Cando votas no garaxe do veciño

Casa onde se instala o colexio electoral de Cexo, Verea (Ourense) CC-BY-SA Praza Pública

Os romanos usaban a expresión da res publica para referirse a varias cousas. Por unha banda, ao Estado ou Imperio Romano, pola outra á República romana e tamén á política e as súas actividades en xeral. Etimoloxicamente é a orixe da palabra república e, conceptualmente, do termo inglés commonwealth. O uso do latinismo vincúlase cos conceptos actuais do sector público e Estado e cos conceptos tradicionais do ben común.

"Cando pechamos a taberna, as votacións pasaron para o garaxe, despois para o garaxe do fillo e agora xa traen unha caseta de obra aí na finca do fillo porque hai un pozo negro e xa meten os tubos para o baño"

Para os gregos os idiotas eran aqueles cidadáns que, precisamente, non participaban da res publica. Na actualidade a abstención á hora de votar é habitual e sempre hai unha bolsa de cidadáns que o día das eleccións non levan a cabo o dereito fundamental da emisión do voto. Pero a cidadanía galega que decide facelo, conta con todos os garantes democráticos? A carretaxe é un fenómeno coñecido, pero non só. Como se sentirían vostedes se tivesen que votar na casa do seu veciño?

No corazón de Oza dos Ríos

A casa de D. Manuel Naveira Seoane está en Rodeiro, un lugar encravado entre montes de carqueixa e xesta no termo de Oza. Na zona máis alta un pode contemplar xa o mar que entra na ría de Betanzos. "A casa de votar?", indica unha veciña, "subes esa costa e é unha amarela, bueno, esa é a do pai, que agora vótase na do fillo". 

Antonia, na casa que foi durante anos colexio electoral en Rodeiro, Oza dos Ríos (A Coruña) CC-BY-SA Praza Pública

Na cima da costa unha ampla casa amarela érguese con maxestuosidade. Antonia, a muller de Manuel, abre a porta. "Eu explícoche o que queiras", di, "meu home está nuns recados". 

"Primeiro votábase aquí, nesta casa que é onde estaba a taberna", explica, "cando pechamos a taberna pasou para o garaxe, despois para o garaxe do fillo e agora xa traen unha caseta de obra aí na finca do fillo porque hai un pozo negro e xa meten os tubos para o baño", conta, "agora poñen a caseta porque antes a xente da mesa, cando era no garaxe, protestaba". 

"A min agora non me molesta", explica, "o rollo era cando era na taberna que tiñas que estar pendiente da xente que viña votar e pedía café e tal", di. "Se cadra hai quen pensa en cousas raras", engade, "pero a mesa está aquí por unha cuestión moi simple, que é a de que esta é a casa máis céntrica da zona que vota aquí". 

"Se cadra hai quen pensa cousas raras pero a mesa está aquí por unha cuestión moi simple: é a casa máis céntrica da zona"

O certo é que no Boletín Oficial Provincial (BOP) a dirección que figura para votar é a da casa de Antonia, pero xa todos os veciños saben que é na de enfronte, a do fillo. "Eu que sei, as cousas cando xa se fan así de hai tantísmo tempo non as cuestionas, pero ter tiña que haber un local social para estas cousas, público, refírome", di unha veciña.

A casa de D. Rogelio Boado, di o BOP, está en Porzomillos, tamén en Oza. En realidade atópase mellor se preguntas polo bar Hortensia. Raquel, a súa filla, conta que na parte de atrás hai "un local, o concello pide permiso e habilítase". "Non adoita haber problema, tampouco para as consumicións, porque a xente vén moi repartida", di Raquel. "Agora estase facendo no campo de fútbol un local social e xa parecía que se ía usar para estas eleccións, pero ao final, non foi", engade.

"o de votar nun sitio que non é público é unha trapallada. Eu son socialista de toda a vida, non? e imaxínate que no bar no que tes que votar son do PP e claro, votas e tomas un café, e  por que vas ter que tomar o café e deixarlles carto?"

María, unha das veciñas que votan na mesa di que "o de votar nun sitio que non é público é unha trapallada. Porque a ver, eu son socialista de toda a vida, non? e imaxínate, pon por caso, que no bar no que tes que votar son do PP e claro, votas e tomas un café, e  por que vas ter que tomar o café e deixarlles carto?". "Votar é un dereito, e se é un dereito, as institucións terán que garantirche sitios para facelo, non bares nin galpóns nin garaxes", engade.

Casa parroquial de Fontei (A Rúa) na que os veciños votarán este domingo CC-BY-SA Praza Pública

Non moi lonxe, en Roibeira, no termo de Betanzos, está a casa de Don Luis Carro Fraga, ou o que é o mesmo, a parrillada ChimiChurri. "As votacións aquí xa levan moito tempo, eu que sei, uns 15 anos", di Luis. "E eu que sei porque foi aquí, pois porque non había outro sitio, antes estaban noutra casa, pero os dese sitio botáronos, non querían alí máis o conto este". "Vótase alí, no baixo que está pegado ao restaurante", explica, "tampouco me ocasiona problemas, o único porque tes que limpar e preparalo todo ben para que estea cómodo". "Mira, alí en Roibeira de abaixo, o concello ten terreos, eu non sei por que non fan alí un sitio, total, chega cun baixo con baño, pero que sexa do concello, que é como ten que ser", afirma.

"Votar é un dereito, e se é un dereito, as institucións terán que garantirche sitios para facelo, non bares nin galpóns nin garaxes"

Nos altos de Ourense

Cexo está no concello de Verea, na comarca da Terra de Celanova. Unha paisaxe idílica conduce a esta pequena parroquia. Polo camiño, un cemiterio de rara arquitectura anuncia, na súa entrada: "Na memoria de todos os que aquí xacen, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu". 

A casa de D. Antonio Alonso está contra o final da zona poboada da parroquia. É unha edificación curiosa que anuncia que a estrutura coñeceu tempos cun negocio dentro. Dentro escóitase ruído pero ninguén responde ao timbre. "Nena, non sei se che abrirán, sonche algo raros", berra un veciño mentres pasa no tractor. E efectivamente, ninguén abriu. 

Carlos é un dos membros da lista do PSdeG en Verea e veciño de Cexo. "A min non me importa nada que poñas o meu nome que o que che digo a ti dígollelo a eles á cara tamén", comeza. "Mira, a casa esa é a casa dos do Capellán, que é como lles chaman a eles", conta, "antes aí no baixo era unha cousa medio bar medio tenda, agora pois vótase aí no garaxe e iso que ves fóra son os baños". "O de votar", continúa, "leva moito tempo sendo aí", queda cavilando, "el tamén andivera metido en política e... bueno". "Aquí tiña que haber un localiño para iso, como en todos lados, e será por sitio aquí!", di, "pero claro é que o concello por aquí pasa a buscar votos e nada máis, que por non ter non temos nin as cunetas desbrozadas".

"Aquí tiña que haber un localiño para votar pero é que o concello por aquí só pasa a buscar votos e nada máis"

No centro da Rúa, tamén en Ourense, o colexio electoral está en alugueiro. Polo momento non haberá que mover o sitio onde os veciños votan porque o dono da antiga sala de xogos, aínda non atopou persoa interesada na oferta. O cartel de "Se alquila" ofrece, se cadra, unha boa metáfora da democracia na terra de Baltar.

Vodas, bautizos e votacións

Lisardo Paradelo leva sendo párroco de Fontei, na Rúa, 12 anos e xa sempre acorda as votacións na casa parroquial, que "é onde hai a catequese e os cursiños prematrimoniais", explica. Mentres fala sóalle o Iphone "pois o dos pinchos a ver porque claro, o domingo o local está ocupado coas votacións". "Desculpa, é que mira, precisamente, o domingo son as confirmacións dun grupo de rapaces e claro, queríamos facer aí os pinchos, pero como hai eleccións xa nada", conta, "ao final isto máis ca unha casa parroquial xa parece un local multiusos".

"O domingo son as confirmacións dun grupo de rapaces e claro, queríamos facer os pinchos na casa parroquial, pero como hai eleccións xa nada"

"Molestias causa, claro que causa", di, "que cando as votacións son en inverno iso é frío coma un demo e claro, non vas ter á xente morrendo e hai que poñer unha estufa todo o día, pero a factura pagámola nós", engade.

Para Íñigo, veciño da Rúa e votante ata hai pouco neste centro parroquial, este tipo de ubicacións dos colexios electorais, non son sorpresivas porque "a carencia de instalacións públicas é un signo da xestión tradicional e clientelista do PP no rural de Ourense".

Durante a II República era común o voto nas casas dos curas e, segundo a corda do cura, adoitaban gañar monárquicos os republicáns. 

Apartamento turístico ou colexio electoral

No lugar de Soldón, en Lugo, o río e o entorno ofrecen un encrave perfecto entre as provincias de Lugo e Ourense para pasar unha fin de semana. A casa de D. Luis V. Arias, conta o BOP, é o sitio onde os veciños deben ir votar. "Tes que dar a volta e xa vas ver uns apartamentos turísticos onda o río e preguntas alí", explica un veciño. Soprendentemente non era só preguntar, senón que sitio indicado no BOP era alí. "Antes o colexio electoral era en dúas cantinas alá nas Novais", conta Luis, o dono dos apartamentos, "pero aquilo agora está abandonado de todo e xa non serve".

"Estas cousas tiñan que estar ubicadas en centros sociais ou escolas unitarias reformadas, por exemplo"

"A min non me causa ningunha molestia", continúa Luis, "fun concelleiro moitos anos e non me importa que os veciños usen isto para exercer o dereito do voto". A mesa instálase nun local pola parte baixa dos apartamentos onde tamén hai baño. "De todos os xeitos", matiza, "estas cousas tiñan que estar ubicadas en centros sociais ou escolas unitarias reformadas, por exemplo".

Conseguir o dereito ao sufraxio universal foi unha loita encarnizada do pobo contra os poderes fácticos imperantes. Hoxe en día a loita debe ser porque eses dereitos teñan os garantes precisos para ser levados a cabo con tranquilidade, con seguridade e sen coacción. E para iso non podes votar no garaxe do teu veciño. Porque o público é público e o privado, privado. E xa saben o dito galego que separa amizade de negocios: Amigos si, pero a vaquiña polo que vale!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.