A Xunta Electoral apercibe a Hernández por facer "electoralismo" na web do Concello de Santiago

Nova retirada por orde da Xunta Electoral de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

A primeira, o primeiro día. Durante última campaña autonómica galega a prensa que seguía o desenvolvemento da carreira electoral perdeu a conta dos apercibimentos recibidos pola Xunta por infrinxir a Lei Electoral. Anuncios, visitas ou supostas novas na web oficial traspasaron a liña da información e aproximáronse á da propaganda partidista, segundo as autoridades electorais, cuxas advertencias non tiveron, así e todo, maiores consecuencias. Nesta ocasión a campaña é local e un dos primeiros apercibidos é un Concello dirixido por un antigo membro daquel Goberno, o actual alcalde de Santiago e candidato do PP, Agustín Hernández, que segundo a Xunta Electoral fixo "electoralismo" dende o sitio web municipal.

A plataforma Compostela Aberta remitiu hai días á Xunta Electoral de Zona (XEZ) de Santiago a denuncia polo que consideraba un "uso propagandístico dos gabinetes de prensa" do Concello. O caso denunciado era, concretamente, o acontecido o 15 de abril, cando a web oficial publicou unha ampla nota para dar conta dunha visita de Hernández a unhas polémicas obras, as da rúa Carreira do Conde. A nota detallaba o encontro do rexedor coa veciñanza e diversas promesas ao respecto, como unha "campaña de promoción do comercio local. Para a Xunta Electoral, isto "constitúe unha infracción" da lei electoral, no que atinxe á prohibición de enxalzar os logros do goberno dende a propia institución unha vez que están convocados os comicios.

A Xunta Electoral atendeu a denuncia de Compostela Aberta e coida que o goberno local difundiu unha nova na súa web "con connotacións electoralistas"

Dende que están convocadas as eleccións, indica a Xunta Electoral, as comunicacións do Concello á cidadanía deben ficar "circunscritas á máis pura e limpa campaña de carácter institucional" e non é "lícito" facer "ostentación dos logros obtidos, dos proxectos a realizar" ou de futuros investimentos, toda vez que se isto se fai dende a web oficial "non admite crítica nin controversia" nin "respecta os principios de pluralismo político e igualdade de acceso". Neste caso, abonda, "utilizouse un medio de difusión" ao servizo do Concello para difundir "información que non se limita a proporcionar unha noticia de interese xeral sobre a conclusión dunha obra", xa que "alude ás realizacións ou plans dunha corporación local dun determinado nesgo político e con connotacións electoralistas".

Así as cousas, a Xunta Electoral considera que "a persoa responsable orgánica e funcionalmente" da web do Concello "debía e podía evitar a difusión" da nota en período electoral para velar por que a comunicación se axustase á lei. Aínda que existen "elementos suficientes" para iniciar un procedemento sancionador a XEZ decide non facelo porque isto suporía "unha importante demora" durante a cal a nova seguiría publicada. Deste xeito, ordenou retirar de inmediato a información coa advertencia de que non facelo suporía "un delito de desobedienciaá autoridade", ademais da "posible infracción electoral" ao respecto da publicidade de logros do Goberno. A nova xa non figura na web.

 

 

 

 

 

 

 

 

Imaxe da reunión publicitada na nova retirada © Concello de Santiago
Xuntanza de Compostela Aberta, este venres CC-BY-SA Compostela Aberta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.