As últimas enquisas da campaña deixan a Feijóo cunha soa maioría absoluta nas cidades

Capas dos medios que publicaron enquisas este domingo CC-BY-SA Praza Pública

Panorama aberto na maioría das cidades e unha soa maioría absoluta urbana para o PP. Este é o escenario que debuxan as últimas enquisas da campaña electoral do 24-M en Galicia. No derradeiro domingo con enquisas publicadas as casas demoscópicas que elaboraron estes traballos debuxan unhas corporacións municipais marcadas pola pluralidade e nas que PP, PSdeG e BNG terían na man cadansúa maioría absoluta en Ferrol, Vigo e Pontevedra, respectivamente, mentres que a Marea Atlántica e Compostela Aberta terían diante de si a posibilidade de liderar gobernos de esquerdas na Coruña e Santiago.

A única enquisa que abrangue as sete cidades, a do instituto demoscópico de La Voz de Galicia, é a que sinala a posibilidade de que o PP amarre unha maioría absoluta urbana, a de Ferrol. Segundo este inquérito José Manuel Rey mantería os seus trece concelleiros e mesmo aumentaría catro puntos na súa porcentaxe de voto. O resto da corporación mudaría notablemente a respecto da actual; Ferrol en Común emerxería con 4 edís, só un menos que o PSdeG, e o BNG ficaría en 1. No caso de non acadar os 13 o PP podería explorar unha eventual alianza con Ciudadanos, que segundo esta enquisa lograrían 2 edís. 

Nas outras dúas grandes cidades da provincia coruñesa, sustento da cúpula popular de Feijóo, abriríase a posibilidade de gobernos alternativos encabezados pola Marea Atlántica e Compostela Aberta, segundo La Voz. No caso da Coruña o PP de Carlos Negreira obtería 12 edís, 2 menos da maioría absoluta, e pola esquerda a Marea Atlántica estrearíase con 7. Os socialistas terían 4 e o Bloque, 2. O desequilibrio podería chegar da man do partido de Albert Rivera, ao que o inquérito lle dá 2 edís. Na capital galega Agustín Hernández perdería dous edís e ficaría en 11, mentres que Compostela Aberta podería encabezar unha maioría alternativa con 8 concelleiros. O PSdeG tería 4 e o BNG, 2.

A Coruña e Santiago figuran tamén noutras sondaxes desta fin de semana, as publicadas por Faro de Vigo e El Correo Gallego. O rotativo vigués tamén augura que o PP da Coruña non lograría a absoluta e ubícao entre os 12 e os 13 edís. Faro ubica o PSdeG como segunda forza, con 5 ou 6 edís, seguidos por 5 da Marea Atlántica e 1 ou 2 do BNG. Tamén aquí os desequilibrantes serían os representantes de Ciudadanos, que este inquérito cifra en 2 ou 3.

Segundo El Correo o PP de Santiago estaría entre os 11 e os 12 edís e Agustín Hernández podería explorar o pacto con Ciudadanos, que tería 1. A banda esquerda da corporación tamén figura, segundo este inquérito, encabezada por Compostela Aberta, con 6 edís. Os socialistas terían 5 e o Bloque, 1.

Maiorías de Caballero e do BNG pontevedrés

As outras dúas maiorías absolutas urbanas de Galicia tras o 24-M serían, segundo estes inquéritos, as de Vigo e Pontevedra. Tanto Faro como La Voz coinciden en augurar que Abel Caballero seguirá sendo alcalde vigués e que ostentará tal condición, ademais, cunha maioría absoluta. Segundo a enquisa de Ipsos para Faro Caballero estaría ao bordo dos 14 edís que outorgan a absoluta, mentres que o PP perdería 4 edís e caería ata os 9. A corporación completaríana a Marea de Vigo, Ciudadanos e o BNG, as tres forzas con entre 1 e dous concelleiros. Segundo La Voz o PP tería un concelleiro menos, quedando en 8, a Marea e Ciudadanos obterían 2 e o Bloque, 1.

Caballero afianzaría a súa posición en Vigo e Miguel Anxo Fernández Lores faría o propio en Pontevedra. Sondaxe augura que o candidato á reelección polo BNG podería gobernar en solitario ao obter os 13 edís necesarios para facelo. A oposición estaría encabezada polo PP, con 9 concelleiros, mentres que os socialistas caerían aos 2 e Ciudadanos estrearíase con 1. Mentres, Faro de Vigo réstalle un edil a Lores e ubica ao PP entre os 8 e os 9, coincide en darlle 2 ao PSdeG e entre 1 e 2 a Ciudadanos, indicando ademais que a Marea Pontevedra lograría un edil.

Corporacións máis plurais nas cidades do interior

Orozco volvería encabezar a corporación lucense e Jesús Vázquez tería que pactar con Democracia Ourensana para gobernar

Nas dúas cidades do interior os inquéritos debuxan panoramas ben diferentes. En Lugo o PSdeG parte con posibilidades de ser a forza máis votada e lograr 10 edís, segundo La Voz, que lle dá ao PP o mesmo número de concelleiros, 2 menos que na actualidade. A baixada en porcentaxe de votos dos dous grandes partidos permitiría, augura Sondaxe, que o BNG mantivese as 2 actas da actualidade e a chegada ao Concello de duas novas forzas políticas: Lugonovo, con 2 edís, e Ciudadanos, que tería 1.

En Ourense as dúas enquisas deste domingo, de La Voz e La Región, amosan panoramas moi fragmentados co PP en cabeza, pero sen maioría absoluta. O diario coruñés indica que Jesús Vázquez tería 12 edís e que podería completar a maioría con 3 de Democracia Ourensana. A segunda forza da corporación sería o PSdeG, con 8 actas, e BNG e Ourense en Común terían 2 cada un. Mentres, La Región pon aos populares nun abano de entre 10 e 12 edís e a DO, entre 3 e 4. Os socialistas, segundo este xornal, lograrían 9 ou 10, e o Bloque, 2 ou 3, e tanto Ourense en Común como Anova moveríanse entre cero e dous.

Feijóo, pedindo o voto para Rey Varela en Ferrol CC-BY-SA PPdeG
Acto da Marea Atlántica CC-BY-SA Marea Atlántica
Acto de Compostela Aberta CC-BY-SA Compostela Aberta
Mitin do BNG en Pontevedra CC-BY-NC-SA BNG
Evento electoral de Caballero © PSOE Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.