais, lembrou o "fracaso e estafa do decrto do plurilingüismo" e avogou tamén por medidas para impulsar o idioma nos medios, nas industrias culturais, na economía, na sanidade ou na xustiza. "Para que se poida vivir de maneira cotiá na nosa lingua". 

Baamonde acusa o Bloque de querer "a inmersión obrigatoria da sociedade ao galego"

Pero o PP deulle a volta e acusou ao BNG dunha "teima" para "impoñer a normativa da lingua, rompendo todos os consensos en materia lingüística e rexeitando a Lei de Normalización Lingüística como marco de referencia para aplicación da política lingüística”. “Desde o Partido Popular estamos convencidos de que o problema da lingua non se resolve a través da confrontación nin da imposición, senón a través da liberdade e non discriminación polo uso do galego”, apuntou Baamonde. 

O voceiro do PP en manteria de lingua foi máis alá e asegurou que o plan presentado polo BNG "non é outra cousa mais que a Lei de normalización lingüística do nacionalismo, cunha inmersión obrigatoria da sociedade ao galego”. Neste sentido, explicou que “o fan porque se ven acosados por outras forzas na súa contorna e están cedendo no seu predicamento social, polo que necesitan recuperar as únicas bandeiras que lles quedan: a lingua e a soberanía”.

Ana Pontón, durante a intervención no Parlamento CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.